Walter Marciano
Nome orixinal | Walter Marciano de Queirós | ||||||||||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Biografía | |||||||||||||||||||||||||||||||||||
Nacemento | 15 de setembro de 1931 São Paulo, Brasil | ||||||||||||||||||||||||||||||||||
Morte | 21 de xuño de 1961 (29 anos) Valencia, España | ||||||||||||||||||||||||||||||||||
Causa da morte | accidente de tráfico | ||||||||||||||||||||||||||||||||||
Actividade | |||||||||||||||||||||||||||||||||||
Ocupación | futbolista | ||||||||||||||||||||||||||||||||||
Nacionalidade deportiva | Brasil | ||||||||||||||||||||||||||||||||||
Deporte | fútbol | ||||||||||||||||||||||||||||||||||
Posición de xogo | Dianteiro | ||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
Walter Marciano de Queirós, chamado en ocasións Válter Marciano, nado en Santos o 15 de setembro de 1931 e finado na provincia de Valencia o 21 de xuño de 1961, foi un futbolista brasileiro que xogaba de centrocampista e dianteiro. Sete veces internacional coa selección do Brasil, faleceu nun accidente de tráfico en 1961, sendo xogador do Valencia.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Comezou a súa carreira futbolística na Portuguesa Santista da súa cidade natal, pasando logo polo São Caetano e o Ypiranga, antes de recalar no Santos en 1953. En 1955 foi traspasado ao Vasco da Gama por algo máis dun millón de cruzeiros.[1]
Co club do Río de Xaneiro conquistou o Campionato Carioca de 1956. Ao ano seguinte participou co club nunha xira por Europa. Tivo unha destacada actuación na final da primeira edición do Torneo de París, marcándolle dous goles ao Real Madrid de Di Stéfano no Parque dos Príncipes, que serviron para lograr a vitoria por 4-3.[2] Dous días despois, na Coruña, marcou un triplete na vitoria por 4-2 sobre o Athletic Club na 12ª edición do Trofeo Teresa Herrera.[3] Ese mesmo mes disputou dous partidos amigables contra o Valencia en Mestalla, e chamou a atención dos directivos do club español, que o contrataron inmediatamente, converténdose no segundo futbolista brasileiro na historia do club, despois de Machado, fichado unhas semanas antes.[1]
Debutou na Primeira División na segunda xornada da tempada 1957/58, diante do Barcelona. Anotou o seu primeiro gol ante o Real Madrid e completou a súa primeira campaña con 13 tantos. Militou no club valenciano ata o día da súa morte, o 21 de xuño de 1961. Aquel día, despois de celebrar con varios compañeiros de equipo o aniversario da nova fichaxe Luis Coll, dirixíanse a Sueca, cando o vehículo que el mesmo conducía estrelouse contra un camión de refrescos na estrada de El Saler, falecendo no acto.[4] Coll e Sendra, que viaxaban no mesmo coche, saíron ilesos.[4]
Selección brasileira
[editar | editar a fonte]Foi sete veces internacional coa selección brasileira, coa que debutou nun partido amigable contra Chile en setembro de 1955. O seu último partido coa selección disputouno ao ano seguinte, diante de Turquía.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 "Há 50 anos, morria Valter Marciano, jogador do Vasco" (en portugués). 22 de xuño de 2011. Consultado o 8 de setembro de 2022.
- ↑ "Há 60 anos, Vasco derrotava o Real Madrid de Di Stéfano em Paris" (en portugués). 14 de xuño de 2017. Consultado o 8 de setembro de 2022.
- ↑ Henry (17 de xuño de 1957). "Ganó el Vasco de Gama el XII Trofeo Teresa Herrera". La Noche (en castelán) (11308). p. 6. Consultado o 8 de setembro de 2022.
- ↑ 4,0 4,1 Relaño, Alfredo (14 de marzo de 2016). "Waldo y Wanderlei, hermanos y residentes en Valencia". El País (en castelán). Consultado o 8 de setembro de 2022.