Antonio García Bellido
Antonio García Bellido, nado en Villanueva de los Infantes (Cidade Real) o 10 de febreiro de 1903 e finado en Madrid o 26 de setembro de 1972, foi un arqueólogo español.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Estudou Filosofía e Letras en Madrid, onde tivo como mestres, entre outros, a José Ramón Mélida, Manuel Gómez Moreno, Hugo Obermaier e Elías Tormo, quen dirixiu a súa tese doutoral sobre os Churriguera e que foi mentor seu para o ingreso na Real Academia da Historia. Esta formación inicial en Historia da Arte tivo a súa importancia metodolóxica para posteriores traballos sobre o urbanismo e a arquitectura do mundo antigo, a cerámica grega ou a escultura romana.
En 1931 obtivo a cátedra de Arqueoloxía Clásica na Universidade de Madrid, e tras a guerra civil iniciou dous novos campos de investigación: a colonización grega, fenicia e púnica en Occidente, e a arqueoloxía dos pobos prerromanos do Norte peninsular, neste caso participando nas escavacións que Juan Uría Riu, da Universidade de Oviedo, promovera no castro de Coaña.
En 1949 sae a súa obra Esculturas romanas de España y Portugal, publicada polo Consello Superior de Investigacións Científicas, institución na que fundaría, dous anos despois, o Instituto de Arqueoloxía Rodrigo Caro, onde sairía, á súa vez, a revista Archivo Español de Arqueología, converténdose, desde entón, ambas as dúas, institución e publicación, no duplo núcleo de toda a actividade de García Bellido, centrada xa fundamentalmente en todos os aspectos do mundo hispanorromano.
Paralelamente producirase o seu recoñecemento internacional polo seu labor como arqueólogo e historiador: doutor honoris causa pola Universidade de Bordeos, ingreso na Academie de Inscriptions et Belles Letres, membro da Hispanic Society of New York e da Comisión histórica da UNESCO, entre outras moitas distincións.
Actualmente considérase a García Bellido coma un dos grandes impulsores dos estudos de Arqueoloxía Clásica en España e coma creador de frutíferas liñas de investigación na Arqueoloxía hispanorromana.