Saltar ao contido

Trol

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Troles cunha princesa raptada (John Bauer, 1915).
Askeladden e un trol, por Theodor Kittelsen

Un trol[1] (do nórdico troll) é un temible membro dunha mítica raza antropomorfa do folclore escandinavo. O seu papel nos mitos cambia desde xigantes diabólicos –similares aos ogros dos contos de fadas ingleses– ata teimados salvaxes máis parecidos a homes que viven baixo terra en outeiros ou montículos, inclinados ao roubo e o rapto de humanos que, no caso dos infantes, eran substituídos por nenos cambiados. Tamén se lles pode chamar «xente do outeiro» ou «do montículo». Nos contos das illas Shetland e Orcadas, os troles son chamados trowes.

Os troles no folclore escandinavo

[editar | editar a fonte]

Os troles, que adoitan amorear ouro, son unhas das criaturas máis frecuentes nos contos de fadas escandinavos, máis comúns incluso que os elfos, ananos, meigas ou xigantes (hai que dicir que nestes contos de fadas non hai unha distinción clara entre meigas e troles femia, como tampouco entre troles macho e xigantes). Aparecen descritos baixo calquera tamaño, podendo ser tan enormes como xigantes ou tan pequenos como ananos. Non obstante, sempre se lles considera posuidores dunha pobre intelixencia (especialmente os machos, mentres que as femias ou trollkonor poden ser bastante maliciosas), un nariz grande, brazos longos, peludos e non demasiado agraciados (excepto algunhas femias). Nos contos de fadas escandinavos, os troles xeralmente vólvense de pedra ó contacto coa luz solar. Esta debilidade compártena cos "Svartalfar" (elfos escuros) e os ananos nórdicos.

Os troles viven no bosque e nas montañas e ás veces raptan nenos obrigándoos a vivir con eles (especialmente princesas). De cando en vez, atrévense incluso a roubar un bebé acabado de nacer, deixando en troques un dos seus propios pequenos. Os nenos suecos máis novos cren a miúdo nos troles, e unha maneira de ensinarlle ós nenos a cepillarse os dentes é dicirlles que é para desfacerse duns "dentes de trol" moi pequeniños, porque se non lles farán buracos nos dentes.

Nos contos das illas Shetland e Órcadas, os troles denomínanse Trowe, que é unha variante escocesa do trol nórdico.

Os troles na ficción moderna

[editar | editar a fonte]

Na literatura

[editar | editar a fonte]

Na literatura infantil sueca, os troles non son malos por natureza, senón primitivos e incomprendidos. As súas falcatruadas débense a unha combinación dos trazos da personalidade humana máis básicos e comúns, como a envexa, o orgullo, a avaricia, a inxenuidade, a ignorancia e maila estupidez. Nalgúns contos de principios do século XX, concretamente de Elsa Beskow, os troles son tamén descritos como unha raza indíxena de cazadores e recolectores que foxen da invasión da civilización humana, polo que cando o home constrúe unha estrada, os troles desaparecen da zona.

A autora finlandesa de lingua sueca Tove Jansson, acadou fama e recoñecemento internacional grazas á familia de troles Mumin.

No mundo de J. R. R. Tolkien, os troles son uns humanoides creados na Primeira Idade do mundo por Melkor, moi altos (miden en torno ós 10 pés/3 metros de altura) pero de pobre intelixencia, que cando se ven expostos á luz solar, vólvense de pedra. No O Señor dos Aneis, unha nova raza de troles aparece, os chamados Uruk-hai que, a diferenza dos troles correntes, son capaces de viviren á luz do sol.

Na serie de libros sobre o Mundodisco de Terry Pratchett, os troles son grandes criaturas silíceas, é dicir, de composición rochosa. Segundo van crecendo e facéndose maiores, pasan de simples croios a enormes montañas. Teñen unha tendencia "cultural" cara á violencia, e a súa intelixencia é inversamente proporcional á temperatura ambiente, tornándoos notablemente necios en climas temperados ou cálidos. O bar O Tambor Roto ten troles como gardas de seguridade, que a miúdo se comen ós malos clientes.

No mundo de Harry Potter, os troles son xigantescos monstros que matan a quen queira que atopan. En Harry Potter e a pedra filosofal, Harry e Ron Weasley salvan a Hermione Granger dun trol da montaña adulto. Na película (igual que na película O Señor dos Aneis), o trol foi animado por ordenador. Hai outras poucas mencións posteriores dos troles: por exemplo, rumoreouse que a Firebolt (vasoira voadora último modelo) de Harry , que Dolores Umbridge "confiscou" foi custodiada por troles. Uns "Troles de Seguridade" son tamén mencionados en varias ocasións, xa que aparentemente poden ser contratados como gardiáns.

Nas novelas do paleontólogo e escritor finlandés (que, curiosamente, tamén escribe en sueco) Björn Kurtén, como por exemplo, A Danza do Tigre, os neandertais son chamados "troles" polo home moderno.

[editar | editar a fonte]

Os troles teñen unha gran presenza en tódalas obras de corte fantástico, e polo tanto, teñen cabida como personaxes destacados en xogos de rol ou mesmo videoxogos.

  • No xogo de rol Dungeons & Dragons (ou Dragóns e Alxubes), os troles son monstros altos e fracos, de anchos e puntiagudos narices e pel verde. En D&D, os troles rexenéranse continuamente, reparando todo dano, salvo se este é causado polo lume ou por ácido. Hai que puntualizar que esta versión de trol foi orixinada pola novela fantástica de Poul Anderson, Tres Corazóns e Tres Leóns.
  • No xogo de rol Earthdawn, os troles son unha raza alta, musculosa e honorable da que os xogadores poden formar parte. Os troles de Earthdawn, de cornos retortos como as cabras, son moi peludos e teñen uns enormes caninos inferiores.
  • Os troles do xogo fantástico Warhammer son similares ós de Dungeons & Dragons. Pero, ademais, teñen un ácido estomacal altamente corrosivo que pode disolvelo todo, dende carne e ósos a rocas e metais. Hai moitos e diferentes tipos de trol, como os viscosos "troles de río" e os resistentes á maxia "troles de pedra". Os troles son máis ben estúpidos, e son aliados dos orcos, como de costume.
  • Nos videoxogos de tema fantástico, os troles aparecen baixo moitas formas e temperamentos. Cabe destacar que a maioría dos xogos de ordenador adoptou o tipo de trol de Dungeons & Dragons, con rexeneracións dalgún tipo.
  • No videoxogo de tipo rol de maior éxito, EverQuest, os troles son unha das opcións dos xogadores á hora de escoller personaxe.
  • En Dark Age of Camelot, os troles son tamén unha raza de xogador, pero de aspecto máis de golem de rocha, aínda que aparecen entre as filas do bando do "Midgard" nórdico.
  • Na serie de xogos para PC Warcraft, de Blizzard Entertainment, os troles son unha raza de áxiles, sensibles e con saberes chamánicos. Son salvaxes, lanzan hachas ou lanzas e practican o vudú. Os troles do Warcraft se adaptan rapidamente ó seu contorno, indo dende os verdes Troles do Bosque e os branco-azulados Troles do Xeo, ós Troles da Xungla/Sombra de pel gris. Os Troles do Bosque aliáronse unha vez coa Horda dos Orcos para loitar contra os Altos Elfos, pero os abandonaron logo da súa derrota na segunda guerra. O Señor da Guerra Orco Thrall aliouse ós Troles da Sombra cando a Horda foi desfeita na súa illa mentres escapaban da prisión dos humanos. Dato curioso: Os troles do Bosque e do Xeo falan cun acento español, mentres que os Troles da Sombra falan con acento xamaicano.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]