Saltar ao contido

Guerra de Independencia de Grecia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Guerra de Independencia de Grecia

Data 21 de febreiro de 1821 – 12 de setembro de 1829
Lugar Grecia
Resultado Independencia de Grecia

A Guerra de Independencia de Grecia, tamén coñecida como Revolución grega (en grego: Ελληνική Επανάσταση, Elliniki Epanastasi; otomán: يونان عصياني; en turco: Yunan İsyanı), tivo lugar entre 1821 e 1829[1] e contou coa asistencia de varias nacións europeas, Tunisia e Exipto. Grecia logrou a súa independencia e o día 25 de marzo celébrase como festa nacional.

Antecedentes

[editar | editar a fonte]

No século V a.C., as guerras entre coalicións de diferentes polis debilitaron a nación grega e levaron á derrota definitiva da cidade de Esparta no 362 a.C. Neste clima de debilidade e desunión, xurdiu o momento dun reino no norte que levaba séculos baixo influencia helénica. Así, Macedonia, dirixida polo seu rei Filipo II, derrotou e someteu os gregos no 338 a.C. na batalla de Queronea. O fillo de Filipo, Alexandre o Grande enfrontouse a unha revolta en Tebas e Atenas. Os seus sucesores conseguiron manter o xugo na maioría das cidades gregas, mais a Liga Aquea e a Liga Etolia lograron liberar algunhas como Atenas.

Pero de novo un novo invasor, os fillos da Magna Grecia, arrebatáronlles a independencia ás metrópoles. O rei de Macedonia, Filipo V estaba en guerra co emerxente poder itálico de Roma e máis coas Ligas Helénicas. A derrota da Liga Etolia levouna a unirse aos romanos coa esperanza da independencia. Xuntos derrotaron a Filipo (197 a.C.). No mesmo ano a Liga Aquea uniuse con Roma e conseguiu o triunfo, mais os seus aliados vitoriosos volvéronse contra eles e dominaron toda Grecia creando a provincia romana de Acaia.

Xa no século V d.C. Roma non era unha cidade emerxente, era un Imperio que dominaba desde o Atlántico polo oeste ata Mesopotamia polo leste e desde Gran Bretaña polo norte ata Exipto polo sur, o que levou á división do imperio en dous, e os gregos encadráronse na parte oriental, que tomou os seus fundamentos da cultura helénica, utilizando como propia a lingua grega. Esta parte deu lugar ao que se coñeceu como Imperio Romano de Oriente, gobernante de Grecia dende 493 ata 1453, uns anos en que os gregos sufriron os ataques dos sarracenos e os abusos dos cruzados francos.

O avance dos musulmáns polos dominios bizantinos fíxose imparable, e o imperio viu sucumbir a súa capital, Constantinopla, en 1453. A partir de entón, os gregos pasaron a estar baixo o control do Imperio Otomán.[2] Os séculos XVI, XVII e XVIII foron testemuñas de revoltas contra o dominio otomán,[3] mais só coa decadencia otomá se produciron as circunstancias que levaron aos principios da futura independencia.

Inicio da guerra

[editar | editar a fonte]
Saída de Messolonghi, de Theodoros Vrizakis

Os primeiros movementos que levaron á independencia grega producíronse durante o último cuarto do século XVIII, en que nace o nacionalismo grego. Este novo sentimento foi apoiado polos rusos que incitaron os gregos ortodoxos, os seus correlixionarios, a sublevarse contra o dominio otomán. En 1770 chegou a primeira manifestación da revolución, que foi liderada polo conde ruso Aleksei Grigorievich Orlov, mais non tivo éxito.[4] A Revolución Francesa influíu na preparación dos movementos independentistas,[5] ao igual que a importante organización secreta Philiké Hetairía (Asociación de Amigos), creada en 1814 en Odesa co propósito da emancipación e a revolución.[6] En 1820 o paxá de Grecia, gobernador do territorio en nome do sultán, negouse a enviarlle impostos, polo que o sultán enviou tropas contra el. En 1821, os campesiños gregos, Polícaros, aproveitaron a situación para iniciar a revolución, seguidos dos comerciantes, co apoio dos gregos emigrados a outras partes de Europa.

Debido ao pasado clásico de Grecia, houbo unha gran simpatía pola causa grega en toda Europa. Moitos aristócratas europeos e americanos ricos, como o famoso poeta Lord Byron,[7] que morreu en Mesolongi, tomaron as armas para unirse aos revolucionarios gregos. Moitos outros financiaron a revolución e o historiador filohelénico escocés Thomas Gordon participou na loita revolucionaria e escribiu unha das primeiras historias da revolución en inglés.[8]

Alén da idea de cruzar contra os infieis otománs, foi a herdanza clásica o que fixo que un bo número de occidentais abrazasen a causa grega. Lois I de Baviera expresou ben esta idea:

Europa ten unha débeda enorme con Grecia [...], debémoselle as Artes e as Ciencias.

Os filohelenos organizáronse en comités por toda Europa e América. A súa actividade principal era buscar fondos para a compra de armas. A súa distribución foi encomendada aos máis intrépidos.

Cando estalou a revolución, as atrocidades otomás tiveron gran cobertura en Europa e provocaron simpatía pola causa grega, aínda que os gobernos inglés e francés pensaban que a insurrección era un plan ruso para apoderarse de Grecia e posiblemente de Constantinopla. Os gregos non foron capaces de establecer un goberno coherente nas áreas que controlaban e axiña comezaron a loitar entre eles. Os combates entre gregos e otománs continuaron ata 1825, cando o sultán Mahmud II pediu axuda ao seu vasalo máis poderoso, Exipto.

Declaración de independencia

[editar | editar a fonte]

En 1821 Alexandros Ypsilantis, o máximo dirixente da Philiki Hetairía,[9] entrou en Iași, ​​a capital de Moldova (daquela territorio otomán) cun pequeno exército,[10][11] e meses máis tarde, en 1822, proclamou a independencia de Grecia no teatro de Epidauro.[12] Despois disto, o Sultán e o Paxá aliáronse contra a revolta. O Reino Unido e Francia, que estaban interesadas na independencia de Grecia polo seu comercio con ela, apoiaron militarmente o movemento independentista. Rusia tamén o apoiou, mais aínda así loitaron practicamente sós. As primeiras batallas, como a de Quíos, foron claramente gañadas polo Imperio Otomán.

Entre os líderes gregos estaban Markos Botsaris, Theodoros Kolokotronis, Alexandros Mavrokordatos e Andreas Vokos Miaoulis. As disputas entre eles e a inxerencia exipcia a favor dos otománs debilitaron os gregos, mais en 1827 e durante un tempo, a reconciliación entre os líderes helenos posibilitou a aprobación pola Asemblea Nacional dunha nova constitución republicana e o nomeamento do conde Ioannis Kapodístrias como primeiro presidente da República de Grecia.[13] As diferenzas entre as partes reapareceron tras esta breve tregua.

En 1827 as potencias acordaron intervir militarmente sobre os Balcáns e o 20 de outubro as frotas de Francia e o Reino Unido derrotaron os otománs na batalla de Navarino.[14]

Tratado de paz

[editar | editar a fonte]

A presenza das forzas armadas das potencias e os esforzos de Rusia, obrigou os otománs a asumir a hexemonía daqueles. O Tratado de Adrianópole (1829) puxo fin á guerra ruso-turca (1828-1829) e ás aspiracións de Rusia no sueste de Europa. O vencido Imperio Otomán aceptou as condicións impostas polas potencias a Grecia, é dicir, a súa independencia e permitiu o libre tránsito polos estreitos do Bósforo e de Dardanelos, ademais de ceder a Rusia os territorios de Valaquia e Moldavia.b

En 1830, Francia, o Reino Unido e Rusia asinaron o Protocolo de Londres, polo que negaban a Constitución grega e declaraban a independencia dunha Grecia baixo a súa protección.[15] A extensión do estado grego era considerablemente menor do que os gregos esperaban: a fronteira norte estableceuse un pouco máis ao norte do golfo de Corinto, tendo que renunciar ao sur de Tesalia.

Consecuencias

[editar | editar a fonte]
Otón I de Grecia

Á Guerra da Independencia seguiulle un período de grande inestabilidade civil. O conflito entre faccións seguía a existir e os gregos, que previran un renacemento do seu país segundo a antiga Hélade, opuxéronse firmemente á redución do seu territorio. Mentres os poderes buscaban un rei para Grecia, a administración do país recaeu no expresidente provisional Ioannis Kapodistrias, quen gobernou un réxime ditatorial ata o seu asasinato en 1831.

Estalou a guerra civil e, tras constituírse Grecia como reino, Otón de Baviera aceptou en 1832 o trono ofrecido polas potencias europeas e foi coroado ao ano seguinte como Otón I de Grecia. Porén, a súa xestión non foi do gusto dos helenos e foi deposto por unha Asemblea Nacional apoiada polas potencias europeas en 1862.

O príncipe Alfredo, segundo fillo da raíña Vitoria e duque de Saxonia-Coburgo Gotha foi elixido rei mediante un plebiscito nacional, mais o goberno británico rexeitou a oferta do pobo heleno e nomeou o príncipe Xurxo de Dinamarca, segundo fillo do rei Cristián IX, novo rei dos helenos. Os gregos aceptaron o candidato, e o príncipe foi coroado co nome de Xurxo I de Grecia, en 1863, mantendo a súa dinastía ata a abolición da monarquía en 1973.

  1. "War of Greek Independence | History, Facts, & Combatants". 
  2. Finkel, Caroline (2007). Osman's Dream: The History of the Ottoman Empire. Basic Books. p. 17. ISBN 9780465008506. 
  3. Woodhouse, A Story of Modern Greece, 'The Dark Age of Greece (1453–1800)', p. 113, Faber and Faber (1968)
  4. Theophilus C. Prousis, The Greeks of Russia and the Greek Awakening, 1774-1821. Balkan Studies; Thessalonike, 28.2 : 259-280. (en inglés)
  5. Clogg, A Concise History of Greece , pp. 25–26
  6. Clogg, A Concise History of Greece, p. 31
    * Dakin, The Greek struggle for independence, pp. 41–42
  7. Boime, Social History of Modern Art, 194
  8. Brewer, David The Greek War of Independence, Londres: Overlook Duckworth, 2011 p. 311.
  9. Clogg, A Concise History of Greece, pp. 31–32
  10. Hitchins, The Romanians, 149–150
  11. The Three Holy Hierarchs Monastery - A glimpse on its history Arquivado 29 de setembro de 2013 en Wayback Machine.
  12. Dakin, The Greek Struggle for independence, pp. 87–9.
  13. Brewer, David The Greek War of Independence, Lonres: Overlook Duckworth, 2011 p. 300.
  14. Howarth, The Greek Adventure, p. 239.
  15. "London Protocol". Greek Ministry of Foreign Affairs. Arquivado dende o orixinal (DOC) o 30 de setembro de 2007. Consultado o 26 de decembro de 2008. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]