Simone Weil
Simone Weil, nada en París o 3 de febreiro de 1909 e finada en Ashford o 24 de agosto de 1943, foi unha filósofa francesa.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Simone Weil nace en París no seo dunha familia xudía, intelectual e laica. Foi alumna do filósofo Alain, ingresando aos 19 anos na École Normale Superieure; graduouse en 1931.[1] Durante algúns anos foi profesora de instituto até que decidiu traballar como simple obreira. Un diario conservador ponlle o alcume de "a virxe vermella", pola súa estraña combinación de preocupacións pola situación social e pola pureza e a verdade. Despois dun breve retorno á docencia, en 1936 participa na guerra civil española, xunto a grupos anarquistas, pero un accidente obrígaa a volver a Francia.
En 1937 visita Italia, e en Asís inicia unha aproximación cara ao catolicismo, ou máis ben a unha forma de relixiosidade esencial.
En 1942, fuxindo do nazismo, parte coa súa familia a Nova York, pouco despois volve a Londres para participar nas actividades da Francia libre. Intentando compartir a desventura e o sufrimento da guerra co movemento da resistencia, pediu intervir nalgunha misión perigosa[Cómpre referencia], pero só conseguiu traballar nas oficinas de "France libre" en Londres, redactando informes.
En 1943 diagnostícanlle tuberculose, aínda que había xa tempo que estaba enferma. No hospital négase a consumir alimentos e déixase morrer.
Albert Camus describiuna en 1951 como "o único grande espírito do noso tempo".[2]
Pensamento
[editar | editar a fonte]As obras de Simone Weil, que foron publicadas todas a título póstumo, darían lugar a interpretacións de corte católico, marxista, e tamén feminista. Nos difíciles anos nos que viviu tan só chegou a publicar artigos e ensaios nalgunhas revistas de tendencia trotskista, aínda que chegou a ser bastante coñecida sobre todo por frecuentar os ambientes do sindicalismo revolucionario. Nela está baseada, por exemplo, a polémica personaxe de Lazare que Bataille creara para a súa novela O azul do ceo.
No seu primeiro traballo sobre Descartes xa está a idea de que o traballo xera ciencia e coñecemento, é produtivo, mentres que o poder é sempre unha instancia parasitaria. Weil rexeita o mito revolucionario do poder positivo; aínda que se trate dun poder proletario, sempre é necesaria algunha resistencia que se lle opoña. Neste senso, estaba próxima ás tendencias trotskistas, de feito traduciu ao francés A revolución permanente de Trotski e mantivo un longo diálogo con el durante a súa estadía en París.
Mentres que Trotski seguía a propoñer os partidos obreiros como suxeito revolucionario, Weil cría que só os sindicatos poderían dar vida á "Fronte única", pero estes atopábanse paralizados polos partidos. Para Weil, a revolución e o comunismo xa morreran en 1933 en Europa, vencidos polo totalitarismo, mentres que na URSS, a revolución levada a cabo "nun só país" transformara este nun inmenso cárcere.
Ademais, fronte ao que pensaba Marx, Weil cre que a organización do traballo non é facilmente transformábel, xa que o poder non só o exercen os capitalistas, senón tamén a burocracia técnica e administrativa. Ademais, a Marx escapóuselle o carácter indeleble das relacións de subordinación económica e social, o compoñente de necesidade no traballo obreiro ou de subordinación a forzas naturais e sociais obxectivas, e o mecanismo de loita polo poder inherente á esencia humana.
A única posibilidade é reducir o nivel de opresión humanizando a vida laboral. O traballo é un valor humano, non unha cousa calquera da que nos poidamos desprender; de aí o grande erro do movemento obreiro, que levou a crear, con Lenin, unha sociedade que oprimiu coa esperanza de liberar.
Unha sociedade civil xusta sería aquela na que estas necesidades fosen satisfeitas para todos e todas e na que o ordenamento lexítimo non estivese fundado no poder, senón na autoridade e no ben.
A súa última obra Arraigo, escrita entre 1942-43, é unha declaración dos deberes cara ao ser humano. Nela propón unha fundación do "dereito natural das xentes" alternativa á Declaración universal dos dereitos do home e o cidadán de 1789, na que a base non fosen os dereitos, senón os deberes de cada ser humano con respecto aos demais.
Obra
[editar | editar a fonte]- Ciencia e percepción en Descartes.
- Ensaios e artigos sobre a crise alemá.
- Reflexións sobre as causas da liberdade e da opresión social.
- A condición obreira.
- Algunhas reflexións sobre as orixes do hitlerismo.
- A Ilíada, poema da forza.
- Deus en Platón.
- Opresión e liberdade.
- Escritos históricos e políticos.
- Arraigo. Preludio a unha declaración dos deberes cara ao ser humano.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Inwagen, Peter Van (2004). Christian Faith and the Problem of Evil (en inglés). Wm. B. Eerdmans Publishing. ISBN 9780802826978.
- ↑ Hellman, John (30-10-2010). Simone Weil: An Introduction to Her Thought (en inglés). Wilfrid Laurier Univ. Press. ISBN 9781554587025.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Fernández Buján, Inés (2006). As mulleres na filosofía. A Coruña: Baía. ISBN 978-84-96526-48-8.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- A filósofa do sacho dentro da serie 'Sophias' do Consello da Cultura Galega.
- Páxina con frases de Simone Weil (en castelán)
- Traducións de textos de Simone Weil (en catalán)