Saltar ao contido

Lisa Simpson

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Lisa Simpson
Personaxe de The Simpsons
Primeira aparición "Good Night" (1987) (The Tracey Ullman Show)
"Simpsons Roasting on an Open Fire" (1989) (The Simpsons)
Creador(es) Matt Groening
Voz orixinal Yeardley Smith
Información
Nome orixinal Lisa Marie Simpson
Sexo Feminino
Idade 8 anos
Ocupación Estudante
Familia Pais: Homer e Marge
Irmáns: Bart e Maggie
Familia Simpson

Lisa Marie Simpson é un personaxe de ficción da serie de televisión de debuxos animados The Simpsons. É a filla mediana de Homer e Marge Simpson e a irmá de Bart e Maggie. Ten un notable protagonismo e complexidade na serie, aínda que é un dos personaxes principais con menos popularidade.

Lisa foi concibida polo caricaturista Matt Groening e debutou na televisión o 19 de abril de 1987, na curtametraxe de debuxos animados titulado "Good Night" do programa de variedades The Tracey Ullman Show.

Yeardley Smith préstalle a súa voz a Lisa na versión inglesa da serie, ademais de facer o mesmo con outros personaxes secundarios ocasionais.

Lisa representa a incansable activista frustrada, serviu como estandarte para causas ecolóxicas, é o vehículo para proxectar a serie ata novas ideoloxías e relixións orientais e é considerada como "centro ético e moral do clan Simpson"[1].

Papel en The Simpsons

[editar | editar a fonte]

Lisa Simpson desempeña o papel do membro destacado da familia, cun gran futuro por diante do que apenas se aproveita o seu potencial intelectual. Representa a cativa de oito anos superdotada, activista, idealista, responsable e frustrada; cuxas ganas de facerse maior e querer ser tratada como unha persoa adulta chocan constantemente coa súa idade e crecemento. Os seus dous roles principais na serie consisten en formular os problemas típicos que fan a convivencia de dous irmáns de diferente sexo con apenas dous anos de diferenza e en cuestionar constantemente os valores do mundo adulto a través dun prisma infantil excesivamente crítico e inxenuo.

Os guionistas da serie aproveitan a presenza deste personaxe non só para desenvolver capítulos con tramas de contido ecoloxista e idealista, pero tamén para denunciar o trato humano á natureza e criticar as inconsistencias ou inxustizas das ideoloxías e relixións occidentais.

Como elemento excesivamente racional da serie, ás veces Lisa parece consciente do soporte ficticio no que transcorre parte da vida da familia Simpson. Estes recursos son usados polos guionistas como fonte de humor e para facerlles chiscadelas aos fanáticos máis críticos e esixentes, pero normalmente acostuman ser salvados dalgunha maneira integrándoos con comentarios enxeñosos sobre a mesma realidade ficticia. Lisa é a máis remisa a pronunciar calquera tipo de slogan, xa que o considera como un engano publicitario ou comercial, cousa da que está en contra debido á súa ideoloxía anticapitalista.

  1. Ray Richmond; Antonia Coffman (1997). The Simpsons: A Complete Guide to Our Favorite Family. HarperCollins (New York City). ISBN 0-00-638898-1. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]