Simpsons Roasting on an Open Fire
Episodio de The Simpsons | |||||
---|---|---|---|---|---|
"Simpsons Roasting on an Open Fire" | |||||
Episodio número | 1 | ||||
Código de produción | 7G08 | ||||
Data orixinal da estrea | 17 de decembro de 1989 | ||||
Produtor(es) executivo(s) | James L. Brooks Matt Groening Sam Simon | ||||
Escrito por | Mimi Pond[1] | ||||
Dirixido por | David Silverman[1] | ||||
| |||||
|
"Simpsons Roasting on an Open Fire", tamén coñecido como "The Simpsons Christmas Special"[1], é o primeiro episodio da serie de animación The Simpsons que estaba pensado para que, orixinalmente, fose o oitavo episodio producido para a primeira temporada. A súa estrea orixinal foi na cadea FOX o 17 de decembro de 1989. No episodio, Homer descobre que non cobrará a paga extra de Nadal, polo que a familia non terá cartos para mercar agasallos de Nadal. Decide manter en segredo os seus problemas financeiros e consegue un traballo como Santa no centro comercial, aínda que logo comproba que non está ben pagado. Desesperado por un milagre, Homer e Bart acoden ás carreiras de cans en Noiteboa coa esperanza de gañar algo de diñeiro nas poxas.
O episodio foi escrito por Mimi Pond e dirixido por David Silverman[1]. O título alude á canción "The Christmas Song" ("Canción de Nadal"), tamén coñecida como "Chestnuts Roasting on an Open Fire"[1] ("Castañas abrasándose nunha fogueira"). "Simpsons Roasting on an Open Fire" foi nomeado a dous Premios Emmy en 1990 e recibiu críticas positivas por parte dos críticos televisivos. Tivo unha audiencia de 13,4 millóns de espectadores na súa data orixinal de estrea nos Estados Unidos.
Sinopse
[editar | editar a fonte]Homer, Marge e Maggie asisten ao espectáculo de Nadal de Bart e Lisa na Escola Primaria de Springfield. Xa na casa, Marge pregúntalles a seus fillos que queren por Nadal e Bart pide unha tatuaxe. Cando Marge, Bart e Lisa van facer as compras de Nadal ao día seguinte, Bart entra nun establecemento no que fan tatuaxes e elixe facerse un que pon Mother (Nai, en inglés). Cando Marge atopa o seu fillo, este tan só ten escrito Moth (couza). Entón, Marge lévao a unha clínica para sacarlle a tatuaxe, gastando todo o diñeiro que ten no seu bote de aforros. Mentres tanto, na Planta de enerxía nuclear de Springfield Homer entérase de que ese ano non vai recibir a paga extra de Nadal.
Cando Homer volta do traballo e Marge lle conta que perderon o diñeiro de Nadal, decide non contarlle a ela as súas malas novas. En vez diso, vai facer el mesmo as compras, mercando agasallos baratos. Na Taberna de Moe, Homer atópase con Barney Gumble vestido cun disfrace de Santa Claus. Seguindo o consello de Barney, Homer vai traballar ao centro comercial disfrazado de Santa. Bart e mailos seus amigos foran alí a amolar aos que facían de Santa, e Bart descobre que o seu pai é un deles ao levantarlle a falsa barba (un reto que lle puxera o seu amigo Milhouse Van Houten. Homer enfádase, pero Bart dille que non revelará o seu segredo ao resto da familia.
Homer recibe a súa paga por facer de Santa, pero desanímase ao comprobar que só obtén 13 dólares. Barney, quen tamén recibiu un cheque coa mesma cantidade, suxírelle que vaia ao canódromo para poxar e gañar cartos rapidamente. Cos ánimos de Bart, Homer decide xogar toda a súa paga e leva a Bart con el. Aínda que Barney lle recomenda que poxe polo can chamado Whirlwind, Homer decide poxar no último segundo por Santa's Little Helper ("Pequeno axudante de Santa Claus"), crendo que é un sinal que teña ese nome. Santa's Little Helper, porén, acaba de último (supostamente por 25ª vez) e o seu dono o abandona. O can segue a Homer e mais a Bart, quen decide quedar con el. Cando chegan á casa, Homer vai contar á súa familia todas as súas desgrazas, pero elas (Marge, Lisa e Patty e Selma Bouvier, as irmás de Marge) pensan que trouxo o can como agasallo e todos teñen un feliz Nadal[2][3].
Finalmente, durante os créditos finais, a familia canta "Rudolph the Red Nosed Reindeer", canción á cal Bart lle engade palabras, facendo que Homer o estrangule.
Produción
[editar | editar a fonte]A canle FOX estaba moi nerviosa sobre o programa porque non estaban seguros de se poderían captar atención da audiencia durante a duración do episodio[4]. Os produtores propuxeron facer tres curtametraxes de 7 minutos por episodio e catro especiais ata que a audiencia se axustase[4]. Ao final, decidiron por pedirlle á FOX a produción de 13 episodios de 20-22 minutos[5]. A temporada estaba prevista que se estrease no outono de 1989, pero debido a grandes problemas coa animación de "Some Enchanted Evening", en vez diso, a temporada comezou o 17 de decembro de 1989 con este episodio. Ao final, "Some Enchanted Evening" foi estreado ao final da temporada[6].
Este episodio, sendo o primeiro en estrearse, carece da famosa secuencia de apertura que foi logo engadida no segundo episodio cando Matt Groening, o creador, cavilou na idea resultante dunha secuencia longa de apertura con menos animación[4].
David Silverman dirixiu este episodio, aínda que Rich Moore fixo o storyboard e deseñou a Flanders. Varias escenas foron presentadas por Eric Stefani, irmán de Gwen Stefani[7]. Neste episodio, Barney ten o seu pelo amarelo, igual que a súa pel, pero foi trocado máis adiante debido a crenza de que só a familia Simpson podía ter tal pelo[4].
Primeiras aparicións
[editar | editar a fonte]Neste primeiro episodio fan a súa primeira aparición os seguintes personaxes[1]:
- Seymour Skinner
- Milhouse Van Houten
- Moe Szyslak
- Montgomery Burns
- Barney Gumble
- Patty e Selma Bouvier
- Ned Flanders
- Todd Flanders
- Santa's Little Helper
- Snowball II
- Dewey Largo
- Lewis
Snowball I é mencionado por primeira vez e Waylon Smithers pode ser escoitado polo altofalante na central nuclear, pero non se ve[1].
Recepción
[editar | editar a fonte]Este episodio foi nomeado a dous Premios Emmy en 1990 nas categorías: "Mellor programa animado (unha hora ou menos)" e "Mellor montaxe para unha miniserie ou un especial". Dado que "Simpsons Roasting on an Open Fire" é considerado un especial á parte da serie, The Simpsons foi nomeado dúas veces na categoría "Programa animado"; o episodio perdeu a favor do outro episodio de The Simpsons nomeado: "Life on the Fast Lane"[8].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 Simpsons Roasting on an Open Fire BBC.co.uk. Páxina visitada: 02-03-2007.
- ↑ Richmond, Ray; Antonia Coffman (1997). The Simpsons: A Complete Guide to our Favorite Family. Harper Collins Publishers. pp. páx. 173. ISBN 0-00-638898-1.
- ↑ Martyn, Warren; Adrian Wood (2000). I Can't Believe It's a Bigger and Better Updated Unofficial Simpsons Guide. Virgin Books. ISBN 0-7535-0495-2.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 Groening, Matt (2001). The Simpsons season 1 DVD commentary for the episode "Simpsons Roasting on an Open Fire" (DVD). 20th Century Fox.
- ↑ Brooks, James L. (2001). The Simpsons season 1 DVD commentary for the episode "Simpsons Roasting on an Open Fire" (DVD). 20th Century Fox.
- ↑ Groening, Matt (2001). The Simpsons season 1 DVD commentary for the episode "Some Enchanted Evening" (DVD). 20th Century Fox.
- ↑ Silverman, David (2001). The Simpsons season 1 DVD commentary for the episode "Simpsons Roasting on an Open Fire" (DVD). 20th Century Fox.
- ↑ Páxina oficial dos Premios Emmy Arquivado 15 de febreiro de 2009 en Wayback Machine. emmys.org. Páxina visitada: 02-03-2007
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- "Simpsons Roasting on an Open Fire" en The Simpsons.com
- "Simpsons Roasting on an Open Fire" en The Simpsons Archive
- "Simpsons Roasting on an Open Fire" Arquivado 31 de xaneiro de 2009 en Wayback Machine. en TV.com
- "Simpsons Roasting on an Open Fire" na Internet Movie Database