Sonita Alizadeh
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1996 (28/29 anos) Afganistán |
Residencia | Estados Unidos de América |
Educación | Wasatch Academy Bard College |
Actividade | |
Ocupación | rapeira, activista polos dereitos das mulleres, compositora |
Influencias | |
Instrumento | Voz |
Premios | |
| |
Sonita Alizadeh (en dari: سونیتا علیزاده), nada en Herat o 11 de novembro de 1996,[1] é unha rapeira e activista afgá que se pronunciou contra os matrimonios forzados. Alizadeh chamou a atención por primeira vez cando lanzou "Brides for Sale", un vídeo en que rapeaba sobre as fillas que as súas familias venden para casar. Coa axuda de Rokhsareh Ghaem Maghami, unha documentalista iraniana que durante tres anos documentou a súa historia no filme Sonita, Alizadeh filmou o vídeo para escapar dun matrimonio que planeaban os seus pais para ela, a pesar de que era ilegal que as mulleres cantasen en solitario en Irán, onde vivía naquel momento.[2] Despois de publicar o vídeo en YouTube, Strongheart Group contactou con Alizadeh e ofreceulle un visado de estudante e axuda económica para que fose estudar aos Estados Unidos, onde se mudou e reside desde entón.[3] En 2015, foi incluída na listaxe das 100 mulleres da BBC.[4]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Alizadeh creceu en Herat, baixo o dominio dos talibáns. A súa familia considerou vendela como noiva cando tiña 10 anos; Alizadeh dixo que nese momento non entendía ben que significaba iso.[5] En lugar diso, a súa familia fuxiu a Irán para escapar do réxime talibán. Nese país, Alizadeh traballou limpando baños, mentres aprendía ela soa a ler e escribir. Durante este tempo, descubriu a música do rapeiro iraniano Yas e do estadounidense Eminem. Inspirada pola súa música, comezou a escribir as súas propias cancións. En 2014, participou nun concurso estadounidense para escribir unha canción para que os afgáns votasen nas eleccións. Gañou un premio de 1000 dólares, que Alizadeh enviou á súa nai, que se mudara a Afganistán.[3]
Pouco despois de gañar o concurso, a nai de Alizadeh mandou chamala para que regresase a Afganistán, dicindo que atopara un home que a ía mercar. Ela tiña 16 anos.[5] A súa nai estaba tentando gañar un dote de 9000 dólares para que o seu irmán máis vello puidese tamén mercar unha noiva, e pensou que podería conseguir polo menos 9000 dólares vendendo a súa filla. Despois de que a directora Rokhsareh Ghaem Maghami pagase 2000 dólares á nai de Alizadeh e pedise seis meses de tempo para a nena, esta escribiu "Brides for Sale" e Maghami filmou o vídeo musical. O vídeo non só foi popular entre as mulleres de Afganistán, senón que tamén chamou a atención da organización sen ánimo de lucro Strongheart Group, que organizou levar a Alizadeh aos Estados Unidos.[3] Sonita, como é coñecida no seu ambiente escolar, chegou aos Estados Unidos e recibiu o diploma de ensino medio da Wasatch Academy, un internado internacional preparatorio para a universidade.
Posteriormente foi vivir a Nova York e asistiu ao Bard College. Ademais de asistir ás clases, continuou a escribir cancións. En novembro de 2015 estreouse no International Documentary Filmfestival Amsterdam un filme titulado Sonita.[5] En 2022, recibiu unha bolsa de estudos Rhodes.[6]
A película recibiu críticas positivas,[7] participou no Festival de Cinema de Sundance e gañou o Gran Premio do Xurado do Cine Mundial na categoría de documental.[8] Tamén se presentou no Festival Internacional de Cinema de Seattle en 2016, e o semanario alternativo The Stranger designouno como unha filme "para non perder".[9]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Sonita Alizadeh: le rap comme rempart au mariage forcé". visionsmag.com (en French). 14 de setembro de 2016. Consultado o 3 de agosto de 2019.
- ↑ Marusic, Kristina (12 de outubro de 2015). "This Afghan Teen Escaped Forced Marriage By Making a Rap Video". MTV. Arquivado dende o orixinal o 22 de outubro de 2015. Consultado o 23 de outubro de 2015.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 Bloom, Deborah (12 de outubro de 2015). "Afghan teen uses rap to escape forced marriage". CNN. Consultado o 23 de outubro de 2015.
- ↑ "BBC 100 Women 2015: Who is on the list?". BBC News (en inglés). 17 de novembro de 2015. Consultado o 3 de agosto de 2019.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 Wainwright, Robert (8 de outubro de 2015). "Afghan teen rapper was 10 when her mother first considered selling her". The New York Times. Arquivado dende o orixinal o 15 de outubro de 2015. Consultado o 23 de outubro de 2015.
- ↑ "Two Bard College Students, Sonita Alizada and Nawara Alaboud, Win Prestigious Rhodes Scholarships". Bard News (en inglés). 2022-11-23. Consultado o 2024-06-15.
- ↑ "'Sonita': IDFA Review". 29 de novembro de 2015.
- ↑ "Sonita". sundance.org. Sundance Institute. Arquivado dende o orixinal o 4 de setembro de 2019. Consultado o 4 de setembro de 2019.
- ↑ "Sonita". The Stranger. Consultado o 4 de setembro de 2019.