Saltar ao contido

Templo de Hefesto

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Templo de Hefesto
Coordenadas37°58′32″N 23°43′17″L / 37.975616666667, 23.721391666667Coordenadas: 37°58′32″N 23°43′17″L / 37.975616666667, 23.721391666667
editar datos en Wikidata ]
Lado sur do templo

O templo de Hefesto (en grego: Ναός Ηφαίστου) é un templo dórico períptero dedicado a Hefesto e Atenea, situado ao nordeste da Ágora de Atenas, no alto do outeiro de Kolonos Agoraios. Desde o século VIII ata 1834, serviu como igrexa ortodoxa grega baixo o nome de San Xurxo Akamates[1].

Construción[editar | editar a fonte]

O templo de Hefesto na ágora de Atenas

Despois da batalla de Platea, os gregos xuraron non reconstruír os santuarios destruídos polos persas durante a invasión de Grecia, senón deixalos en ruínas, como recordatorio perpetuo da ferocidade bárbara. Os atenienses concentraron os seus esforzos na reconstrución da economía e no fortalecemento da influencia ateniense na liga de Delos. Cando Pericles chegou ao poder, concibiu un ambicioso proxecto para facer de Atenas un gran centro do poder e da cultura grega. O templo de Hefesto na ágora debía demostrar a riqueza da tradición ateniense, como testemuña da orde dórica, ben presente en todo o conxunto de métopas e estatuas.

A construción do templo comezou no -449, pero non se rematou ata o -415, probabelmente porque tamén se estaban a realizar as construcións dos monumentos da acrópole. O friso occidental completouse entre os anos -445 e -440, mentres que o friso oriental, o frontón oeste e diversas modificacións no interior do edificio datan do -435 ao -430. Non é ata a Paz de Nicea, do -421 ao -415, cando se rematou o teito e se instalaron as estatuas de culto. Finalmente, foi inaugurado no -416/-415.

Descrición[editar | editar a fonte]

Arquitectura[editar | editar a fonte]

Friso xónico

Non se coñece o nome do arquitecto. O material que empregaron foi mármore pentélico, agás a primeira marca de krepidoma, que é a pedra calcaria e as esculturas decorativas, para as que se utilizou o mármore de Paros, máis prezado. As dimensións do templo son 31,776 m por 13,708 m, con seis columnas nas fachadas leste e oeste e trece columnas nos laterais.

O edificio ten un pronaos, unha cámara principal para o culto das imaxes dos deuses (naos ou cella) e un opistódromo. A aliñación da nave sobre a terceira columna lateral do perístilo é unha característica única para un templo do século -V. Tamén hai unha columnata dórica no seu interior con cinco columnas nos lados norte e sur, e tres nos extremos[2].

Esculturas[editar | editar a fonte]

As esculturas decorativas poñen en evidencia a riqueza da mestura dos dous estilos, dórico e xónico, na construción do templo. O pronao e o opistódromo están decorados con frisos xónicos (mestura de ordes probabelmente inspiradas no Partenón). O friso leste, o do pronaos, mostra combates, interrompido por dous grupos simétricos de tres divindades asentadas sobre rochas. O friso oeste, o do opistódromo, amosa a batalla dos centauros e os lapitas, aínda que as mulleres lapitas e os mobles que normalmente designan o banquete das vodas de Pirítoo non están presentes.

A reconstrución dos temas dos frontóns é difícil pola fragmentación dos vestixios conservados ata hoxe: unha interpretación antiga dicía que había o nacemento de Erictonio no frontón leste, e de Heracles fronte a Tetis no oeste. Outras teorías suxiren que o frontón oeste estaba consagrado de novo á batalla entre os centauros e os lapitas, mentres que o frontón representaba a deificación de Heracles e a entrada do heroe no Olimpo.

Métopas e tríglifos

Só 18 das 68 métopas do templo de Hefesto estaban esculpidas, o resto probabelmente estaban pintadas. As dez métopas do lado leste representan os traballos de Heracles, as catro orientais dos lados norte e sur representan as fazañas de Teseo[2]

Segundo Pausanias, o templo protexía as estatuas de bronce de Atenea e Hefesto. Unha entrada de conta menciona pagos entre o -421 e o -415 por dúas estatuas de bronce, pero non especifica o nome do escultor[3].

Historia do templo[editar | editar a fonte]

No século -III plantáronse árbores e arbustos ao redor do templo, e mesmo creouse alí un pequeno xardín.

No século VII, o templo foi transformado nunha igrexa ortodoxa, dedicada a San Xurxo, e utilizada como lugar de enterramento para os europeos non ortodoxos do século XIX, incluíndo moitos filohelénicos que deron a vida pola Guerra da Independencia grega (1821 - 1830). Entre os que foron enterrados alí está John Tweddel, amigo de Lord Elgin. En 1834 o primeiro rei de Grecia, Otón I, foi recibido oficialmente neste lugar. Otón I ordenou que o edificio fose convertido en museo, status que tivo ata 1934, data na que volveu a ser monumento, e a partir da que comezaron as investigacións arqueolóxicas.

O Templo de Hefesto chámase ás veces Teseión (Θησείο "Theseio"), porque na época do Imperio Romano de Oriente se cría que alí estaban enterrados os ósos de Teseo. De feito, algúns supostos ósos de Teseo foron enterrados no século -V nun lugar próximo á Acrópole, traídos por Cimón II desde a illa de Esquíros, despois das guerras médicas (-469), xa que un oráculo ordenara no -476 que os ósos de Teseo fosen traídos da illa a Atenas.

Unha réplica a pequena escala deste templo está situada no Volksgarten de Viena, preto do Palacio Imperial de Hofburg[2]

imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. American School of Classical Studies at Athens (ed.). "Temple of Hephaistos". ACSA. Consultado o 13 de marzoç de 2021. 
  2. 2,0 2,1 2,2 Tsoga, Klio. Ministerio de Cultura de Grecia, ed. "Temple of Hephaistos". Odisseus. Arquivado dende o orixinal o 2020-02-19. Consultado o 13 de marzo de 2021. 
  3. Pausanias: Descrición de Grecia, I, 14,6

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]