Saltar ao contido

The Thirty-nine Steps (novela)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

The Thirty-nine Steps (novela)
Título orixinalThe Thirty-nine Steps
Autor/aJohn Buchan
OrixeReino Unido
Linguainglés británico e lingua inglesa
Xénero(s)novela de espías e romance de mistério
EditorialBlackwood & Sons
Data de pub.1915
editar datos en Wikidata ]

The Thirty-nine Steps (Os trinta e nove chanzos) é unha novela de espionaxe escrita polo escocés John Buchan en 1915. Foi a primeira da serie de novelas que tiveron como protagonista a Richard Hannay e que inclúe catro títulos máis. Ademais, ampliou a súa sona grazas ás diferentes montaxes que, inspiradas nela, se levaron ao cinema.

Páxina de presentación dunha edición de 1927.

A novela foi publicada por primeira vez en 1915 por William Blackwood en Edimburgo, e dende entón coñeceu abondosas reedicións e traducións a outros idiomas, entre os que non está o galego.

The Thirty-nine Steps' está orixinalmente escrita en inglés, se ben algúns dos personaxes falan en escocés e, en menor medida, en alemán. Foi redactada por Buchan mentres repousaba dunha úlcera duoduenal[1] nunha casa na costa sudoriental inglesa, en Broadstairs. Curiosamente, son moi abondosas ás referencias a situacións de fame nesta novela, e o propio contorno de Broadstairs está presente no remate na novela.

O propio Buchan define a novela como un shocker (forma británica de coñecer as novelas populares), historias "onde os feitos desafían as probabilidades, e que entran por pouco no eido do posible"[2]. A novela marcou un punto de inflexión na carreira literaria de Buchan e iniciou a serie de títulos con Richard Hannay como protagonista, e que foi seguida por Greenmantle, Mr Standfast, The Three Hostages, The Courts of the Morning e The Island of Sheep.

Argumento

[editar | editar a fonte]

A novela, ambientada nos tempos da preguerra, conta a historia de Richard Hannay, un ocioso home de Rodesia, descendente de escoceses, que viaxa ata Londres para comezar unha nova vida. Alí atopa a Franklin P. Scudder, un espía británico, que lle solicita axuda para deter un compló internacional. A raíz da morte de Scudder no apartamento de Hannay, este inicia unha fuxida da policía e dun grupo de espías alemáns durante a que percorre Escocia.

Richard Hannay é un home rico, procedente da clase alta colonial surafricana, e que decide ir á metrópole para cambiar de vida. É pois un home afeito a cazar, gran coñecedor da natureza e que goza explorando as paisaxes. En Londres, porén, aborrece. E cando xa está a piques de volver a Suráfrica, entra na súa vida un veciño seu, chamado Franklin P. Scudder, que se lle presenta como un espía perseguido e ameazado de morte. Acólleo no seu apartamento e durante unhas xornadas este desvélalle a existencia dun compló internacional dirixido polos xudeus e que ten como obxectivo provocar unha guerra entre Alemaña e Austria e as potencias occidentais (Gran Bretaña e Francia). O incidente de arranque do compló sería o asasinato do primeiro ministro grego Karolides, nunha visita a Londres un mes despois.

Pero Scudder é asasinado no piso de Hannay, e este, pensando que os espías internacionais queren apreixalo, inicia unha fuxida cara ao norte. Durante varias xornadas vive diversas peripecias polos campos e montes da rexión meridional de Escocia, pasando fame e padecementos, tomando contacto coa poboación local e escapando, a miúdo en extremas circunstancias, dos seus perseguidores. Nun deses encontros bate cun sobriño dun alto mandatario do servizo de Exteriores británico, e prepara un encontro en Londres. Noutro, bate de fronte co cuartel xeral dos espías, situado precisamente nunha casa illada en Escocia. Finalmente, e grazas aos coidados dun legoeiro, consegue agocho e volta a Londres a tempo para entrevistarse co mandatario de Exteriores.

Este cre os seus argumentos, pero non comparte a súa opinión sobre a parte fundamental do compló. Pero a nova do asasinato de Karolides, transforma os plans: os alemáns están a piques de roubar uns plans militares que os británicos lle van comunicar aos franceses, co que a illa quedaría defensivamente desgornecida. Hannay queda temporalmente afastado da historia, pero como é un home de acción, decide visitar de novo o político. Por azar, descobre a forma en que os espías conseguiron coller os datos, e ocórreselle unha hipótese para trasladar esa información a Alemaña a partir do descifrado do libro de notas de Scudder. Finalmente, nun chalé con vistas ao mar e que ten unha rampla de acceso co 39 chanzos, consegue interceptar os espías e evitar o compló, pero non a guerra.

A novela e Escocia

[editar | editar a fonte]

A diferenza dos detalles que se achegan das localizacións xeográficas en Londres, Birmingham ou a costa suroriental de Inglaterra, as mencións á xeografía escocesa son moi vagas, malia que a etapa neste país ocupa a maior parte da novela e que nel realiza Hannay múltiples viaxes en diferentes direccións. As únicas referencias que se dan son da cidade de Newton Stewart, destino da súa viaxe dende Londres (ao longo da vertente occidental de Inglaterra), e do río Tweed. Polo tanto, as súas viaxes, realizadas en coche, en bicicleta pero fundamentalmente a pé, non o deberon levar fóra das rexións de Dumfries e Galloway, nas estremas entre Escocia e Inglaterra.

Os personaxes descritos abondan nos tópicos do escocés do tempo: pastores, coidadores de caza, nobres ingleses ociosos que repousan en Escocia, ou traballadores relixiosos e alcólicos, como o legoeiro que o coida da enfermidade na parte final do seu percorrido. O propio protagonista xoga con esa imaxe tópica cando se describe, cunhas roupas que lle deron nunha casa, como "a viva imaxe dese tipo de escocés que se ve nas ilustracións dos poemas de Burns[3].

Lista de capítulos

[editar | editar a fonte]
  1. The Man Who Died (O home que morreu)
  2. The Milkman Sets Out on His Travels (O leiteiro emprende viaxe)
  3. The Adventure of the Literary Innkeeper (A aventura do taberneiro literario)
  4. The Adventure of the Radical Candidate (A aventura do candidato radical)
  5. The Adventure of the Spectacled Roadman (A aventura do legoeiro con lentes)
  6. The Adventure of the Bald Archaeologist (A aventura do arqueólogo calvo)
  7. The Dry-Fly Fisherman (O pescador a mosca seca)
  8. The Coming of the Black Stone (O regreso da Black Stone)
  9. The Thirty-nine Steps (Os trinta e nove chanzos)
  10. Various Parties Converging on the Sea (Varios grupos veñen converxer ao mar)

Adaptacións

[editar | editar a fonte]

Sobre esta novela fixéronse distintas adaptacións cinematográficas, en todos os casos bastante libres, introducindo tramas amorosas e dándolle distintos significados á expresión "trinta e nove chanzos".

  1. Durante unha enfermidade neste inverno, gastei os andeis que tiña.... Fragmento da dedicatoria da novela, a Thomas Arthur Nelson. The Thirty-nine Steps, John Buchan. William Blackwood. Edimburgo. Páxina 5 pola 13ª edición, 1927
  2. Fragmento da dedicatoria da novela, a Thomas Arthur Nelson. The Thirty-nine Steps, John Buchan. William Blackwood. Edimburgo. Páxina 5 pola 13ª edición, 1927
  3. The Thirty-nine Steps, John Buchan. William Blackwood. Edimburgo. Páxina 164 pola 13ª edición, 1927