Saltar ao contido

Ulrike Meinhof

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaUlrike Meinhof

Editar o valor en Wikidata
Nome orixinal(de) Ulrike Marie Meinhof Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento7 de outubro de 1934 Editar o valor en Wikidata
Oldenburg (Reich alemán) Editar o valor en Wikidata
Morte9 de maio de 1976 Editar o valor en Wikidata (41 anos)
Stuttgart (Alemaña do Oeste) Editar o valor en Wikidata
Causa da mortesuicidio, enforcamento Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaFriedhof III der Dreifaltigkeitsgemeinde (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
EducaciónUniversidade de Münster
Cäcilienschule Oldenburg (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Actividade
Lugar de traballo Hamburgo Editar o valor en Wikidata
Ocupaciónxornalista, escritora, socióloga Editar o valor en Wikidata
Partido políticoPartido Comunista de Alemaña Editar o valor en Wikidata
Membro de
Outro
CónxuxeKlaus Rainer Röhl (1961–1968) Editar o valor en Wikidata
FillosBettina Röhl, Regine Röhl Editar o valor en Wikidata
PaisWerner Meinhof Editar o valor en Wikidata  e Ingeborg Meinhof Editar o valor en Wikidata
Condenada porasasinato
fogo posto (pt) Traducir
atentado con bomba
tentativa de asasinato
roubo de banco (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteLexikon deutschsprachiger Epik und Dramatik von Autorinnen 1730–1900 (en) Traducir, (sec:Ulrike Meinhof)
Hamburgische Biografie
UbuWeb Editar o valor en Wikidata
IMDB: nm0576921 BNE: XX821096 Musicbrainz: 613e0e47-c253-48c8-94d9-88b10b191e40 Songkick: 4417588 Discogs: 2170253 Find a Grave: 30878823 Editar o valor en Wikidata

Ulrike Marie Meinhof, nada en Oldenburg o 7 de outubro de 1934 e finada en Stuttgart o 9 de maio de 1976, foi unha militante de extrema esquerda alemá. Cofundou a Fracción do Exército Vermello (Rote Armee Fraktion, ou RAF) en 1970, despois de traballar como xornalista na revista mensual de esquerdas konkret. Meinhof foi arrestada en 1972, acusada de varios asasinatos e da formación dunha asociación criminal. En 1976, antes de que concluíse o xuízo, Meinhof foi atopada aforcada na súa cela da prisión de Stuttgart. A declaración oficial afirmaba que Meinhof se suicidara; con todo, varios feitos levaron a controversia pública sobre a súa morte.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Familia e infancia

[editar | editar a fonte]

Ulrike Meinhof naceu en 1934 en Oldenburg, Alemaña. En 1936, a súa familia mudouse a Jena cando o seu pai, o doutor Werner Meinhof, historiador da arte, se converteu en director do museo da cidade. O seu pai morreu de cancro en 1940, forzando a súa nai a facerse cargo dunha inquilina, Renate Riemeck. En 1946, a familia volveu a Oldenburg cando Jena pasou á zona de ocupación soviética (como resultado dos acordos de Ialta). A nai de Ulrike, a doutora Ingeborg Meinhof, traballou como profesora despois da segunda guerra mundial[1] e morreu oito anos despois por cancro. Renate Riemeck converteuse na titora de Ulrike.[2]

Ensino superior e activismo político

[editar | editar a fonte]

Meinhof estudou filosofía, pedagoxía, socioloxía e alemán na Universidade de Marburgo en 1955-56.[3] En 1957 continuou os seus estudos na Universidade de Münster, onde coñeceu o marxista español Manuel Sacristán[4] (que despois da súa morte traduciu e editou unha antoloxía dos seus escritos) e ingresou na Federación Socialista Alemá de Estudantes (Sozialistischer Deutschen Studentenbund ou SDS), participando en protestas contra o rearme da Bundeswehr e as armas nucleares propostas polo goberno conservador de Konrad Adenauer. Desde moi nova xa estivo involucrada nos movementos antinucleares e pacifistas.

En 1958, xunto con outro estudante de Münster, publicou un folleto periódico centrado na loita contra as armas atómicas, chamado Das Argument. Tamén participou no congreso estudantil alemán celebrado na Universidade Libre de Berlín (Freie Universität Berlin). En 1957 ingresou no ilegal Partido Comunista de Alemaña (Kommunistische Partei Deustchlands, KPD),[5] aínda que abandonou a súa condición de membro cando se fundou co nome de Partido Comunista Alemán (Deustche Kommunistische Partei, DKP) en 1968. Foi neste momento en que se converteu en participante activa no movemento estudantil SDS.

O seu compromiso co movemento antinuclear e coa oposición extraparlamentaria (Außerparlamentarische Opposition, APO) no seu país materializouse en varios artigos de opinión apoiándoo dende a súa posición como redactora da revista política konkret ("Cemento"). Casou con Klaus Rainer Röhl, tamén escritor e editor da revista en 1961 e tivo dúas fillas xemelgas, Bettina e Regine, o 21 de setembro de 1962.[2] Non obstante, en 1967 separouse do seu marido e finalmente divorciaranse un ano despois.

Membro da Fracción do Exército Vermello

[editar | editar a fonte]
Emblema da Fracción do Exército Vermello

Meinhof sentiuse fondamente afectada polo intento de asasinato do líder estudantil Rudi Dutschke o 11 de abril de 1968, por parte dun militante de extrema dereita. A finais dese ano, participou en numerosas manifestacións e eventos contra a guerra de Vietnam, durante os cales coñeceu a Andreas Baader e Gudrun Ensslin.

O ano seguinte deixou de escribir para konkret, ao considerar que se convertera nunha mera revista comercial. A partir dese momento, converteuse en militante de varios dos grupos de esquerda máis radicais de Berlín Occidental. Daquela Meinhof achegouse a Gudrun Ennslin, moza do entón preso Andreas Baader; Meinhof decidiu participar nun plan para liberar a Baader da súa detención, conseguindo que as autoridades permitisen a Baader saír do cárcere para unha entrevista no Centro de Estudos Sociais de Berlín Occidental. Baader foi finalmente liberado por un comando armado, despois do cal Meinhof decidiu unirse ao grupo armado. Poucos días despois, apareceu nas rúas de Berlín un cartel que ofrecía 10 000 marcos pola captura de Meinhof.

Tralo establecemento da Fracción do Exército Vermello (Rote Armee Fraktion), Meinhof participou en roubos bancarios e ataques con bombas a fábricas e bases militares estadounidenses. A prensa alemá axiña bautizou o grupo como "o grupo Baader-Meinhof". Escribiu moitos dos ensaios e manifestos que produciu a banda, enunciando o concepto de guerrilla urbana, usados ​​para combater o que ela chamaba a explotación do home común e o imperialismo do sistema capitalista. Algúns cuestionaron firmemente o papel desempeñado por Meinhof no liderado da RAF, considerándoo esaxerado pola prensa, e aluden a que o papel tradicionalmente atribuído a Meinhof o desempeñou realmente Gudrun Ennslin.

Durante este tempo, utilizou os pseudónimos "Anna" e "Ranna" nos seus escritos.

Detención e procesos xudiciais

[editar | editar a fonte]

Como consecuencia da presión policial, Meinhof foi arrestada en 1972 en Langenhagen. Mentres agardaba o xuízo, declarou no xuízo de Horst Mahler en decembro dese mesmo ano.[6] Xunto a ela foron arrestados outros líderes da RAF como Baader, Ensslin e Jan-Carl Raspe. As condicións de prisión ás que estaba exposta Ulrike Meinhof foron moi duras: en Colonia-Ossendorf estivo en illamento total ata tres veces. A primeira delas, inmediatamente despois da súa detención, permaneceu nesta situación durante 237 días.[7]

Despois de dous anos de audiencias preliminares, Meinhof foi condenada a oito anos de prisión o 29 de novembro de 1974. Posteriormente, Meinhof, Baader, Ensslin e Raspe foron acusados ​​conxuntamente o 19 de agosto de 1975 de catro delitos de asasinato, cincuenta e catro intentos de asasinato e un por formar unha asociación criminal. Non obstante, antes de que concluíse o xuízo, o 9 de maio de 1976, Meinhof foi atopada colgada dunha corda feita cunha toalla, na súa prisión de Stammheim.

Morte e debate posterior

[editar | editar a fonte]
Tumba de Meinhof en Berlin-Mariendorf

A última aparición pública de Meinhof foi o 4 de maio de 1976 durante unha comparecencia xudicial a petición dos defensores, que lle pediron que proporcionase probas da participación de Alemaña Occidental na guerra de Vietnam; Meinhof declarou que en parte este fora un dos motivos da súa radicalización e pediu que se lles garantise o status de prisioneiros de guerra. Segundo Jutta Ditfurth, os últimos días antes da morte de Meinhof foron sen incidentes e os prisioneiros da RAF (incluída a propia Ulrike) pasaron as súas reunións de media hora (varias ao día) discutindo diversos textos filosóficos e políticos. Un dos gardas de Stammheim ata notou que rían.[8]

O 9 de maio ás 09:20, o Ministerio de Xustiza de Baden-Württemberg informou de que Meinhof se suicidara, aínda que o primeiro exame post-mortem do cadáver foi realizado polo profesor Joachim Rauschke despois das 09:25. Ás 09:34 a axencia de noticias alemá DPA anunciou o "suicidio por aforcamento".[9] Dúas horas despois, a autopsia oficial foi realizada polo profesor Rauschke xunto con Hans Joachim Mallach no hospital xeral de Stuttgart, dende as 11:00 ata as 12:45. O resultado foi "morte por aforcamento, fóra de toda dúbida". Segundo Ditfurth, as precipitadas notas de prensa posteriores á morte de Meinhof foron similares ás publicadas en abril de 1972, cando se informou erroneamente de que Meinhof se suicidara.[10] Nos días seguintes, os xornais publicaron en detalle o suposto contido dos seus pensamentos como: "comprendeu o seu erro",[11] "deuse conta da inutilidade"[12] ou "resignouse a morrer".[13]

Os seguidores de Meinhof expresaron a súa preocupación polas identidades das persoas elixidas polas autoridades para realizar a autopsia. En particular, Mallach fora membro da Waffen-SS (membro NSDAP n° 9154986). En 1977 fabricou (sen permiso) máscaras de morte para Andreas Baader, Gudrun Ensslin e Jan-Carl Raspe.[14] Foi o profesor Rauschke quen realizara a autopsia de Siegfried Hausner un ano antes e xa fora acusado de ignorar as feridas que presentaba Hausner na cabeza para falsear a verdadeira causa da morte.[15]

Dous días despois, o 11 de maio, o Dr. Werner Janssen e o Dr. Jürgen Schröder realizaron unha segunda autopsia a petición de Wienke Zitzlaff, a irmá de Meinhof. Para entón xa se retiraran numerosos órganos vitais e partes do tecido. Todas as uñas foran cortadas, polo que os médicos non puideron determinar se quedaban restos de loita ou resistencia a un ataque. Non se puideron realizar algunhas probas xa que pasaran as horas clave. Janssen concluíu que a causa máis probable de morte fora o suicidio, aínda que para chegar a unha conclusión definitiva insistiu en ter acceso ao primeiro informe de autopsia, o que nunca se lle permitiu.[16]

En 1978, a petición do avogado de Meinhof e do Comité Internacional de Presos Políticos, creouse unha comisión internacional de investigación para examinar as circunstancias que rodearon a morte de Meinhof. Esta comisión intentou acceder ao informe da primeira autopsia, aínda que as autoridades alemás volveron negarse. En 1978 a comisión emitiu o seu informe, en que afirmaba que "a afirmación inicial de que Meinhof se suicidou non tiña ningunha base, xa que os resultados da investigación converxen na conclusión de que non se podería aforcar a si mesma. O máis probable é que xa o estivese morta cando foi aforcada e hai sinais alarmantes que indican a participación externa na súa morte".[17]

Meinhof foi enterrada seis días despois da súa morte, en Berlín-Mariendorf.

Trala súa morte

[editar | editar a fonte]

A finais de 2002, como resultado das investigacións realizadas pola súa filla Bettina, descubriuse que o seu cerebro fora extraído do seu cranio sen o consentimento da familia por un hospital de Magdeburgo, trala autopsia realizada no marco da investigación sobre a morte de Meinhof. Bernhard Bogerts, psiquiatra da Universidade de Magdeburgo, provocou a polémica ao afirmar, pseudocientificamente, que a operación de Meinhof de 1962 para tratar un tumor "contribuíu a convertela en terrorista".[18] A petición de Bettina, o cerebro foi enterrado cos demais restos o 22 de decembro de 2002.

O seu nome mencionouse expresamente como digno de agradecemento e respecto na declaración final de disolución da Fracción do Exército Vermello en marzo de 1998 e recibida por varias axencias de prensa o 20 de abril de 1998.[19]

[editar | editar a fonte]
  • Ulrike Marie Meinhof (TV); documental realizado en 1994 por Timon Koulmasis para a canle Arte.[20]
  • Yo, Ulrike, grito, (2015) curtametraxe de 29 minutos dirixida por Karlos Aurrekoetxea e Polo Menárguez sobre o encarceramento de Ulrike Meinhof baseado no monólogo teatral con textos de Franca Rame e Dario Fo.[21]
  • Io, Ulrike, Crido... (1977) monólogo narrado en primeira persoa, escrito por Franca Rame e Dario Fo en 1977, sobre a súa estancia no cárcere antes da súa morte.[22]
  1. Wunderlich, Dieter. "Ulrike Meinhof (1934-1976)" (en alemán). Arquivado dende o orixinal o 11 de setembro de 2007. Consultado o 1 de agosto de 2011. 
  2. 2,0 2,1 Wunderlich, Dieter (2001). "Ulrike Meinhof 1934 - 1976 / Biografie" (en alemán). Consultado o 2 de agosto de 2011. 
  3. J. Hans D. Jensen, Gesine Schwan, Pierre Colas, Andy Bechtolsheim. Studienstiftung Alumni: Ulrike Meinhof, Gudrun Ensslin, Wolfgang Ketterle
  4. Serra, Xavier. Social History of Catalan Philosophy: logic, 1900–1980. p. 184
  5. Moncourt, André. The Red Army Faction, A Documentary History. p. 1958
  6. Becker, Jillian (1981). "The Red Army Fraction: Another final battle on stage of History" (PDF). Terrorism: An International Journal (en inglés) 5 (1/2). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 25 de marzo de 2009. Consultado o 6 de agosto de 2011. 
  7. Chotjewitz, Peter O. (07/05/06). "Recuerdo de Ulrike Meinhof, 30 años después" (en castelán). Consultado o 7 de agosto de 2011. 
  8. Ditfurth 2007, pp. 586, 589.
  9. Ditfurth 2007, pp. 594-595.
  10. Ditfurth 2007, p. 596.
  11. Frankfurter Rundschau, 15 de maio de 1976
  12. Die Zeit, 14 de maio de 1976
  13. Der Spiegel, 17 de maio de 1976
  14. Jürgen Dahlkamp: "Trophäen für den Panzerschrank" Arquivado 28 de abril de 2012 en Wayback Machine., Der Spiegel Nr. 42, 2002, 14 de outubro de 2002]
  15. Smith J, Moncourt A. The Red Army Faction: A documentary history, vol. 1, p. 386
  16. Ditfurth 2007, pp. 602-603.
  17. Alois Prinz (2007). Lieber wütend als traurig – Die Lebensgeschichte der Ulrike Marie Meinhof, Beltz & Gelberg, ISBN 978-3-407-74012-0, páx. 288
  18. "Meinhof brain study yields clues" (en inglés). 12 de novembro de 2002. Consultado o 6 de agosto de 2011. 
  19. "RAF-Auflösungserklärung". Rafinfo.de: die Webressource zur Roten Armee Fraktion (en alemán). Consultado o 10 de xaneiro de 2012. 
  20. "Historia de Ulrike Meinhof (TV)". filmaffinity.com. Consultado o 21 de febreiro de 2021. 
  21. "Yo, Ulrike, grito". filmaffinity.com. Consultado o 21 de febreiro de 2021. 
  22. Rame, Franca (1977). "Tutta casa, letto e chiesa -1977. Monologhi satirici sulla condizione della donna, con Franca Rame (Io, Ulrike, Crido...)". archivio.francarame.it (en italiano). Arquivado dende o orixinal o 22 de febreiro de 2021. Consultado o 21 de febreiro de 2021. 
  23. "FERMIN MUGURUZA ETA THE SUICIDE OF WESTERN CULTURE". elsegell.com (en castelán). 2017. Archived from the original on 29 de xaneiro de 2018. Consultado o 21 de febreiro de 2021. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]