Saltar ao contido

Vilanova, Tenorio, Cerdedo-Cotobade

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Vilanova

Cruceiro das Chans.
ParroquiaTenorio
ConcelloCerdedo-Cotobade
Coordenadas42°26′37″N 8°33′39″O / 42.44361111, -8.56083333
Poboación182 hab. (2022)
editar datos en Wikidata ]

Vilanova é un lugar da parroquia de Tenorio, no concello pontevedrés de Cerdedo-Cotobade. Segundo o IGE[1], en 2022 tiña 182 habitantes (86 homes e 96 mulleres). É a entidade máis poboada da parroquia.

Patrimonio

[editar | editar a fonte]

Neste lugar está a mámoa de Chan da Costa.

O peto de ánimas das Chans foi construído en 1799, e restaurado e aumentado a finais do século XX. Ten a inscrición A DEVOCION DE BONIFACIO MARTINS AÑO DE 1799.

O cruceiro das Chans ou de San Gregorio está situado nas Fincas do Cruceiro, en mal estado de conservación. Foi mandado facer en 1779 por GREGORIO JIESTEIRA, segundo a inscrición que conserva. Reproduce no fuste ou cana unha imaxe de San Gregorio, rotulada na base. A cruz e o capitel foron postos no ano 2000, e reproducen un Cristo no anverso e a Virxe de Fátima (padroeira da aldea) no reverso; o capitel leva enxertadas tres cabezas de anxos nas caras norte, leste e oeste e unha caveira na cara sur, coincidindo cos pés de Cristo, é dicir, no anverso do cruceiro. A inscrición do cubo non dá á fronte, senón á cara leste do cruceiro, coincidindo co camiño e estrada de entrada a Vilanova pola Xesteira, polo que se pode sospeitar que Gregorio Gesteira fose natural da veciña aldea da Xesteira, situada a 2 km. Segundo a tradición oral, orixinalmente tivo unha cruz e no reverso unha imaxe de Santa Bárbara á que tirou do seu lugar un raio. Nos anos que estivo sen cruz, aproximadamente sesenta ou setenta, foi chamado tamén "cruceiro mono", nome que se lles dá cando carecen de cruz por un accidente ou outro motivo. Os cruceiros monos son propensos a facérense neles feitizos e remedios, talvez pola ausencia da cruz ou pola falla de presenza da imaxe de Xesucristo. Cóntase que o de Vilanova de Tenorio era usado por moitísima xente de fóra do lugar e tamén polos propios da aldea para remediar doenzas do gando, principalmente das vacas. Usábase para iso o sistema ou "prescrición" do riscado. O riscado consistía en colocar o animal no chan, debuxar na area do camiño que hoxe é unha estrada asfaltada, a silueta do animal ou persoa que se quere curar. Deseguido várrese toda a area e os restos que poida haber de garabullos, follas secas de árbores etc. e quéimase xunto con ramas de oliveira ou de loureiro bendicido o Domingo de Ramos, co obxectivo de queimar os males que tivese a persoa ou animal riscado. As cinzas colócanse despois nun pote ou unha porcelana (unha tarteira vella de ferro ou ola de ferro bañada de porcelana, que xeralmente son de cor granate ou azul escuro por fóra), dinse uns rezos e o recipiente colócase nunha encrucillada de camiños distinta á do cruceiro. Isto faise de noite e non se pode falar con ninguén nin que se atopen veciños polo camiño. A porcelana ou tarteira ninguén a debe tocar se a atopa ao día seguinte ou pasaralle o mal a el. A tarteira debe "morrer" ou apodrecer no sitio do camiño ou encrucillada onde a deixaron, non é bo remexer nela nin tocala. Nas palabras e no propio ritual mestúranse ritos ancestrais, transmitidos de pais a fillos con ritos católicos, xa que nos rituais dos cruceiros hai unha representación do dito "pórlle unha candea a Deus e outra ao demo".

Do cruceiro da Cova, situado no antigo camiño cara a Tenorio, só se conserva o pedestal. Nel facíase a última parada dos cortexos fúnebres que saían de Vilanova. Existen outros catro cruceiros ornamentais ou privados en casas particulares (Casa de Óscar -?1975-, Casa da Ghoia -?1994, Casa de José Manuel de Antón?2005, e Casa de Farruca ?2015), e tres casas con "cruz de portal" (Casa da Rúa -1788, Casa de Farruca ?1807, e casa de Margharita ?2001).

Vilanova conta tamén cun campo de fútbol, no que se realizan as festas do lugar, en honra da Virxe de Fátima. Tamén conta coa Casa do Pobo, chamada polos veciños a "Casa da Escola" xa que antigamente era o lugar onde se impartían as clases. Aquí celébranse os actos relixiosos, xuntanzas de veciños etc.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]

Lugares e parroquias

[editar | editar a fonte]

Lugares de Tenorio

[editar | editar a fonte]
Lugares da parroquia de Tenorio no concello pontevedrés de Cerdedo-Cotobade

Barro | A Cal | Calvelo | O Castro | Covas | A Esquipa | A Laxe | Lérez | O Outeiral | Parada | Rascadería | O Río Tenorio | A Torre Vella | Tralasmós | Vilanova | Zamar

Parroquias de Cerdedo-Cotobade

[editar | editar a fonte]
Galicia | Provincia de Pontevedra | Parroquias de Cerdedo-Cotobade

Aguasantas (Santa María) | Almofrei (San Lourenzo) | Borela (San Martiño) | Carballedo (San Miguel) | Caroi (Santiago) | Castro (Santa Baia) | Cerdedo (San Xoán) | Corredoira (San Gregorio) | Figueiroa (San Martiño) | Folgoso (Santa María) | Loureiro (Santiago) | Parada (San Pedro) | Pedre (Santo Estevo) | Quireza (San Tomé) | Rebordelo (San Martiño) | Sacos (Santa María) | San Xurxo de Sacos (San Xurxo) | Tenorio (San Pedro) | Tomonde (Santa María) | Valongo (Santo André) | Viascón (Santiago)

  1. IGE (ed.). "IGE - Nomenclátor de Galicia" (en galego). Arquivado dende o orixinal o 30 de decembro de 2020. Consultado o 28 de abril de 2021.