Dourada
Dourada | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Sparus aurata | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||
'Sparus aurata' Linnaeus, 1758 | |||||||||||||||
Distribución da especie
|
A dourada (Sparus aurata, Linnaeus 1758 [1]) é un peixe mariño da familia dos espáridos (Sparidae), semellante ó prago ou ó ollomol. Moi apreciado na cociña, hoxe procede en boa parte da acuicultura. Caracterízase por presentar unha banda dourada entre os ollos.
Ríos Panisse recolleu dourada (ou o castelanismo dorada) como nome común para esta especie. Tamén dourada branca na Coruña [2]; chamiseira, en Muxía [3], fiuncha [4] ou samba, en Cambados [5].
Descrición
[editar | editar a fonte]O talle habitual é de 25–35 cm e 0,5–3 kg, alcanzando tamaños de 60–70 cm e 5–7 kg en exemplares adultos. O corpo é alto e comprimido lateralmente, marcando o dorso unha clara convexidade. A cabeza é grande e redondeada, cuns labios grosos e varias filas de dentes, a primeira con seis cabeiros puntiagudos seguidos por 4 ou 5 filas máis de fortes dentes molares, máis aplanados.
A cor do dorso é gris verdosa ou azulada, o ventre prateado e os flancos agrisados con tons amarelados, tamén prateados. Presenta unha franxa amarela dourada entre os ollos, á que debe o nome, que desaparece pronto trala morte do animal; e unha mancha escura máis ou menos arredondada no nacemento da liña lateral, a altura do bordo superior do opérculo. No opérculo é habitual unha mancha avermellada que tamén se vai esvaecendo co tempo.
A aleta dorsal é longa e única; as pectorais, longas e rematadas en punta; e a caudal, dividida en dous lobos.
Aliméntase de peixes, crustáceos e moluscos, pois a súa dentadura é quen de rompe-las cunchas destes sen problemas.
Especies semellantes
[editar | editar a fonte]Parecido a esta especie é outro peixe, a castañeta encarnada (Beryx decadactylus), á que tamén chaman dourada femia.
Hábitat e distribución
[editar | editar a fonte]Trátase dunha especie costeira, que vive en augas pouco profundas, duns 30 m de profundidade, se ben nas épocas de reprodución pode alcanza-los 150 metros. É común na desembocadura dos ríos e pode pescarse mesmo en estuarios e lagoas costeiras de baixa salinidade. Prefiren os fondos rochosos ou areosos.
A súa área de distribución ocupa a costa atlántica europea e africana, desde as Illas Británicas ata Cabo Verde, así como no mar Mediterráneo e o mar Menor.
Pesca e aproveitamento
[editar | editar a fonte]A dourada que actualmente se atopa no mercado procede case toda ela da acuicultura. Segundo datos da Asociación Empresarial de Productores de Cultivos Marinos (APROMAR) referidos a 2009, mentres que a dourada de acuicultura ascendía a unhas 167.000 toneladas, a procedente da pesca extractiva só sumaba 7.812 toneladas (cifra que se mantén nos últimos anos flutuando entre as 5.000 e as 8.000 toneladas anuais).
Os principais países produtores de dourada de acuicultura son Grecia, cunhas 85.000 toneladas; Turquía, con 35.000 toneladas; e España, con 23.690 toneladas (pouco menos que en 2008). A produción española concéntrase na costa mediterránea, destacando a Comunidade Valenciana, co 39% do total; Murcia, co 27%; Andalucía, 14%; e Cataluña, co 5%; así como nas illas Canarias, cun 15% da produción.
Aínda que non é abundante nas nosas costas, captúrase entre novembro e febreiro, con artes de trasmallo, palangre ou ó arrastre, e tamén é obxecto de pesca deportiva. No ano 2010 poxáronse nas lonxas de Galicia un total de 27.086 kg, unha pequena fracción da pesca desta especie en España, que foi de 1.189 toneladas en 2008.
Unha das formas clásicas de cociña-la dourada é ó sal: enfornada, usualmente envolta en papel de prata, e cuberta de sal.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Sinónimos: Pagrus auratus.
- ↑ Onde a distinguen doutro peixe semellante, dourada gris, que Ríos Panisse non identifica.
- ↑ Pola suposta similitude do lombo gris escuro do peixe co chamizo.
- ↑ Nome recollido por Blanco Carril e baseado no cheiro a fiúncho deste peixe.
- ↑ Quizais por confusión ou cruce fonético coa sama, samba, saima ou seima, outro peixe da mesma familia.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Dourada |
Vexa a entrada do Galizionario acerca de Dourada |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- DIRECCIÓN XERAL DE FORMACIÓN PESQUEIRA: Guía do consumidor de peixe fresco. Xunta de Galicia 1999.
- RÍOS PANISSE, M. Carmen: Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia (Invertebrados y peces). Anejo 7 (1977) de Verba.
- ZUDAIRE, Maite e YOLDI, Gema: Pescados y mariscos. Eroski Publicaciones, Elorrio (Biscaia), 2005.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- La acuicultura marina de peces en España 2010 (APROMAR) (en castelán)
- Consumer.es (en castelán)
- PescadeGalicia