Saltar ao contido

Tromboplastina

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A tromboplastina é unha proteína que se forma no plasma pola combinación do factor tisular con fosfolípidos procedentes das membranas de plaquetas desintegradas e que participa na coagulación do sangue ao intervir na conversión de protrombina en trombina. Ademais de nas plaquetas encóntrase no cerebro, pulmóns e outros tecidos.

Aínda que algunhas veces é utilizada como sinónimo de factor tisular, isto en realidade non é moi exacto, xa que ademais de factor tisular contén fosfolípido. O nome oficial do factor tisular é "factor de coagulación III [tromboplastina, factor tisular]". Historicamente, utilizouse a tromboplastina como reactivo de laboratorio, frecuentemente extraída da placenta e utilizada para os ensayos de medición do tempo de protrombina (TP).[1] A tromboplastina pode, por si soa, activar a vía extrínseca da coagulación do sangue. Tamén recibiu o nome de tromboquinase, termo que foi introducido por P. Morawitz en 1904, como proteína que activaba a protrombina. En 1908 P. Nolf introduciu o termo "substancias tromboplásticas", que funcionabn só como coadxuvantes na coagulación. Posteriormente ambas as substancias foron tratadas como se fosen idénticas, ata que se viu que a tromboquinase e a tromboplastina lipoide eran substancias distintas que actuaban xuntas na conversión da protrombina.[2][3][4]

Tamén se pode manipular no laboratorio para obter un derivado chamado tromboplastina parcial, a cal se usa para medir a coagulación na vía intrínseca, por medio dunha proba chamada tempo de tromboplastina parcial activado.

Pero pasou moito tempo ata que en época relativamente recente se identificaron correctamente os compoñentes que forman a tromboplastina e a tromboplastina parcial. A tromboplastina é unha combinación de fosfolipidos e factor tisular, ambos os compoñentes necesarios para a activación da vía extrínseca de coagulación. A tromboplastina parcial, pola súa parte, é só a fracción fosfolipídica da tromboplastina, sen factor tisular.

Actualmente é posible adquirir factor tisular recombinante en estado puro, que se utiliza nalgunhas probas. Os derivados de placenta tradicionais, aínda están dispoñibles e tamén son utilizados nalgúns laboratorios. Os fosfolípidos poden adquirirse por separadao, como un reactivo independente, ou ben adquirirse en forma de tromboplastina, é dicir, combinados con factor tisular.

O reactivo de tromboplastina completo está composto por factor tisular, fosfolípidos (que cumpren a función das plaquetas no ensaio in vitro, no cal non se utilizan ditas células), e cloruro de calcio para reintroducir os ións calcio necesarios para a coagulación que foron acomplexados polo citrato de sodio utilizado como anticoagulante durante a recollida da mostra.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. van den Besselaar AM, Chantarangkul V, Tripodi A (July 2010). "Thromboplastin standards". Biologicals 38 (4): 430–6. PMID 20338779. doi:10.1016/j.biologicals.2010.02.012. 
  2. Milstone, J. H. (1952-9). "Protein thrombokinase and lipoid thromboplastin as distinct factors with complementary functions". The Yale Journal of Biology and Medicine 25 (1): 19–33. ISSN 0044-0086. PMC 2599260. PMID 13006400. 
  3. Giangrande PL (2003). "Six characters in search of an author: the history of the nomenclature of coagulation factors". Br. J. Haematol. 121 (5): 703–12. doi:10.1046/j.1365-2141.2003.04333.x. PMID 12780784.
  4. Bächli E. History of tissue factor. Br J Haematol. 2000 Aug;110(2):248-55. PMID 10971380

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]