Táboas de barro de Astorga
Táboas de barro de Astorga | |
Tipo | Táboas |
Data | Século I - Século II |
Cultura | Roma Antiga |
Características | |
Materiais | Arxila |
As Táboas de barro de Astorga, tamén denominadas Itinerario de Astorga ou, simplemente, Itinerario de barro, son catro placas de barro cocido, conservadas actualmente no Museo Arqueológico de Asturias, que conteñen itinerarios de vías romanas de Hispania, nas que se sinalan mansións de diversas etapas das mesmas. A súa datación é insegura; mentres Antonio García Bellido as asigna ao século I, Tranoy indica unha posíbel redacción no século II.
As placas, encontradas na cidade leonesa de Astorga, pertenceron a Sebastián Soto Cortés, veciño de Cangas de Onís, Asturias, quen as vendeu ao Museo de Oviedo. Foron atopadas en anacos fragmentados que deberon ser reconstruídas. En total conteñen cinco itinerarios moi resumidos. Cada unha das placas, numeradas polos investigadores, informa das seguintes rutas:
- Táboa I: de Legio a Portus Blendium, na actual Cantabria;
- Táboa II: de Lucus a Iria e de Lucus a Dactonium (o actual Monforte de Lemos). Son pois dous itinerarios;
- Táboa III: de Asturica (Astorga) a Emerita (Mérida);
- Táboa IV: de Asturica a Bracara (Braga).
As placas van asinadas polo duumviro C(aius) Lep(idus) M(arci) filius: Caio Lépido fillo de Marco, aínda que só nunha das táboas se conserva completo, actualmente, o seu nome. García Bellido indicou que as placas serían para ser penduradas, posibelmente, da parede dunha mansión viaria, a fin de poder ser consultadas publicamente (unha das placas conserva un buraco para pasar algún tipo de colgadura), mentres Tranoy defende un uso privado do propio Caio Lépido.
Controversia sobre a súa autenticidade
[editar | editar a fonte]As táboas deunas a coñecer por vez primeira Antonio Blázquez en 1920, no Boletín da Real Academia da Historia, e xa entón mostrou dúbidas sobre a autenticidade das placas. A mesma postura mantívoa, seguidamente, o francés Besnier. Porén, José Manuel Roldán Hervás, en 1971, foi máis preciso, pois sostivo que só unha das táboas, a IIª, sería auténtica.[1]
Os argumentos utilizados polos que reputaban a súa falsidade, son de dous tipos: paleográficos (certas rarezas no trazado dalgunhas letras) e erros groseiros nas asignación de distancias nalgunhas etapas.
Estes argumentos foron combatidos por Claudio Sánchez Albornoz, primeiro, e máis demoradamente, por Antonio García Bellido, nun artigo de 1975.[2] Este autor mostrou que as variantes paleográficas eran correntes e normais. A respecto dos erros en distancias, indicou que, a única un tanto chocante, proviña da identificación gratuíta, por parte dos investigadores, de Legio, con León, cando na súa opinión, na altura que el supón que foran redactados os documentos, debe ser reducido a Segisamo (hoxe Sasamón), onde estivera acampada a Lexión IV. Uns anos despois Joaquín González Echegaray negou tamén que fosen falsas.[3]
En anos posteriores o investigador francés Alain Tranoy defendeu, con argumentos similares, a autenticidade das táboas astorganas. Porén Tranoy discrepa un tanto na datación das mesmas.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Roldán Hervás, J. M. (1971). Iter ab Emerita Asturicam: El Camino de la Plata (Tese). Universidade de Salamanca.
- ↑ García Bellido, Antonio (1975). "El llamado "Itinerario de barro"". Boletín de la Real Academia de la Historia (Madrid) 3 (CLXII): 547–563.
- ↑ González Echegaray, J. (1978-1979). "Las mansiones de la placa I del Itinerario de Barro". Altamira (Santander) (XLII).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Táboas de barro de Astorga |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Roldán Hervás, J. M. (1973-1974). "Las tablas de barro de Astorga ¿una falsificación moderna?". Zephyrus (Salamanca) (XXIII-XXIV): 221–232.
- Roldán Hervás, J. M. (1975). "Itineraria hispana. Fuentes antiguas para el estudio de las vías romanas en la Península ibérica". Valladolid-Madrid: 163–175 e láminas XXIII–XXX.