Tesouro de Frome
Tesouro de Frome | |
---|---|
· Data do depósito: finais do século XVII
· País: Estados Unidos. · Descubridores: Stephen e Samuel Grindle. · Lugar de aparición: Castine, Maine. · Data do achado: principios da década de 1840. · Composición: moedas europeas e coloniais. · Conservación: Museo de Somerset. |
O tesouro de Frome é un conxunto de 52.503 moedas do baixo Imperio Romano achado en abril de 2010 por Dave Crisp co seu detector de metais preto de Frome, en Somerset, Inglaterra.[1] As moedas estaban contidas nunha vasilla de cerámica de 45 cm de diámetro,[2] e datan dos anos 253 a 305 d.C. A maioría son de bronce e hai tamén algunhas de prata de baixa lei.[1]
Trátase dun dos tesouros máis grandes achados en Gran Bretaña, e tamén é salientable por ser o que contén o maior grupo de moedas emitidas durante o reinado de Carausio, que gobernou en Gran Bretaña de xeito independente desde 286 ata 293 e foi o primeiro emperador romano en cuñar moedas nas Illas Británicas.[1]
O Museo de Somerset en Taunton, utilizando unha subvención do Fondo Conmemorativo do Patrimonio Nacional (NHMF), adquiriu o tesouro en 2011 por un valor de 320.250 libras.[3]
Descuberta
[editar | editar a fonte]O tesouro foi descuberto o 11 de abril de 2010 en tanto que Crisp realizaba unha busca de metais nun campo próximo a Frome, onde xa achara outras moedas de prata do baixo Imperio Romano.[4] Inicialmente atopou 62 moedas soltas, probablemente provenientes dos restos dun tesouro disperso; no mesmo terreo agrícola xa se atoparan 111 pezas en 1867.[5]
Mentres buscaba máis moedas do tesouro disperso, o seu buscador de metais emitiu un sinal que el considerou como estraño e, ao escavar uns 35 cm, achou un pequeno antoniniano radiado e a parte superior dunha pequena vasilla.[2] Ao se decatar de que se trataba dun tesouro de moedas intacto, deixou de escavar e cubriu de terra o burato que fixera.[5] En 22 anos como afeccionado á procura con detector de metais, Crisp nunca fixera un achado tan rechamante.[6]
Escavación
[editar | editar a fonte]O 15 de abril, Crisp notificoulle o descubrimento a Katie Hinds, responsable de achados do programa gobernamental Portable Antiquities Scheme en Wiltshire.[7] O día 22 do mesmo mes, Hinds, xunto con Anna Booth —responsable de achados de Somerset— e Alan Graham —un arqueólogo independente contratado polo Consello do Condado de Somerset—, visitaron o lugar para levar a cabo unha escavación de emerxencia.[8] Esta escavación, desenvolveuse durante tres días, do 23 ao 25 de abril, e estivo dirixida por Graham e asistida por Hinds, Booth, Crisp e membros da familia do propietario dos terreos.[8][9][10][11][12][13]
Graham escavou inicialmente unha gabia de 1,5 metros arredor do pequeno furado que Crisp cavara o primeiro día e identificou o foxo no que se depositara no seu momento a vasilla.[8] Primeiro escavou o recheo do foxo arredor do exterior do recipiente, e identificou materia orgánica que puido representar un material de embalaxe para o protexer cando foi depositado. Nese momento puido determinar que a vasilla rompera in situ moito antes da súa descuberta.[1]
A seguir, centrou a súa escavación na vasilla propiamente dita. Por mor do elevado peso do seu contido, da necesidade dunha escavación rápida por motivos de seguridade e da dificultade de levantar a vasilla rota co contido no seu interior —que sería o método arqueolóxico preferente, para poder acceder ao seu contido en condicións controladas de laboratorio—, tomouse a decisión de escavar as moedas sobre o terreo. As moedas extraéronse por capas, método co que se esperaba determinar se existía algún padrón cronolóxico na súa disposición, é dicir, se as moedas máis antigas estaban na parte inferior e as máis recentes na superior.[1] As moedas recolléronse en 66 bolsas etiquetadas, e en total pesaron aproximadamente 160 kg.[5] Graham escavou e rexistrou os achados, e os demais embolsaron as moedas á medida que Graham as ía sacando. Por mor do peso das moedas, crese que non tería sido posible transportar a vasilla chea, xa que esta racharía con toda probabilidade e as moedas acabarían esparexidas.[9]
Logo do levantamento do tesouro, contratouse un equipo de xeofísica arqueolóxica para que investigase a zona circundante, pero non se atoparon indicios de asentamento.[14]
Orixe do depósito
[editar | editar a fonte]Tradicionalmente, crese que a maioría dos tesouros romanos foron soterrados polos seus propietarios orixinais para a súa custodia,coa intención de seren recuperados nalgún momento posteriormente.[15] Con todo, o arqueólogo e numismático Sam Moorhead, do Portable Antiquities Scheme, suxeriu que neste caso a vasilla era tan grande e fráxil que non podería ter sido recuperada doadamente sen rompela, polo que o tesouro podería representar máis ben unhas ofrendas votivas comunais aos deuses.[16][17]
Contido
[editar | editar a fonte]As moedas, de 67 tipos distintos, datan do período abranguido entre os anos 253 e 305. A gran maioría son de bronce, e unicamente cinco son de prata maciza.[18]
Das 52.503 moedas achadas identificáronse 44.245, e as restantes clasificáronse provisoriamente como "ilexibles", pendentes de que se completase o seu proceso de limpeza conservación. Das moedas identificables, 14.788 foron cuñadas baixo o Imperio Romano central, 28.377 baixo o Imperio Galo escindido, e 766 baixo o Imperio Británico de Carausio, como se amosa na táboa que segue.[1]
Arredor do 5 % das moedas identificadas son do período de Carausio, que gobernou Britania desde 286 ata 293,[1] e o tesouro inclúe cinco denarios de prata emitidos tamén por Carausio, que eran o único tipo de moeda de prata que se cuñaba no Imperio Romano naquela época.[16]
Reinado | Datas | Cantidade | Imperio |
---|---|---|---|
Valeriano e Galieno (conxunto) | 253-260 | 46 | Imperio Central |
Galieno (só) | 260-268 | 6.091 | Imperio Central |
Salonina (muller de Galieno) | 260-268 | 404 | Imperio Central |
Claudio II | 268-270 | 5.421 | Imperio Central |
Claudio II (Divus Claudius) | 270-271 | 1.227 | Imperio Central |
Quintilo | 270 | 333 | Imperio Central |
Aureliano | 270-275 | 266 | Imperio Central |
Severina (muller de Aureliano) | 270-275 | 13 | Imperio Central |
Tácito | 275-276 | 252 | Imperio Central |
Floriano | 276 | 10 | Imperio Central |
Probo | 276-282 | 619 | Imperio Central |
Caro | 282-283 | 8 | Imperio Central |
Caro (Divus Carus) | 283 | 5 | Imperio Central |
Magnia Urbica (Muller de Caro) | 282-283 | 2 | Imperio Central |
Carino | 282-285 | 19 | Imperio Central |
Numeriano | 283-284 | 12 | Imperio Central |
Diocleciano | 285-305 | 38 | Imperio Central |
Maximiano | 286-305 | 22 | Imperio Central |
Póstumo | 260-269 | 257 | Imperio Galo |
Laeliano | 269 | 4 | Imperio Galo |
Mario | 269 | 35 | Imperio Galo |
Vitorino | 269-271 | 7.494 | Imperio Galo |
Vitorino (Divus Victorinus) | 271 | 14 | Imperio Galo |
Tétrico | 271-274 | 12.416 | Imperio Galo |
Tétrico II | 272-274 | 5.203 | Imperio Galo |
[Incerto] | 2.954 | Imperio Galo | |
Carausio | 286-293 | 766 | Imperio da Britania |
Conservación
[editar | editar a fonte]O 26 de abril, Sam Moorhead, na súa condición de asesor de achados de moedas romanas e da Idade de Ferro do Departamento de Moedas e Medallas do Museo Británico, e Roger Bland, xefe do Departamento de Antigüidades e Tesouros Portátiles desa mesma institución, desprazáronse a Frome para recoller as moedas escavadas e leváronas ao Museo Británico, en Londres.[5]
Durante as seis semanas seguintes, a conservadora de metais desa institución, Pippa Pearce, lavou e secou todas as moedas para as estabilizar, mais non realizou unha conservación completa, que tería custado 35.000 libras máis.[4][5]
Investigación e valoración
[editar | editar a fonte]O 22 de xullo de 2010 tivo lugar unha investigación forense sobre o tesouro, que concluíu que o achado se trataba efectivamente dun tesouro e, xa que logo, propiedade da Coroa.[17] Malia iso, en virtude da Lei do Tesouro de 1996, un museo podía adquirir o tesouro a un prezo determinado oficialmente, e a metade dos ingresos destinaríase ao descubridor e a outra metade ao propietario do terreo. o Servizo de Patrimonio do Consello do Condado de Somerset indicou que desexaba adquirir o tesouro e expor as moedas no novo Museo de Somerset en Taunton, cando se reabrise en 2011.[19]
En outubro de 2010, o tesouro foi valorado polo Comité de Valoración de Tesouros en 320.250 libras esterlinas, e o Fondo de Arte lanzou un chamamento público. O propio Fondo de Arte achegou 40.250 libras esterlinas iniciais, en tanto que o Museo Británico doou 50 peniques por cada exemplar vendido do seu libro sobre o tesouro.[20][21] Finalmente, coa axuda dunha subvención do Fondo Conmemorativo do Patrimonio Nacional, que incluía 105.000 libras esterlinas para traballos de conservación,[22] o Museo de Somerset en Taunton adquiriu o tesouro en 2011.[3]
Exposición ao público
[editar | editar a fonte]Inicialmente expúxose unha selección das moedas no Museo Británico o 8 de xullo de 2010 para un photocall de prensa,[1] e o tesouro completo foi exposto posteriormente no propio Museo Británico entre o 15 de xullo e o 31 de agosto de 2010.[23] Algunhas das moedas expuxéronse tamén na Biblioteca de Frome o 22 de xullo de 2010,[24] e novamente o 23 de outubro de 2010.[21]
O achado incluíuse no programa de televisión da BBC Two Digging for Britain, presentado por Alice Roberts, en agosto de 2010.[6]
O tesouro pasou a estar exposto de xeito permanente no Museo de Somerset cando este reabriu as súas portas o 29 de setembro de 2011.[25]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 Booth, A. (2010). "The Frome Hoard". Portable Antiquities Scheme. 18 de outubro.
- ↑ 2,0 2,1 "Huge Roman coin find for hobbyist". En BBC. 8 de xullo de 2010.
- ↑ 3,0 3,1 "Frome Hoard of Roman coins to stay in Somerset". En BBC. 21 de marzo de 2011.
- ↑ 4,0 4,1 "£320,250 needed to save Frome Hoard for Somerset". Portable Antiquities Scheme. 17 de outubro de 2010.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 Moorhead, S. (2010). "The Frome Hoard – The largest pot of Roman coins ever found in Britain". British Museum Book club. 30 de setembro.
- ↑ 6,0 6,1 "Roman hoard of coins, The Romans, Series 1, Digging for Britain - BBC Two". En BBC. 16 de setembro de 2010.
- ↑ Hinds, K. (2010). "The phonecall". Portable Antiquities Scheme. 8 de xullo.
- ↑ 8,0 8,1 8,2 Booth, A. (2010). "Anna – Day one". Portable Antiquities Scheme. 8 de xullo.
- ↑ 9,0 9,1 Booth, A. (2010). "Anna – Day three". Portable Antiquities Scheme. 8 de xullo.
- ↑ "Katie - Day one". Portable Antiquities Scheme. 8 de xullo de 2010.
- ↑ "Katie - Day two". Portable Antiquities Scheme.
- ↑ "Anna - Day two". Portable Antiquities Scheme. 5 de xullo de 2010.
- ↑ "Katie - Day three". Portable Antiquities Scheme. 8 de xullo de 2010.
- ↑ Booth, A. "The Frome Hoard: Geophys". Portable Antiquities Scheme. 8 de xullo de 2010.
- ↑ Galestin, M. (2001). "Interpretations of Roman Coin Hoards". En A. J. Nijboer (ed.). Interpreting Deposits: linking ritual with economy: papers on Mediterranean archaeology. Caecvlvs IV. Peeters Publishers. Páxinas 81-98. ISBN 978-90-367-1297-2
- ↑ 16,0 16,1 Booth, A. (2010). "Metal-detectorist finds largest pot of Roman coins from Britain". Portable Antiquities Scheme. 8 de xullo.
- ↑ 17,0 17,1 "Coroner decides Frome Roman coin hoard is treasure". En BBC News. 22 de xullo de 2010.
- ↑ Adams, S. (2010). "Roman coin hoard found, the weight of two men". En The Telegraph. 8 de xullo.
- ↑ "Hoard of Roman coins unearthed". En Somerset County Gazette. 8 de xullo de 2010.
- ↑ Moorhead, S.; Booth, A.; Bland, R. (2010). The Frome Hoard. British Museum Press. ISBN 978-0-7141-2334-9
- ↑ 21,0 21,1 Kennedy, M. (2010). "Roman coin hoard valued at £320,250". En The Guardian. 17 de outubro.
- ↑ Kennedy, M. (2011). "Somerset and Edinburgh Museums to keep archaeological treasure". En The Guardian. 21 de marzo.
- ↑ Booth, A. (2010). "Frome coins on display and a gallery talk". 15 de xullo.
- ↑ "Coin hoard goes on public display at Frome Library". En BBC News. 15 de xullo de 2010.
- ↑ "Frome Hoard goes on display at Museum of Somerset". En BBC News. 29 de setembro de 2011
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Moorhead, S.; Booth, A.; Bland, R. (2010). The Frome Hoard. British Museum Press. ISBN 978-0-7141-2334-9