Saltar ao contido

Viaduto

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Viaduto de Milton, Escocia.

Un viaduto ou ponte é unha estrutura composta por arcos ou outros elementos que permiten que un camiño, estrada ou vía férrea salven algún tipo de dificultade orográfica ou estrutura existente. Este termo procede do latín via, camiño, e ductus, condución. Porén, na Roma Antiga este termo nunca foi utilizado, senón que se trata dunha derivación moderna considerando a analoxía co termo acueduto.

Viaduto do tren de alta velocidade en Catoira

O viaduto máis longo na Antigüidade foi probablemente o Pont Serme, no sur de Francia. Os viadutos inicialmente foron utilizados en países onde os ferrocarrís xogaron un papel importante para o transporte como parte da infraestrutura para o cruzamento de terreos irregulares. O requisito de pouca inclinación das vías de ferrocarril forzou a construción de pontes para unir dous puntos que se atopaban a niveis similares, pero separados por un val. Dadas as propiedades físicas dos materiais utilizados nun principio, estas pontes tiñan que ser construídas unindo unha serie de arcos, que se asemellaban aos acuedutos romanos, pero sobre os cales pasaba unha vía de ferrocarril. Exemplos son os viadutos Filisur, Solis, Landwasser e Lorraine, todos eles en Suíza

Co crecemento e desenvolvemento das cidades e despois coa chegada dos automóbiles, xurdiu tamén a necesidade de crear vías que permitiran o paso de vehículos terrestres, principalmente en cidades localizadas en zonas de montañosas. Así pois, construíronse viadutos en cidades como Madrid, o viaduto de Segovia e Luxemburgo (Passarelle). Nas grandes cidades os viadutos demostraron unha grande utilidade, permitindo o tráfico a maior velocidade e reducindo drasticamente tempos e custos de transporte. Na actualidade, un gran número de viadutos fóronse construíndo por todo o mundo. Moitas cidades adaptaron este tipo de estrutura ás súas realidades; por exemplo en Chile, o metro de Santiago en certos tramos utilízase deste modo (principalmente no medio de avenidas anchas ou lugares difíciles de construílo polo subsolo).