Saltar ao contido

Sistema urinario

1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Sistema excretor»)

Sistema urinario
1. sistema urinario humano: 2. Ril, 3. Pelve renal, 4. Uréter, 5. Vexiga urinaria, 6. Uretra
Latín systema urinarium

O sistema, aparato -ou aparello- urinario é o conxunto de órganos dos animais multicelulares que teñen como función a expulsión dos diferentes produtos de refugallo que se producen a consecuencia do metabolismo celular nos distintos órganos e tecidos corporais, evitando que alcancen concentracións tóxicas. Por compartir órganos co aparato reprodutor estudouse conxuntamente baixo a denominación de xenitourinario.

Adoita identificarse co aparato excretor, pero cómpre ter presente que no corpo existen outros órganos excretores, como as glándulas sudoríparas, o fígado ou os pulmóns. Aínda así, estes órganos cumpren outras funcións que son prioritarias polo que se estudan dentro da anatomía da pel, do aparato dixestivo ou do aparato respiratorio, reservando para a anatomía do aparato urinario o conxunto de órganos que teñen como única -ou principal- función a excreción de substancias tóxicas.

Estrutura

[editar | editar a fonte]

O aparato urinario está composto polos seguintes órganos:

  • Riles: en número par, situados na rexión lumbar, nos que se produce a urina.
  • Uréteres: un por cada ril, condutos tubulares que recollen a urina dos riles e a conducen á vexiga.
  • Vexiga urinaria: bolsa membranosa que almacena a urina.[1].
  • Uretra: conduto polo que se expulsa a urina ó exterior. Forma parte tamén do aparato reprodutor e, por este motivo é o único órgano deste sistema que mostra diferenzas entre machos e femias, ó ser nestas máis curta que naqueles: uns 3–5 cm na muller fronte a uns 20 cm no home, no que adopta unha forma de S.

Nos glomérulos do ril fíltrase o sangue, fenómeno ó que segue unha reabsorción de boa parte das substancias filtradas, que volven ó sangue, quedando só as substancias que se consideran tóxicas. A urina así formada vai pasando a unha rede de tubos colectores que desembocan finalmente na pelve renal. Antes de entrar neses tubos colectores prodúcese unha reabsorción de auga, maior ou menor segundo a concentración de sales no sangue, pero a partir deste momento a urina mantén unha concentración practicamente constante.

Na pelve renal ábrese o uréter, que recolle a urina, conducíndoa cara a vexiga urinaria, onde se acumula grazas ás paredes distendibles de que dispón (no ser humano pode chegar a acumular 500 ml). A micción, acto voluntario de expulsión da urina, realízase pola apertura do esfínter que pecha a uretra e ten como consecuencia o baleirado case completo da vexiga.

  1. Popularmente, mexa ou vincha