Técnicas fotográficas
Dependendo do obxecto ou da situación hai diversas técnicas fotográficas que, na maioría dos casos, se cinguen á demanda comercial. O afeccionado emprega unha ou diversas técnicas indistintamente, pero o profesional segue unhas pautas á hora de fotografar que varían dependendo do contexto en que nos encontremos e o fin que se desexe atinxir.
Tipos
[editar | editar a fonte]Así observamos que non é o mesmo realizar unha fotografía dun bodegón ca unha dun retrato familiar ou dunha paisaxe. A continuación analizaremos as principais técnicas a empregar nalgúns contextos específicos:
Fotografía deportiva
[editar | editar a fonte]Para realizar unha boa fotografía deportiva é importante coñecer as regras básicas do deporte. Débese ser paciente e reaccionar con rapidez para captar todo tipo de imaxes que representen un momento de tensión ou algunha situación clave do partido. Para isto é necesario unha ampla gamma de lonxitudes focais sobre todo teleobxectivos. As cámaras dixitais son a mellor opción xa que permiten transmitir datos rapidamente.
Fotografía de bodegóns
[editar | editar a fonte]Esixe un control total das técnicas fotográficas e da iluminación en xeral. Primeiro deben decidirse as características do produto que hai que destacar. Os fondos deben ser neutros para non restar importancia ó motivo principal. O esquema de iluminación e composición a seguir debe ser simple. As cámaras máis adecuadas para realizar estas fotografías son as de gran formato xa que ofrecen a posibilidade de descentrar o obxectivo para corrixir a perspectiva.
Fotografía arquitectónica
[editar | editar a fonte]Existen dous tipos de fotografías arquitectónicas, aquelas obxectivas, como planos, folletos etc.; e as de carácter subxectivo, que mostran a visión artística do fotógrafo. É fundamental a nivelación da cámara para evitar deformacións na imaxe, tanto na fotografía de interior como na fotografía de exterior. As cámaras de gran formato son as máis adecuadas porque permiten bascular e descentrar o obxectivo para corrixir a perspectiva como sucedía coa fotografía de bodegóns.
Retratos
[editar | editar a fonte]O mellor lugar para realizar este tipo de fotografías é aquel que estea relacionado coa persoa que vamos a retratar. Primeiro deben decidirse as características a destacar e en función disto adecúase o ambiente, o encadramento e a iluminación. Utilizaremos un teleobxectivo curto (70-80mm) e aproveitaremos, dentro do posible, a luz natural, e no seu defecto, o flash.
Fotografía nocturna
[editar | editar a fonte]As fotografías nocturnas deben realizarse en lugares onde a contaminación luminosa sexa escasa. O amencer e o anoitecer son momentos claves. O relevo da lúa tamén ofrece unha boa oportunidade para captar detalles na paisaxe. A temperatura de cor da luz que reflicte a lúa é igual á que reflicte o sol, polo que se deberá utilizar unha película equilibrada para a luz de día. Non se deben realizar exposicións longas debido ó movemento da Terra. Outras limitacións a ter en conta serían o fallo de reciprocidade da película e a área efectiva do diafragma do obxectivo.
Fotografía de paisaxes
[editar | editar a fonte]Este tipo de fotografía pode empregarse como documento para ilustrar revistas e libros ou como forma de expresión artística persoa. As cámaras de gran formato dan mellor resolución e gradación modal. Debe elixirse un encadramento interesante tratando que o horizonte non divida a imaxe en dúas partes iguais. Non hai que abusar dos filtros a pesar de que os que resultan máis útiles son o ultravioleta (UV), o degradado neutro, os de densidade e o polarizador (circular ou lineal).
Fotografía submarina
[editar | editar a fonte]Pode realizarse debaixo da auga ou a través das paredes dun acuario. O ángulo de visión dos obxectivos estréitase lixeiramente e os motivos aparecen máis grandes e próximos. Por debaixo dos dez metros a luz natural adquire unha cor azulada que pode corrixirse mediante filtros. O flash tamén é importante para resaltar as verdadeiras cores a maior profundidade. O obxectivo máis utilizado é o gran angular que reduce a columna de auga entre a cámara e o suxeito.