Theodosius Dobzhansky
Theodosius Grygorovych Dobzhansky (ucraíno: Теодо́сій Григо́рович Добжа́нський; ruso: Феодо́сий Григо́рьевич Добржа́нский), nado en Nemyriv (Imperio Ruso) o 25 de xaneiro de 1900 e finado en San Jacinto (California) o 18 de decembro de 1975, foi un xenetista e biólogo evolutivo estadounidense de orixe ucraína e unha figura central no campo da bioloxía evolutiva polos seus traballos que contribuíron a dar forma á síntese evolutiva moderna.[1]
Dobzhansky naceu en Ucraína, que entón formaba parte do Imperio Ruso, e emigrou aos Estados Unidos en 1927, cando tiña 27 anos.[2] O seu traballo de 1937 Genetics and the Origin of Species tivo unha grande influencia na síntese evolutiva e foi premiado coa Medalla Nacional da Ciencia dos Estados Unidos de 1964,[3] e coa Medalla Franklin en 1973. É membro externo da Royal Society.[4]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Dobzhansky naceu o 25 de xaneiro de 1900[5] en Nemyriv, Imperio Ruso, actualmente Ucraína, e foi fillo único. O seu pai, Grigory Dobzhansky, foi un profesor de matemáticas, e a súa nai foi Sophia Voinarsky.[6] En 1910 a familia trasladouse a Kíiv. No instituto, Dobzhansky coleccionaba bolboretas e decidiu facerse biólogo.[7] En 1915, coñeceu a Victor Luchnik, que o convenceu de especializarse en escaravellos. Dobzhansky estudou na Universidade do Estado de Kíiv de 1917 a 1921, onde despois seguiu ata 1924. Mudouse a San Petersburgo, Rusia, para estudar baixo a dirección de Yuri Filipchenko, onde se montara un laboratorio para estudar a xenética da mosca Drosophila melanogaster.
O 8 de agosto de 1924, Dobzhansky casou coa xenetista Natalia "Natasha" Sivertzeva, que traballaba con I. I. Schmalhausen en Kíiv, Ucraína. Tiveron unha filla, Sophie, que despois casaría co arqueólogo e antropólogo norteamericano Michael D. Coe.
Antes de emigrar aos Estados Unidos, Dobzhansky publicou 35 traballos científicos sobre entomoloxía, xenética e zootecnia.
América
[editar | editar a fonte]Dobzhansky inmigrou aos Estados Unidos en 1927 cunha bolsa de estudos do International Education Board da Fundación Rockefeller para traballar e estudar nos Estados Unidos. Ao chegar a Nova York o 27 de decembro, traballou con Thomas Hunt Morgan na Universidade de Columbia, quen fora pioneiro no uso das moscas do vinagre (Drosophila melanogaster) en experimentos xenéticos. Seguiu a Morgan ao Instituto Tecnolóxico de California desde 1930 a 1940. Baseándose nos seus experimentos, articulou a idea e que o illamento reprodutivo pode ser causado por diferenzas na presenza de microbios simbiontes entre as poboacións.[8]
En 1937, publicou un dos principais traballos da síntese evolutiva moderna, a síntese da bioloxía evolutiva coa xenética, titulado Genetics and the Origin of Species (A xenética e a orixe das especies), o cal, entre outras cousas, definía a evolución como "un cambio na frecuencia dun alelo dentro dunha poza xenética". O traballo de Dobzhansky foi fundamental para que se espallase a idea de que a selección natural ten lugar por intermedición das mutacións nos xenes. Tamén en 1937, nacionalizouse como cidadán dos Estados Unidos. Durante esta época, tivo unha liorta moi pública co seu colaborador na experimentación con Drosophila, Alfred Sturtevant, debido principalmente á competición profesional.
En 1941, Dobzhansky foi premiado coa Madalla Daniel Giraud Elliot da Academia Nacional das Ciencias dos Estados Unidos.[9] Regresou á Universidade de Columbia, onde estivo entre 1940 e 1962. Foi un dos asinantes da declaración da UNESCO de 1950 A cuestión da raza. Despois pasou ao Instituto Rockefeller (que pouco despois se chamaría Universidade Rockefeller) ata que se retirou en 1971. En 1972 foi elixido primeiro presidente da BGA (Behavior Genetics Association, Asociación da Xenética do Comportamento),[10] e recibiu o recoñecemento da sociedade polo seu papel na xenética do comportamento, e a sociedade creou o Premio Dobzhansky de xenética do comportamento.
Dobzhansky foi elixido Membro Estranxeiro da Royal Society (ForMemRS) británica en 1965.[4] En 1970, publicou Genetics of the evolutionary process (Xenética do proceso evolutivo).[11]
Enfermidade final e a "luz da evolución"
[editar | editar a fonte]A muller de Dobzhansky Natasha morreu de trombose coronaria o 22 de febreiro de 1969. Pouco antes, o 1 de xuño de 1968, Theodosius fora diagnosticado de leucemia linfocítica (unha forma crónica de leucemia), e déronlle meses ou como máximo uns poucos anos de vida. Retirouse en 1971 e trasladouse á Universidade de California, Davis, onde o seu estudante Francisco Jose Ayala era profesor axudante, e onde continuou traballando como profesor emérito. Publicou entón un dos seus máis famosos ensaios "Nothing in Biology Makes Sense Except in the Light of Evolution" (Nada en bioloxía ten sentido se non é á luz da evolución), influído polo paleontólogo e crego Pierre Teilhard de Chardin.
En 1975, a súa leucemia fíxose máis grave, e o 11 de novembro viaxou a San Jacinto, California para recibir tratamentos e coidados. Morreu alí de insuficiencia cardíaca o 18 de decembro. Foi incinerado e as súas cinzas foron esparexidas nunha zona silvestre de California.
Crenzas relixiosas
[editar | editar a fonte]Ernst Mayr dixo: "Por outra parte, famosos evolucionistas como Dobzhansky eran firmes crentes nun Deus persoal."[12] O propio Dobzhansky falaba de Deus como creador por medio da evolución, e considerábase un fiel da Igrexa Ortodoxa Oriental.[13]
Publicacións do autor
[editar | editar a fonte]Durante a súa carreira, Dobzhansky publicou moitos libros e artigos científicos revisados por pares:
Libros
[editar | editar a fonte]- Sinnott, E.W., Dunn, L.C e Dobzhansky, Th. 1925. Principles of Genetics. McGraw-Hill. (5 edicións: 1925, 1932, 1939, 1950, 1958; Dobzhansky foi coeditor só nas edicións de 1950 e 1958).
- Dobzhansky, Th. 1937. Genetics and the Origin of Species. Columbia University Press, Nova York. (2nd ed., 1941; 3rd ed., 1951)
- The Biological Basis of Human Freedom (1954).
- Dunn, L. C., & Dobzhansky, Th. 1946. Heredity, Race, and Society. The New American Library of World Literature, Inc., Nova York.
- Dobzhansky, Th. 1955. Evolution, Genetics, & Man. Wiley & Sons, Nova York.
- Dobzhansky, Th. 1962. Mankind Evolving. Yale University Press, New Haven, Connecticut.
- Dobzhansky, Th. 1967. The Biology of Ultimate Concern. New American Library, Nova York.
- Dobzhansky, Th. 1970. Genetics of the Evolutionary Process. Columbia University Press, Nova York.
- Dobzhansky, Th. 1973. Genetic Diversity and Human Equality. Basic Books, Nova York.
- Dobzhansky, Th., F.J. Ayala, G.L. Stebbins & J.W. Valentine. 1977. Evolution. W.H. Freeman, San Francisco.
- Dobzhansky, Th. 1981. Dobzhansky's Genetics of Natural Populations I-XLIII. R.C. Lewontin, J.A. Moore, W.B. Provine & B. Wallace, eds. Columbia University Press, Nova York. (reeditou 43 artigos nesta serie, todos eles menos dous da autoría ou coautoría de Dobzhansky)
- Dobzhansky, Th., & Boesiger, E. 1983. Human Culture, A Moment in Evolution. Columbia University Press, Nova York.
Artigos
[editar | editar a fonte]- Dobzhansky, Th. (1973). "Nothing in Biology Makes Sense Except in the Light of Evolution" (PDF). The American Biology Teacher 35 (3): 125–129. JSTOR 4444260. doi:10.2307/4444260.
- Dobzhansky, Th.; Pavlovsky, O. (1957). "An experimental study of interaction between genetic drift and natural selection". Evolution 11 (3): 311–319. JSTOR 2405795. doi:10.2307/2405795.
Recensións
[editar | editar a fonte]Theodosius Dobzhansky criticou o libro "The origin of races" (A orixe das razas) do antropólogo Carleton S. Coon. Dobzhansky rexeitaba a teoría de Coon da orixe independente de mutacións idénticas, pero concordaba en que a selección favoreceu un xenotipo de tipo sapiens en todas as poboacións protohumanas, e expresou a teoría de que todos os alelos sapiens existían en baixa frecuencia en todas as poboacións de erectus, e de que a composición estatística da poza xénica cambiou do erectus ao sapiens en moitas poboacións independentemente.[14] Obras da súa autoría ou coautoría nas que fala do problema racial son: A Bogus ‘science’ of Race Prejudice (Unha falsa 'ciencia' do prexuízo racial)[15] e Heredity, Race, and Society (Herdanza, raza e sociedade).[16]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Ayala, Francisco J. (1985). "Theodosius Dobzhansky". Biographical Memoirs of the National Academy of Sciences 55: 163–213.
- ↑ Adams, M. (ed) (1994). The Evolution of Theodosius Dobzhansky : essays on his life and thought in Russia and America. Princeton, N.J.: Princeton University Press. ISBN 0-691-03479-6.
- ↑ National Science Foundation - The President's National Medal of Science
- ↑ 4,0 4,1 Ford, E. B. (1977). "Theodosius Grigorievich Dobzhansky. 25 January 1900 -- 18 December 1975". Biographical Memoirs of Fellows of the Royal Society 23: 58–26. doi:10.1098/rsbm.1977.0004.
- ↑ Theodosius Dobzhansky. [Internet]. 2015. The Biography.com website. Dispoñible en: http://www.biography.com/people/theodosius-dobzhansky-40839 Arquivado 28 de xullo de 2016 en Wayback Machine. [Acceso 10 de marzo de 2015].
- ↑ Ford, p 59.
- ↑ Ayala, p163.
- ↑ Acquiring genomes: a theory of the origins of species By Lynn Margulis and Dorion Sagan, Basic Books (2003) p. 94, ISBN 0-465-04392-5
- ↑ "Daniel Giraud Elliot Medal". National Academy of Sciences. Arquivado dende o orixinal o 01 de agosto de 2012. Consultado o 16 February 2011.
- ↑ "Historical table of BGA Meetingsl". Arquivado dende o orixinal o 04 de xuño de 2013. Consultado o 30 de agosto de 2016.
- ↑ Genetics of the evolutionary process By Theodosius Dobzhansky, Columbia University Press (1970), ISBN 0-231-08306-8
- ↑ Shermer, M.; Sulloway, F.J. (2000). "The grand old man of evolution". Skeptic 8 (1): 76–82.
- ↑ Collins, Francis S (2006). The Language of God: A Scientist Presents Evidence for Belief. New York: Free Press. ISBN 0-7432-8639-1.
- ↑ John P. JacksonJr. “In Ways Unacademical”: The Reception of Carleton S. Coon's The Origin of Races". Journal of the History of Biology (2001) 34: 247. doi:10.1023/A:1010366015968.
- ↑ Dobzhansky, T. 1961. “A Bogus ‘science’ of Race Prejudice.” Journal of Heredity 52: 189–190.
- ↑ Dunn, L.C. and Dobzhansky, T. 1952. Heredity, Race, and Society. New York: New American Library.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Colloquium on Genetics and the Origin of Species cunha biografía Arquivado 20 de agosto de 2008 en Wayback Machine.
- Chapter 1 from Genetics and the Origin of Species Arquivado 28 de setembro de 2008 en Wayback Machine.
- Theodosius Dobzhansky: A Man For All Seasons Arquivado 27 de xuño de 2008 en Wayback Machine. de Francisco J. Ayala
- The Theodosius Dobzhansky Papers American Philosophical Society
- National Academy of Sciences Biographical Memoir