Theodor Shteingel
O barón Fyodor "Teodor" Rudolphovich Shteingel (ruso: Фёдор Рудольфович Штейнгель: , alemán: Theodor von Steinheil) nado en San Petersburgo o 9 de decembro de 1870, e finado en Dresden o 11 de abril de 1946, foi un arqueólogo, filántropo e político nacionalista ucraíno.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Fillo do alemán do Báltico Rudolf, quen se enriquecera coa construción do ferrocarril, e da ucraína Marija Kamin'skyj, tivo tres irmáns: Ivan, Serhij e Volodymyr.[1] Despois de graduarse na Universidade de Kíiv, estableceu unha escola, un hospital, unha cooperativa e unha sala de lectura en Horodok (oblast de Rivne). Escavou enterramentos medievais na zona de Rivne. Ademais, en 1902, legou ao Museo de Horodok as súas coleccións arqueolóxicas, históricas e etnográficas.[2]
No ano 1906 foi elixido deputado por Kíiv para a primeira Duma Estatal do Imperio Ruso, uníndose ao grupo dos representantes ucraínos. Malia a ser membro da nobreza imperial, foi simpatizante do nacionalismo ucraíno: fíxose membro da Sociedade dos Progresistas Ucraínos (antes coñecido como Partido Democrático de Ucraína) e foi tamén vicepresidente da Sociedade Científica de Ucraína, unha institución abertamente ucrainófila antecesora da Academia Nacional de Ciencias de Ucraína.[3] Logo da Revolución de febreiro de 1917 presidiu o comité executivo da Duma da cidade de Kíiv, que foi precursor da Rada Central, parlamento ucraíno no contexto das revolucións rusas. En 1918 foi enviado como membro da legación diplomática a Berlín polo Hetmanato ucraíno, un goberno baixo a protección das potencias centrais e contrario aos bolxeviques que rexeu Ucraína nese ano. Máis tarde, na década de 1920, regresou ao oeste de Ucraína, entón parte de Polonia, pero marchou a Alemaña en 1939.
A súa residencia en Horodok, o Palacio de Shteingel (actual convento de San Nicolao), goza de protección por estar catalogado como parte do patrimonio cultural ucraíno.
Casou tres veces e tivo catro fillos: do seu primeiro matrimonio, Boris, do seu segundo matrimonio, Volodymyr e Mykola (morreu na infancia) e do seu terceiro matrimonio, Fedir.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "BBLD: Steinheil, Hermann Rudolf* Alexander Frh. v. (1841-1892)". bbld.de. Consultado o 2023-03-19.
- ↑ "Shteingel, Teodor". www.encyclopediaofukraine.com. Consultado o 2023-03-19.
- ↑ "Ukrainian Scientific Society". www.encyclopediaofukraine.com. Consultado o 2023-03-19.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Theodor Shteingel |