Wikipedia:Artigo destacado/agosto 2017
Yosyf Slipyi (en ucraíno: Йосиф Сліпий), de nome secular Yosyf Kobernytskyi-Dychkovskyi (en ucraíno: Йосиф Коберницький-Дичковський), nado en Zazdrist, Galicia, o 17 de febreiro de 1892 e finado en Roma o 7 de setembro de 1984, foi un bispo católico ucraíno, Arcebispo maior de Lviv e cardeal da Igrexa católica. Preso do réxime soviético dende 1945, foi finalmente liberado en 1963, grazas ás presións do Vaticano e dos Estados Unidos para participar no Concilio Vaticano II.
Dende o seu exilio denunciou repetidamente a falta de liberdade relixiosa no seu país, especialmente no Concilio e nos Sínodos posteriores. Ante o papa, no Tribunal Sakharov e no congreso de Axuda á Igrexa Necesitada, enumerou os nomes dos fieis católicos presos. En 1980 convocou en Roma o Sínodo de Bispos ucraínos, co fin de darlle unha forma canónica estable á Igrexa católica ucraína. Yosyf Slipyi finou o 7 de setembro de 1984, na sede da Universidade Católica Ucraína na que residía. Xoán Paulo II acudiu á sede da universidade a pregar e renderlle homenaxe.