Veleno tinto
Veleno tinto | |
---|---|
Título orixinal | Veleno tinto |
Autor/a | Ramón Carredano Cobas |
Cuberta | Antonio Seijas |
Orixe | España |
Lingua | galego |
Colección | Fóra de Xogo (nº 111) |
Xénero(s) | literatura xuvenil, novela |
Editorial | Edicións Xerais |
Data de pub. | abril 2008 |
Formato | 13 x 21 cm. edición rústica cosida a fío |
Páxinas | 192 |
ISBN | 978-84-9782-723-2 |
Precedido por | Frei Samuel |
[ editar datos en Wikidata ] |
Veleno tinto é un libro de Ramón Carredano Cobas publicado en 2008 por Edicións Xerais. É a continuación de Frei Samuel, publicado no ano 2002.
Contexto histórico
[editar | editar a fonte]Inverno de 1319. Berenguel de Landoria, nomeado arcebispo de Santiago de Compostela polo Papa Xoán XXII, convocou un sínodo en Noia con nobres e comerciantes. A el acoden Rui Soga de Lobeira (o nobre anfitrión), Pedro Ordóñez, señor do castelo de Vimianzo, e comerciantes de Noia e Compostela.
Parte da nobreza galega é contraria a que Santiago de Compostela siga baixo xurisdición do arcebispo, sendo partidarios de que pase a ser un reguengo baixo o mando do rei de Castela (nese momento, baixo a rexencia de María de Molina). Entre estes nobres estaba Alonso Suárez de Deza, partidario da imposición dun bispo galego manexable pola nobreza.
Trama
[editar | editar a fonte]Neste contexto histórico, aparece a figura ficticia de Frei Samuel, frade do mosteiro de Toxos Outos. É convidado polo arcebispo, dado que o axudou nunha aventura anterior. De camiño a Noia atópase con Pedro Ordóñez e a súa corte. O nobre chega de Vimianzo acompañado da súa filla Sabela, o seu futuro xenro Gonzalo (un nobre vido a menos, que busca a súa fortuna), Petra (ama de Sabela) e uns soldados. Con todos eles chega ao castelo de Noia.
Falando co nobre, frei Samuel vai coñecendo todo o conflito arredor da elección do arcebispo, e vai sabendo quen está a prol e quen está en contra do seu nomeamento.
Tras unha irada discusión, Pedro Ordóñez retírase á súa habitación para repousar, debido ao seu mal estado de saúde. Pouco despois, un criado do castelo aparece morto, presuntamente envelenado cunha xerra de viño.
Entre o anfitrión, un criado de confianza e frei Samuel comeza a investigación para desenmascarar ao culpable. Nun principio pensan que o obxectivo da xerra era o arcebispo. Así, descobren que na casa de Dacosta, outro nobre de Noia, hai reunións de partidarios de depor o arcebispo, e que alí acode un bufón de Rui Soga, con afán de medrar a outra corte máis poderosa.
Semella que o culpable é un comerciante compostelán, que non ten reparos en afirmar abertamente que lle gustaría ver morto ao arcebispo, pero pola forma do envelenamento (con graxa untada na xerra) e por outras circunstancias, frei Samuel descobre que realmente Gonzalo intentara matar a seu futuro sogro, Pedro Ordóñez.
Narración
[editar | editar a fonte]A narración, dividida en nove capítulos e un epílogo, está feita cun narrador omnisciente. Inclúe moitos elementos de humor.
Frei Samuel é un frade que traballa de copista na biblioteca e como herborista na horta, polo que ten certos coñecementos de Medicina. É áxil física e mentalmente, pensando e actuando dun modo moi vivo. O seu contrapunto é a súa pouca espiritualidade, caendo decote nos pecados da gula e a luxuria.
Inclúe moitos elementos da cultura galega medieval: fala da economía e gastronomía popular e das clases podentes, da vida dos nobres e a súa corte nun castelo, e dos enfrontamentos entre o poder eclesiástico e o poder da nobreza.