Vélaro de ouro
O vélaro de ouro[1] é un trofeo do que se apropia o heroe Xasón no mito dos Argonautas. O vélaro é o fardo de la que sae xunta ao rapar un carneiro. O vélaro de ouro é a la de fíos de ouro do carneiro no que se encarnou a deusa Néfele.
Mito
[editar | editar a fonte]Segundo a mitoloxía grega, Atamante, rei da cidade de Orcómeno en Beocia (unha rexión do sueste de Grecia), tomou como primeira esposa á deusa nube Néfele, con quen tivo dous fillos, Hele e Frixo. Máis tarde namorouse e casou con Ino, a filla de Cadmo. Ino tiña celos dos seus fillastros e planeou matalos (nalgunhas versións, persuadiu a Atamante de que sacrificar a Frixo era a única forma de acabar cunha fame negra). Néfele ou o seu espírito apareceuse aos nenos cun carneiro alado cuxa la era de ouro. Os nenos fuxiron montando o carneiro sobre o mar, pero Hele caeu e afogou no estreito hoxe chamado no seu honor Helesponto. O carneiro levou a Frixo san e salvo ata a Cólquida, á afastada (oriental) praia do mar Negro. Frixo sacrificou entón o carneiro e colgou a súa pel dunha árbore (ás veces un carballo) nun arboredo consagrado a Ares, onde foi gardada por un dragón. Alí permaneceu ata que Xasón se fixo con ela ao cabo da célebre viaxe dos Argonautas. O carneiro converteuse na constelación Aries.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para vélaro.