Wikipedia:Artigo destacado/maio 2022
O Tapiz de Bayeux, tamén coñecido como o Tapiz da raíña Matilde, e aínda antes como "Telle de Conquest " (por "tea da Conquista") é un bordado (antes "tapiz de puntos con agulla") do século XI, inscrito dende 2007 no rexistro Memoria do mundo pola UNESCO.
Describe feitos acontecidos dende finais do reinado do rei de Inglaterra Eduardo o Confesor en 1064 até a batalla de Hastings en 1066, na que estaba en xogo o trono de Inglaterra, contestado a Harold Godwinson por Guillerme, duque de Normandía. Nel detállanse os eventos principais da batalla; o resultado desta determinou a conquista normanda de Inglaterra, mais case a metade das escenas relatan feitos anteriores á invasión en si mesma. Ao parecer foi encargado por Odo de Bayeux, medio-irmán de Guillerme, e realizado no transcurso dos anos seguintes á conquista.
Aínda que moi favorable a Guillerme o Conquistador, ata o punto de ser considerado ás veces como unha obra de propaganda, ten un valor documental inestimábel para o coñecemento do século XI normando e inglés. Dá información sobre vestimenta, castelos, navíos e as condicións de vida naquela época. Neste aspecto, constitúe un dos raros exemplares de arte románica profana.
Conservado ata o final do século XVIII no Tesouro da catedral de Bayeux, librouse por pouco da destrución durante a Revolución francesa. Agora pódese ver no centro Guillerme o Conquistador, enteiramente dedicado a el.