Saltar ao contido

Sunny Day Real Estate

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Sunny Day Real Estate
Ao vivo en Portland no 2009
OrixeSeattle, Washington, Estados Unidos
Período1992 - 1995
1997 - 2001
2009 - 2013
Xénero(s)rock alternativo, emo
Selo(s) discográfico(s)Sub Pop, Time Bomb Recordings
MembrosJeremy Enigk
William Goldsmith
Dan Hoerner
Nate Mendel
Antigos membrosJeff Palmer
Joe Skyward
Artistas relacionadosThe Fire Theft, Foo Fighters
Na rede
sunnydayrealestate.net
Facebook: sunnydayrealestate Twitter: sdreband MySpace: sdreband Bandcamp: sunnydayrealestateSouncloud: sdre Spotify: 2lZkXWxkZsZzBocxMjN1or iTunes: 3248555 Last fm: Sunny+Day+Real+Estate Musicbrainz: 86b24e8f-a4d9-4c84-83ee-fde0d14ad9fa Songkick: 277989 Discogs: 262361 Allmusic: mn0000583618 Genius: Sunny-day-real-estate Editar o valor en Wikidata
Sunny Day Real Estate 2010

Sunny Day Real Estate foi unha banda de emocore formada en Seattle durante o ano 1992 e separada en 2001.

Sunny Day Real Estate, a pesar de formarse no auxe do chamado "son de Seattle" ten unha identidade bastante diferente das bandas da época, optando por un som disidente do punk, pero bastante melódico e emocionado. Os medios inventaron o rótulo emocore, e a banda converteuse nunha referencia do estilo e influencia para outras bandas que xurdiron ao longo da década dos 90.

Biografía

[editar | editar a fonte]

O guitarrista Dan Hoerner e o baixista Nate Mendel coñecéronse en 1992 cando foron compañeiros de casa na Universidade de Washington. Tras realizar varias sesións de improvisación decidiron formar unha banda e buscar un batería, decidíndose finalmente por William Goldsmith.[1] Goldsmith xa tocaba en varios grupos pero decidiu unirse ao peoxecto de Hoerner e Mendel.

Fixeron algúns concertos usando o nome Empty Set, pero despois de saber da existencia doutra banda co mesmo nome pensaron noutros (Chewbacca Kaboom, One Day I Stopped Breathing) ata que se decidiron por Sunny Day Real Estate. Pero Sunny Day Real Estate aínda usou o nome One Day I Stopped Breathing para o seu selo independente, onde lanzaron o sinxelo "Flatland Spider".

Despois diso a outra banda de Nate Mendel (Christ On A Crutch) foi facer unha xira por Europa. Mentres tanto Hoerner (que tocou o baixo durante a ausencia de Mendel) chamou un amigo, Jeremy Enigk (vocalista e guitarrista) que pasou a tocar con eles. O trío cambiou o nome da banda para Thief, Steal Me A Peach. Co retorno de Mendel, os catro decidiron continuar xuntos e mudaron novamente o nome para Sunny Day Real Estate. A banda compuxo varios temas novos e lanzaron o seu segundo sinxelo, chamado Thief, Steal Me A Peach.

O segundo sinxelo chamou a atención da Sub Pop, que lles ofreceu un contrato. Inmediatamente, a banda entrou no estudio para gravar o seu primeiro álbum. O resultado foi Diary, de 1994, eloxiadísimo pola crítica local. A banda saíu de xira e de inmediato conquistou unha devota lexión de fans. A xira foi máis estresante do que a banda agardaba, e as tensións eran altas ao final da mesma. Enigk converteuse ao cristianismo ao final da xira, e este feito, unido ao clima tenso existente, fixeron que a banda se separara.

Para completar o contrato coa Sub Pop o máis rápido posible, a banda compilou material para LP2, o seu segundo álbum, regravando algunhas cancións antigas (da época de Thief, Steal Me A Peach) e compoñendo material novo. LP2 foi lanzado en 1995 co anuncio de que sería o último disco da banda.

Despois do final das gravacións, Nate Mendel e William Goldsmith entraron en Foo Fighters invitados por Dave Grohl. Goldsmith acabou saíndo en 1996, descontento polo feito de que Dave Grohl regravase parte da batería no segundo álbum de Foo Fighters.

O agora relixioso Enigk pasou un tempo illado nunha facenda, retornando despois cun álbum en solitario, The Return of the Frog Queen, cun son un tanto diferente a Sunny Day Real Estate, acústico e orquestrado.

Mentres tanto, a popularidade de Sunny Day Real Estate no underground foi medrando, os dous álbums da banda (Diary e LP2) eran obxectos de culto e o álbum en solitario de Enigk aumentou aínda máis o interese do público polo material da banda.

Dous anos despois do fin da banda, a Sub Pop ofreceu aos integrantes o proxecto dun recompilatorio de rarezas. Como non había moito material dispoñible, a Sub Pop pedíulles que escribisen cancións novas para encher o disco. O proceso de gravacións correu tan ben que decidiron reunirse e lanzar un álbum totalmente novo. Mendel porén decidiu permanecer en Foo Fighters e Jeff Palmer converteuse no baixista para o terceiro álbum da banda, How It Feels to Be Something On. O disco amosaba unha banda máis madura e foi bastante eloxiado. En pouco tempo a banda converteuse na máis vendida do catálogo da Sub Pop, chegando ás 80.000 copias (un número excelente para os patróns do momento da Sub Pop). Despois da xira de divulgación do álbum, Palmer foi substituído por Joe Skyward.

Descontenta co contrato coa Sub Pop, a banda gravou un álbum en directo, sinxelamente titulado Live para cumprir o acordo coa discográfica. Despois diso a banda asinou un novo contrato coa Time Bomb Recordings, e como un trío (Skyward participou só na xira), lanzou The Rising Tide en 2000.

O tempo pasou e a banda foi morrendo aos poucos. En 2002, Jeremy Enigk, William Goldsmith e Nate Mendel (este último aínda toca en Foo Fighters) xuntáronse novamente e formaron unha nova banda, The Fire Theft, cun primeiro disco, autotitulado, que foi lanzado en 2003.

No ano 2006, Enigk reaviou a súa carreira en solitario e publicou o álbum World Waits a través do seu propio selo, Lewis Hollow Records. Tras a súa publicación no mes de outubro, Enigk iniciou unha xira de promoción a través dos Estados Unidos usando material dese traballo e do seu anterior lanzamento en solitario, Return of the Frog Queen.

Despois de varios rumores en 2006[2] e 2008,[3] en abril do ano 2009 varias páxinas web informaron de que a banda reunírase cos seus membros orixinais.[4] A reunión foi confirmada no mes de xuño polo locutor de radio de Seattle Andrew Harms.[5] O grupo xirou polos Estados Unidos e o Canadá en setembro e outubro, e por Australia en febreiro de 2010 como parte do Soundwave Festival. O primeiro concerto foi un espectáculo segredo o 16 de setembro no Hell's Kitchen de Tacoma, Washington. Coincidindo coa xira, os dous primeiros álbums da banda foron remasterizados e reeditados con cancións extra.

Discografía

[editar | editar a fonte]
Álbum Ano Selo
Diary 1994 Sub Pop
Sunny Day Real Estate 1995 Sub Pop
How It Feels to Be Something On 1998 Sub Pop
The Rising Tide 2000 Time Bomb
  1. Grubbs (2008), p. 72
  2. Archive-Corey-Moss. "Emo Stars Worship Them, So Should Sunny Day Real Estate Reunite?". MTV News (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 20 de abril de 2019. Consultado o 2019-04-20. 
  3. "Icons Of Punk News/Updates: Iop Exclusive Interview - Jeremy Enigk Of Sunny Day Real Estate!". Iconsofpunk.com. 2015-02-28. Archived from the original on 28 de febreiro de 2015. Consultado o 2019-04-20. 
  4. "Sunny Day Real Estate Reunion in 2009?". Perfect Lines (en inglés). 2009-03-18. Consultado o 2019-04-20. 
  5. "107.7 The End » harms blog". web.archive.org. 2011-07-07. Archived from the original on 7 de xullo de 2011. Consultado o 2019-04-20. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]