Tesouro de Castine
Tesouro de Castine | |
---|---|
· Data do depósito: finais do século XVII
· País: Estados Unidos. · Descubridores: Stephen e Samuel Grindle. · Lugar de aparición: Castine, Maine. · Data do achado: principios da década de 1840. · Composición: moedas europeas e coloniais. |
O Tesouro de Castine é un tesouro monetario descuberto en 1840 na localidade estadounidense de Castine, Maine, composto por unha cantidade indeterminada de moedas de prata e de ouro, maioritariamente de orixe europea.
O tesouro foi soterrado cara a finais do século XVII e foi descuberto nunha granxa propiedade da familia Grindle. No seu momento non se fixo un rexistro das pezas que contiña, e estímase que estaba composto por entre 500 e 2.000 pezas.
Antecedentes e orixe
[editar | editar a fonte]Os investigadores sosteñen que as moedas pertencían a un depósito secreto propiedade do barón Jean-Vincent d'Abbadie de Saint-Castin, que se trasladou desde Francia ata o Novo Mundo e alí chegou a converterse en xefe de batallón e máis tarde en barón, logo do falecemento do seu pai.[2]
Jean acabou desprazouse ao forte de Pentagoet —no que hoxe é a vila costeira de Castine, en Maine— e fíxose cargo do posto comercial establecido alí, logo de cumprir as súas obrigas co exército. Nese lugar fixo amizade cos indios e chegou a se converter en xefe local. Máis tarde casou coa filla doutro xefe e tiveron unha filla.[3]
En 1704, as forzas británicas dirixidas polo comandante Church asaltaron e capturaron o asentamento de Pentagoet. Temendo que os británicos descubrisen os aforros do seu pai, a filla de Jean soterrou as moedas nun lugar seguro. Máis ao pouco tempo foi capturada e nunca puido regresar para recuperar o diñeiro. O barón Jean Vincent, que se achaba de viaxe por asuntos familiares, morreu en Francia poucos días despois da captura da súa filla.[4]
Achado e contido
[editar | editar a fonte]As moedas foron descubertas a finais de novembro de 1840 polo capitán Stephen Grindle e o seu fillo Samuel,[5] que as desenterraron na contorna da granxa na que vivían xunto co sogro do primeiro desde había décadas. A granxa estaba situada preto do río Bagaduce, a uns dez quilómetros do antigo forte, en Castine.[6]
Entre 1840 e 1841, en sucesivas escavacións logo do primeiro achado, desenterráronse centos de moedas. Non se ten constancia da cantidade exacta, xa que no momento non se fixo un rexistro, aínda que se estima que se acharon entre 500 e 2.000 moedas, maioritariamente de orixe europea.[7][5]
En 1859, o político local Joseph Williamson publicou un artigo na serie Collections of the Maine Historical Society, no que se describía sumariamente a composición do tesouro:[5][8]
“ | A maioría das moedas eran coroas, medias coroas e cuartos franceses, todas elas dos reinados de Luís XIII e Luís XIV, e levaban varias datas, desde 1642 ata 1682. | ” |
Máis tarde identificáronse no tesouro moedas procedentes doutros países, que circulaban en Norteamérica no período colonial, entre elas moedas belgas e portuguesas, varios escudos franceses,[9] e unha gran cantidade de reais de oito e outras cuñaxes a martelo producidas nos territorios españois en América.[10] Igualmente, formaban parte do tesouro cuñaxes realizadas nas trece colonias británicas, entre elas algúns exemplares do coñecido "xilin do piñeiro" (pine tree shilling) de 1652, emitidos polo prateiro John Hull.[11] A moeda máis antiga era unha peza portuguesa correspondente ao reinado de Xoán IV (1640-1656) e as máis recentes databan de 1688.[12]
As moedas fóronse dispersando co tempo logo da súa descuberta. En 1942, a Sociedade Histórica de Maine conservaba 26 exemplares.[13]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Wheeler, G. A. (1875). Páxina 194 bis.
- ↑ Jameson, W. C. (1998). Páxina 18.
- ↑ Jameson, W. C. (1998). Páxinas 19-20.
- ↑ Jameson, W. C. (1998). Páxinas 20-21.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 "Relics". En Wheeler, G. A. (1875). Páxina 194.
- ↑ Jameson, W. C. (1998). Páxina 21.
- ↑ Yeoman, R. S.; Bressett, K. (2016). A Guide Book of United States Coins. Whitman Pub. Páxina 31. ISBN 978-0794843045
- ↑ "Castine; and the Old Coins Found There". En Wilson Museum Bulletin. Vol. 4. Nº 25. Verán de 2003.
- ↑ Kraljevich, J. (2011). "Crowns of Colonial America". En Coin World. 12 de agosto de 2011.
- ↑ Kraljevich, J. (2013). "Colonial America: Silver coins circulate widely". En Coin World. 12 de xullo de 2013.
- ↑ "Relics". En Wheeler, G. A. (1875). Páxina 195.
- ↑ Stickney. M. A. (1860).
- ↑ Mossman, P. (2055). "Titles within the Numismatic Notes and Monographs Series Pertaining to Pre-Federal America". En ANS Magazine. Vol. 4. Nº 1. American Numismatic Society.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Jameson, W. C. (1998). "Baron Castine's Buried Hoard". En Buried Treasures of the Atlantic Coast. August House Pub., Little Rock. Páxinas 18-21. ISBN 9780874834840
- Kays, T. A. (2005). "Second Thoughts on a First Rate Coin Hoard: Castine Revisited". En Colonial Newsletter. Vol. 45. Nº 2. Agosto. Páxinas 2.837-2.868.
- Kleeberg, J. M. (2009). Numismatic Finds of the Americas. American Numismatic Society, Nova York. ISBN 9780897223119
- Noe, S. P. (1942). The Castine Deposit: an American Hoard. American Numismatic Society, Nova York.
- Stickney. M. A. (1860). "Notes on American Currency - Nº 6". En Historical Collections of the Essex Institute. Volume 2. Essex Institute. Páxina 253.
- Wheeler, G. A. (1875). History of Castine, Penobscot, and Brooksville, Maine. Burr & Robinson, Bangor.
- Wierzba, D. P. (2016). "The Castine Hoard Revisited: Dating of the Hoard". En The Colonial Newsletter. Vol. 56. Nº 1. Abril. Páxina 4.372.