Anatomía humana
A anatomía humana é a ciencia —de carácter práctico e morfolóxico principalmente— dedicada ao estudo das estruturas macroscópicas do corpo humano, de maneira que se deixa o estudo dos tecidos á histoloxía e das células á citoloxía e bioloxía celular. A anatomía humana é un campo especializado dentro da anatomía xeral (animal).
Baixo unha visión sistemática, o corpo humano —como os corpos dos animais—, está organizado en diferentes niveis segundo unha xerarquía. Así, está composto de aparellos, integrados por sistemas, que á súa vez están compostos por órganos, que están compostos por tecidos, que están formados por células, que están formados por moléculas etc. Outras visións (funcional, morfoxenética, clínica etc.), baixo outros criterios, entenden o corpo humano dunha maneira algo distinta.
Recensión histórica
[editar | editar a fonte]Historicamente tense constancia de que a anatomía era ensinada por Hipócrates no século IV antes de Cristo. Atribúese a Aristóteles o uso por primeira vez da palabra grega ἀνατομία (‘anatomía’) derivada do verbo ἀνατέμνειν anatémnein, isto é, cortes (ténnein) abertos (ána) co significado de disecar (separar as partes cortadas).
Bartolomeo Eustachio, tamén coñecido co seu nome latino Eustachius, foi un dos fundadores da ciencia da anatomía humana. Leonardo da Vinci realizou estudos anatómicos artísticos, reflectidos en variados bosquexos e debuxos, como o modelo do corpo humano chamado o Home de Vitruvio. No século XVI, Andreas Vesalius reformou e reivindicou o estudo da anatomía para a medicina, corrixindo os erros interpretativos de Galeno, quen disecaba monos e cans, coa súa magna opus De Humani Corporis Fabrica (Sobre as funcións do corpo humano). Posteriormente, no século XVII, William Harvey, médico inglés, descubriu a circulación sanguínea.
Ramas e divisións
[editar | editar a fonte]Algunhas ramas ou disciplinas como a osteoloxía, a mioloxía, a artroloxía, a anxioloxía ou a neuroanatomía cercan os límites de estudo do corpo humano dunha maneira máis particular. Así, a mioloxía realiza o estudo específico dos músculos, as súas características e funcións; e a neuroanatomía realiza o estudo do sistema nervioso en forma extensiva.
- A anatomía sistemática ou descritiva: esquematiza o estudo do corpo humano fraccionándoo nas mínimas partes constituíntes, e organizándoas por sistemas e aparellos.
- A anatomía topográfica ou rexional: organiza o estudo do corpo por rexións seguindo diversos criterios. A anatomía rexional tende a un arranxo máis funcional e práctico, baixo un entendemento máis xeral das relacións entre as diferentes estruturas. A anatomía de superficie é unha área esencial no estudo, pois os recadros de anatomía de superficie ofrecen unha información visible e táctil sobre as estruturas que se sitúan debaixo da pel.
- A anatomía clínica: pon énfase sobre o estudo da estrutura e a función en correlación a situacións de índole médico-clínica (e outras ciencias da saúde). Aquí importan diferentes áreas como: a anatomía cirúrxica; a anatomía radiolóxica e ultrasonográfica en relación ao diagnóstico por imaxes; a anatomía morfoxenética que se relaciona coas enfermidades conxénitas do desenvolvemento; a anatomopatoloxía etc.
- A anatomía artística: trata das cuestións anatómicas que afectan directamente á representación artística da figura humana. Por exemplo, os músculos que aparecen superficialmente e as súas tensións segundo as diferentes posturas ou esforzos; as transformacións anatómicas que se producen en función da idade, da "raza" (ou mellor dito clina ou fisiotipo), das enfermidades; as transformacións anatómicas debidas ao xesto ou as emocións estúdanse nunha subdivisión da anatomía humana artística denominada fisionomía ou ben fisionómica.
Hai outras modalidades: anatomía comparada, anatomía funcional etc.
Sistemas e aparellos do corpo humano
[editar | editar a fonte]- Conceptos clave
Sistema: é un grupo de órganos asociados que concorren nunha función xeral e están formados predominantemente polos mesmos tipos de tecidos. Por exemplo: o sistema esquelético, o sistema cardiovascular, o sistema nervioso etc.
Aparello: é unha agrupación de sistemas que desempeñan unha función común e máis ampla. Por exemplo o aparello locomotor, integrado polos sistemas muscular, esquelético, articular e nervioso.
- Aparello dixestivo: procesado da comida, boca, esófago, estómago, intestinos e glándulas anexas.
- Sistema endócrino: comunicación dentro do corpo mediante hormonas.
- Aparello excretor: eliminación de residuos do corpo mediante os ouriños.
- Sistema inmunitario: defensa contra axentes causantes de enfermidades.
- Sistema tegumentario: pel, pelo e uñas.
- Sistema nervioso: recollida, transferencia e procesado de información, polo cerebro e os nervios.
- Aparello reprodutor: os órganos sexuais (masculinos e femininos)
- Aparello respiratorio: os órganos empregados para a respiración.
- Sistema muscular: movemento do corpo.
- Sistema óseo: apoio estrutural e protección mediante ósos.
- Sistema articular: formado polas articulacións e ligamentos asociados que unen o sistema esquelético e permite os movementos corporais.
- Aparello locomotor: conxunto dos sistemas esquelético, articular e muscular. Estes sistemas, coordinados polo sistema nervioso, permiten a locomoción.
- Sistema cardiovascular: formado polo corazón, arterias, veas e capilares
- Sistema linfático: formado polos capilares, vasos e ganglios linfáticos, bazo, timo e medula ósea.
- Aparello circulatorio: conxunto dos sistemas cardiovascular e linfático.
Anatomía topográfica
[editar | editar a fonte]Baixo un criterio topográfico, o corpo humano estúdase por rexións, esquematicamente (entre paréntese os universalizados nomes en latín):
- Cabeza (Caput)
- Neurocranio (Neurocranium)
- Viscerocranio (Viscerocranium)
- Pescozo (Colli)
- Tronco (Truncus)
- Membro superior (Membrum superius)
- Cintura escapular (Cingulum membri superioris)
- Brazo (Brachium)
- Antebrazo (Antebrachium)
- Man (manus)
- Membro inferior (Membrum inferius)
- Cintura pelviana (Cingulum membri inferioris)
- Coxa (Fémur)
- Perna (Crus)
- Pé (Pes)
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Anatomía |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Maimone, Giuseppe, 1992: Anatomía artística, Edizioni Scientifiche Italiane.
- Goldscheider, Ludwig, 1953: Michelangelo, The Paidon Press, Londres.