Saltar ao contido

Tratado de Saint-Clair-sur-Epte

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O Ducado de Normandía entre 911 e 1050.

O Tratado de Saint-Clair-sur-Epte foi un acordo, asinado no outono de 911,[1] entre Carlos III o Simple e Hrolf Ganger, coñecido como Rollón, un xefe nórdico.

Este tratado permitiu o establecemento dos normandos en Neustria, a cambio de protexeren o reino de Francia de calquera outra invasión dos normandos.

Despois do reinado de Carlomagno moitas abadías cristiás foron obxecto de ataques viquingos. Houbo que establecer comandos militares baixo un xefe de territorio fronteirizo (marca) que orixinaron a marca de Neustria (os seus señores eran condes en función de comandantes de terras fronteirizas, pero non lles chamaban marqueses). Os reis carolinxios tamén construíron pontes fortificadas (como en Pont-de-l'Arche no Sena) que non deron parado os ataques.

Ao redor de 910-911, un xefe normando chamado Hrolf Ganger comezou unha expedición pola marca de Neustria pero foi derrotado ao pé das murallas de Chartres por unha coalición de aristócratas francos. Foi o momento escollido por Carlos o Simple para negociar, cousa que lle era urxente, porque quería apoderarse do reino de Lotarinxia sen medo á ameaza viquinga.

Cláusulas do tratado

[editar | editar a fonte]

O texto non se conservou pero un historiador do século XI, Dudón de Saint-Quentin, explica o seu contido; non obstante quedan algunhas dúbidas sobre a veracidade da súa historia. As cláusulas foron:

  • Carlos o Simple concedeu a Hrolf Ganger a rexión entre «o Epte e o mar». Os historiadores non están de acordo sobre a extensión exacta da concesión; a maioría pensa que a doazón incluía os bispados de Rouen, Évreux e Lisieux, é dicir, a moderna Alta Normandía, e tamén o País de Auge. Pierre Bauduin suxire unha cesión aínda menor. Non era a primeira vez que un rei daba aos viquingos un territorio a cambio da paz. A finais do século IX o rei de Inglaterra Alfredo o Grande concedera varios territorios que formaron o Danelaw.
  • Hrolf Ganger aceptaba ser bautizado.
  • Hrolf Ganger tiña que asegurara protección do reino especialmente contra os seus compatriotas normandos que tivesen a tentación de remontar o Sena. O xefe normando rendeu homenaxe ao rei. Neste punto, Dudón de Saint Quintin, con simpatía polos normandos, conta unha anécdota: Hrolf negouse a se axeonllar ante o rei en sinal de homenaxe e a lle bicar os pés; buscouse un compromiso e acordouse que un membro da comitiva de Hrolf fixese tales xestos no seu lugar; pero o normando, en vez de se axeonllar, levantou o pé do rei tan alto que o fixo caer.

Consecuencias

[editar | editar a fonte]

O acto foi fundamental porque deu nacemento ao que foi o Ducado de Normandía. Hrolf e logo o seu fillo Guillerme Espada Longa dedicáronse a estender a concesión orixinal, especialmente á Baixa Normandía e a Bretaña. Hrolf respectou as cláusulas do tratado e abstívose de invadir as terras do reino. Despois do encarceramento de Carlos o Simple fixo algunhas incursións en Picardía.

  1. D. C. Douglas, « Rollo of Normandy », The English Historical Review, vol. 57, n°228 (oct. 1942), p. 417-436.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Pierre Bauduin, « Des raids scandinaves à l’établissement de la principauté de Rouen », a '« La Normandie avant les Normands, de la conquête romaine à l’arrivée des Vikings » per Élisabeth Deniaux, Claude Lorren, Pierre Bauduin i Thomas Jarry, ', Rennes, 2002, ISBN 978-2737311178
  • François Neveux, « L’aventure des Normands siecles VIII au XIII) », Librairie académique Perrin, París, 2006, ISBN 2-286-02004-3
  • François Neveux, « La Normandie des ducs aux rois - siecles X au XII », Éditions Ouest-France Université, Rennes, 1998, ISBN 2-7373-0985-9
  • François Neveux, « Traité de Saint-Clair-sur-Epte ». Archives de France, Actions culturelle et pédagogique, Célébrations nationales, Recueil 2011, Institutions et vie politique.
  • Jean Renaud, « Les Vikings et la Normandie », Éditions Ouest-France Université, Rennes, 1989, ISBN 2-7373-0258-7
  • Jean Renaud, « La Normandie des Vikings », OREP, 2006, ISBN 978-2915762068
  • Vissière, Laurent « Comment un Viking a créé la Normandie », Historia, n° 774, juin 2011, pp. 46–51.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]