Wikipedia:Artigo destacado/decembro 2016
O Canadiens de Montréal (en francés) ou Montreal Canadiens (en inglés) é un equipo profesional canadense de hóckey sobre xeo da cidade de Montreal (Quebec) que compite na National Hockey League (NHL), estando encadrado na Atlantic Division da Conferencia Leste. O nome oficial do club é le Club de hockey Canadien. Entre os alcumes do equipo en francés están Les Canadiens (ou Le Canadien), Le Bleu-Blanc-Rouge, La Sainte-Flanelle, Le Tricolore, Les Glorieux (ou Nos Glorieux), Les Habitants, Le CH e Le Grand Club. O principal alcume do equipo en inglés é Habs, unha abreviatura de "Les Habitants". A franquía é un dos equipos denominados "Original Six", o nome que reciben os equipos que competiron na NHL dende 1942 ata a expansión de 1967.
Fundados en 1909, os Canadiens son o equipo máis antigo de toda a competición e o equipo profesional de hóckey sobre xeo que leva funcionando dende hai máis tempo, e o único equipo da NHL que xa existía antes da fundación da liga. Entre 1909 e 1917 competiu na NHA, e a partir de 1917 comezou a súa andaina na LNH. Con 24 títulos é o equipo máis laureado da NHL, moi lonxe dos Toronto Maple Leafs que son o segundo equipo con máis títulos, cun total de 13. O campionato conseguido na tempada 1992-93 foi a última vez que un equipo canadense gañou a Stanley Cup.