Urraca de Zamora
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1033 (Gregoriano) León, España |
Morte | 1101 (Gregoriano) (67/68 anos) León, España |
Lugar de sepultura | Panteón de Reis de Santo Isidoro de León |
Lord | |
Actividade | |
Ocupación | aristócrata |
Outro | |
Título | Infante of León (en) Princesa |
Familia | Dinastía Ximena |
Pais | Fernando I de León e Sancha I de Galicia |
Irmáns | Elvira de Toro Sancho III García II de Galicia Afonso VI de León |
Urraca Fernández ou Orraca Fernández,[1] coñecida como Urraca de Zamora, nada en León en 1033 e finada na mesma cidade en 1101, foi unha infanta de León.
Filla primoxénita dos reis de Galicia, Fernando I de León e a súa esposa, a raíña Sancha, herdou a praza de Zamora tras o repartimento realizado por seu pai antes de falecer.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]A herdanza de Fernando I o Magno
[editar | editar a fonte]O rei Fernando repartiu os seus reinos antes de morrer entre os seus cinco fillos: a Alfonso outorgoulle o reino principal, León; a Sancho concedeulle Castela; o pequeno, García, foi nomeado rei de Galicia; Elvira herdou o señorío da cidade de Toro, con consideración de reino, e Urraca herdou Zamora. Ademais, coa súa irmá Elvira, correspondeulle o infantado, isto é, «o padroado e mailas rendas de tódolos mosteiros pertencentes ó patrimonio rexio»[2] coa condición de non poder contraer matrimonio.[3]
Cando Urraca comezou a súa soberanía en Zamora, estabeleceu a súa residencia e fortaleza nos coñecidos como "xardíns do castelo" da cidade, nas proximidades da catedral. Este era un castelo con catro torres, das cales se conserva a da homenaxe, recentemente restaurada para albergar o Museo Baltasar Lobo.
Foi madriña de armas de Rodrigo Díaz de Vivar, o Cid Campeador, quen foi investido cabaleiro ao redor de 1060 na igrexa de Santiago de los Caballeros de Zamora. Ademais, era a irmá favorita de Afonso, ao que axudou e aconsellou para recuperar o seu reino primeiro e para gobernar despois.
Invasión castelá
[editar | editar a fonte]Ao morrer Fernando I de León, o seu fillo primoxénito, Sancho, quedou descontento co repartimento feito polo seu pai e foi declarando a guerra a todos os seus irmáns, iniciando unha loita sanguenta. O primeiro conflito deuse na chamada Guerra dos Tres Sanchos (guerra entre Sancho II de Castela, apoiado por Rodrígo Díaz de Vivar, contra Sancho Ramírez de Aragón e Sancho Garcés IV de Pamplona). Máis tarde combateu contra o seu irmán Afonso VI nunha guerra sen consecuencias territoriais e, posteriormente, aliouse con Afonso e avanzou cara Galicia para conquistar o reino de García, no ano 1071. Menos dun ano despois arrebatoulle a Afonso o seu reino coroándose rei de León e de Galicia, arrebatándolle tamén a continuación á súa irmá Elvira a cidade de Toro. Só a infanta Urraca resistía tras os muros de Zamora, converténdose na principal opoñente de Sancho II, pois o rei Afonso refuxiárase no taifa de Toledo, que posteriormente conquistaría. Sancho II puxo sitio á cidade de Zamora, durando o asedio máis de sete meses, pero as súas murallas impediron pasar ao monarca.
Asasinato de Sancho II
[editar | editar a fonte]Mentres continuaba o asedio de Zamora, un nobre leonés, Vellido Dolfos, saíra da cidade coa intención de asasinar ao rei Sancho II. Segundo a tradición, tras dous meses infiltrado no campamento castelán e despois de trabar amizade co monarca, acompañouno a unha cabalgada de exploración na que quedou só co rei Sancho, que baixara do cabalo para satisfacer unha necesidade urxente. Aproveitado a situación, e para evitar que se defendera a súa vítima, Dolfos atravesou a Sancho coa lanza real. Unha vez cumprido o seu obxectivo cabalgou cara ás murallas de Zamora, introducíndose na cidade a través dunha portela que o romanticismo castelán nomeou "Portillo de la Traición", pero que hoxe en día se denomina "de la Lealtad" (tras aprobar o cambio de nome o pleno municipal de Zamora en 2009).
Conselleira de Afonso VI
[editar | editar a fonte]Tras a morte do seu irmán Sancho, Urraca continuou exercendo o seu señorío sobre a cidade de Zamora, así como sobre todos os mosteiros do reino, honor que compartía coa súa irmá, a infanta Elvira de Toro. Foi unha das conselleiras máis importantes de Afonso VI, ao que sempre protexeu e co que chegou a actuar na práctica como chancelleira do reino. A súa intelixencia política fíxo que gañara moitos inemigos, que utilizaron os dixomedíxomes para desprestixiala, acusándoa incluso nos romances populares de manter relacións incestuosas co seu irmán.
En 1090 asistiu ós funerais en honor do seu irmán García canda a súa irmá Elvira.[4]
Dous anos antes da súa morte, dotou o mosteiro de San Pedro de Eslonza, que fora fundado polo rei García I de León.[5]
Cáliz de dona Urraca
[editar | editar a fonte]O Cáliz de dona Urraca é unha excepcional peza de ourivaría románica doada por Urraca á Basílica de Santo Isidoro de León na segunda metade do século XI. Para a súa realización empregáronse dúas cuncas de ágata (ónix) moito máis antigas, datadas no século I, de tipoloxía romana, e as propias xoias da infanta. Descoñécese a orixe ou a historia das dúas cuncas. O cáliz foi gravado coa seguinte inscrición latina:[6]
In Nomine D[omini] Vrracca Fredina[n]di
Isto é:
En nome do Señor, Urraca de Fernando
Defunción e sepultura
[editar | editar a fonte]Ao final da súa vida retirouse a un mosteiro leonés onde permaneceu até a súa morte en 1101,[5] recibindo sepultura no Panteón dos Reis de Santo Isidoro de León, onde xacen os seus proxenitores, así como dous dos seus irmáns, o rei García de Galicia e a infanta Elvira de Toro.
No sepulcro de pedra no que foron depositados os restos mortais da infanta foi esculpido o seguinte epitafio latino:
H. R. DOMNA URRACA REGINA DE ZAMORA, FILIA REGIS MAGNI FERDINANDI. HAEC AMPLIFICAVIT ECCLESIAM ISTAM, ET MULTIS MUNERIBUS DITAVIT. ET QUIA BEATUM ISIDORUM SUPER OMNIA DILIGEBAT. EJUS SERVITIO SUBJUGAVIT. OBIIT ERA MCXXXVIIII... NOBILIS URRACA JACET HOC TUMULO TUMULATA HESPERIAEQUE DECUS HEU TENET HIC LOCULUS HAEC FUIT OPTANDI PROLES REGIS FREDENANDI. AST REGINA FUIT SANCTIA QUAE GENUIT CENTIES UNDECIES SOL VOLVERAT ET SEMEL ANNUM CARNE QUOD OBTECTUS SPONTE.[7]
O epitafio parece ser que foi unha ampliatio, isto é, unha inscrición que foi sendo realizada en diferentes épocas.[8] O sartego foi destruído na Francesada, en 1809, cando as tropas francesas ocuparon a Basílica de Santo Isidoro de León, convertendo esta en cuartel e o panteón en corte. Para isto último, os sartegos foron profanados e tornados bebedoiros para cabalos, amoreando os restos nun curruncho. Estes foron recolleitos polos cóengos e levados á igrexa de Santa Marina la Real de León, onde ficaron até seren, unha vez rematada a guerra, devoltos ó panteón e introducidos nos sarcófagos sen orde ningunha.[9] Por mor disto, resulta imposíbel o recoñecemento dos seus restos, igual que acontece cos demais personaxes alí enterrados.[10] En 1997 abríronse os sarcófagos de novo para un ambicioso estudo multidisciplinar[11] co obxectivo principal de identificar os restos dos personaxes rexios alí enterrados.[12] No entanto, despois de 10 anos de pescudas, o proxecto fracasou sen chegar a conclusión ningunha.[12]
Na literatura e no cine
[editar | editar a fonte]A peza teatral Palabras de víspera de Álvaro Cunqueiro, escrita en 1968 e publicada en 1974, trata de Urraca e o namoro do seu irmán Afonso.[13][14]
O filme de Hollywood El Cid, de 1961, segue en gran parte a narrativa das epopeas e da Chronicle of the Cid de Robert Southey, mais engadindo á personaxe da infanta o papel dunha muller rexeitada que maquina contra o Cid, unha vez que semella ser recusada por el; porén, omite a historia de que Urraca e Rodrigo medraron como compañeiros achegados en Zamora. A película fai que, como irmá máis vella e provocadora, xogue coas pelexas dos seus irmáns Afonso e Sancho pola súa cidade e por ela mesma, á parte de insinuar sutilmente os rumores incestuosos que existían sobre ela e Afonso. O filme torna á infanta na gobernante de Calahorra, no canto de Zamora. Urraca é representada pola actriz francesa Geneviève Page.
Xenealoxía
[editar | editar a fonte]16. Sancho II de Navarra | ||||||||||||||||
8. García II de Navarra | ||||||||||||||||
17. Urraca Fernández de Castela | ||||||||||||||||
4. Sancho III de Pamplona | ||||||||||||||||
18. Fernando Bermúdez de Cea | ||||||||||||||||
9. Ximena Fernández | ||||||||||||||||
19. Elvira Díaz de Saldaña | ||||||||||||||||
2. Fernando I de León | ||||||||||||||||
20. García Fernández, Conde de Castela (=26) | ||||||||||||||||
10. Sancho García, Conde de Castela | ||||||||||||||||
21. Ava de Ribagorza (=27) | ||||||||||||||||
5. Muniadona de Castela | ||||||||||||||||
22. Gómez Díaz, Conde de Saldaña | ||||||||||||||||
11. Urraca Gómez | ||||||||||||||||
23. Muniadona Fernández de Castela | ||||||||||||||||
1. Urraca de Zamora | ||||||||||||||||
24. Ordoño III de León | ||||||||||||||||
12. Vermudo II de León | ||||||||||||||||
6. Afonso V de León | ||||||||||||||||
26. García Fernández, Conde de Castela (=20) | ||||||||||||||||
13. Elvira García | ||||||||||||||||
27. Ava de Ribagorza (=21) | ||||||||||||||||
3. Sancha de León | ||||||||||||||||
28. Gonzalo Menéndez, Conde de Portugal | ||||||||||||||||
14. Menendo González, Conde de Portugal | ||||||||||||||||
29. Ilduara (Ildonza) Peláez | ||||||||||||||||
7. Elvira Méndez | ||||||||||||||||
15. Tutadona | ||||||||||||||||
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Orraca na Guía de nomes da RAG". academia.gal. Consultado o 8 de xullo de 2022.
- ↑ Martínez Díez, Gonzalo (2003). Alfonso VI: señor del Cid, conquistador de Toledo. (Historia). Madrid: Temas de Hoy. p. 33. ISBN 978-84-8460-251-4.
- ↑ Sánchez Candeira 1999, p. 231.
- ↑ Flórez, Henrique (1761). Marin, Antonio, ed. Memorias de las reynas catholicas (en castelán) I. Madrid. p. 157.
- ↑ 5,0 5,1 (Arco y Garay 1954, p. 187)
- ↑ "Sala del Cáliz". Museo de San Isidoro (en castelán). Consultado o 4-10-2018.
- ↑ (Arco y Garay 1954, pp. 187-188)
- ↑ Martín López 2004, pp. 956-957.
- ↑ Prada Marcos 1998, p. 8.
- ↑ Elorza 1990, pp. 53-54.
- ↑ Prada Marcos 1998, pp. 8-9.
- ↑ 12,0 12,1 Viñas, Verónica (23-4-2006). "Fracasa la investigación para poner nombre a los «93 reyes» de San Isidoro". Diario de León (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 24-08-2018. Consultado o 01-10-2018.
- ↑ Álvaro Cunqueiro. Aniversario do seu nacemento (1911-2011). 2011. p. 4.
- ↑ Abuín González, Anxo; F. Vieites, Manuel (2007). Cento vinte e cinco anos de teatro en galego. Galaxia. pp. 116 e 120.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Urraca de Zamora |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Arco y Garay, Ricardo del (1954): Sepulcros de la Casa Real de Castilla. Madrid: Instituto "Jerónimo Zurita". Consejo Superior de Investigaciones Científicas.
- Blanco Lozano, Pilar (1987): Colección diplomática de Fernando I (1037–1065). León: Centro de Estudios e Investigación «San Isidoro» (CSIC-CECEL) e Archivo Histórico Diocesano. ISBN 84-00-06653-7.
- Elorza, Juan C.; Vaquero, Lourdes; Castillo, Belén; Negro, Marta (1990). Junta de Castilla y León. Consejería de Cultura y Bienestar Social, ed. El Panteón Real de las Huelgas de Burgos. Los enterramientos de los reyes de León y de Castilla (2.ª ed.). Editorial Evergráficas S.A. ISBN 84-241-9999-5.
- Martín López, M.ª E. (2004). Las inscripciones del Panteón de San Isidoro de León. Particularidades epigráficas. Escritos dedicados a José María Fernández Catón (en castelán) 2 (UniLeón). pp. 941–972. ISBN 84-87667-67-8.
- Martínez Díez, Gonzalo (2004): El Condado de Castilla (711–1065). La Historia frente a la leyenda. Valladolid: Xunta de Castela e León. ISBN 84-8718-275-8.
- Prada Marcos, María Encina (1998). "Estudio Antropológico del Panteón Real de San Isidoro" (PDF). ProMonumenta (II). OCLC 630664764. Archived from the original on 30 de xullo de 2004. Consultado o 01 de outubro de 2018.
- Sánchez Candeira, Alfonso (1999). Castilla y León en el siglo XI. Estudio del reinado de Fernando I. Madrid: Real Academia de la Historia. ISBN 84-89512-41-8.
- Viñayo González, Antonio (1999): Fernando I, el Magno (1035–1065). Burgos: La Olmeda. ISBN 84-89915-10-5
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Dona Urraca no Romancero (en castelán) Consultada o 28/01/2013.