Wikipedia:Caixas de usuario
Esta páxina contén políticas e normas oficiais da Galipedia. Ten unha ampla aceptación entre os editores desta Wikipedia e considérase un estándar que todos os usuarios deben seguir. Agás para edicións pequenas, por favor, use a páxina de conversa para propoñer cambios nestas directrices. Esta política aprobouse nesta votación que tivo lugar desde o 29/01/09 ata o 18/02/09. |
Unha etiqueta ou caixa de usuario (en inglés: userbox) é unha pequena caixa de cores deseñada só para aparecer na páxina de usuario dun wikipedista como aviso comunicativo sobre el. Deste xeito, estas caixas permítenlles aos usuarios engadir pequenas mensaxes que poden axudar directa ou indirectamente a unha colaboración máis efectiva no proxecto.
As caixas de usuario foron creadas como unha adaptación das caixas de información Babel, usadas para informar acerca dos coñecementos lingüísticos de cada usuario para así facer máis sinxela a interacción de colaboradores entre varias Wikipedias ou dentro do mesmo proxecto.
Restricións
[editar a fonte]Por respecto aos demais colaboradores e lectores do wiki, hai diversas limitacións que os usuarios deben seguir antes de crear unha nova caixa de usuario:
- Segundo as normas de conduta, comúns a todos os wikis, en ningún caso se poden facer ataques persoais que poidan ferir os sentimentos de alguén, polo que o uso de palabras soeces ou calquera outra expresión na contra dunha persoa, institución, crenza, ideoloxía, afección, opinión ou calquera outra cousa queda prohibido. Cadaquén é libre de pensar, crer e obrar como queira, non obstante, o respecto mutuo é o primeiro paso que constitúe a base para acadar a convivencia cívica en sociedade.
- Do mesmo xeito, a Wikipedia non é un lugar para os eloxios, a propaganda, a promoción ou os apoios a calquera tipo de opinión comercial, política ou relixiosa sobre asuntos que poden ser ou non de actualidade.
- Así mesmo, as restricións destes contidos abarcan tamén a páxina de usuario en xeral (e non só as caixas de usuario propiamente ditas), xa que iso que quere transmitir un texto ou imaxe é o mesmo tanto estea disposto nun parágrafo coma nun recadro.
- En resumo: queda prohibido calquera contido que poida danar directa ou indirectamente a un terceiro.
Palabras que se deberían evitar
[editar a fonte]Para non contravir as limitacións anteriores, hai algunhas recomendacións sobre as palabras que poderían non ser moi recomendables para incluílas nas caixas de usuario.
- Hai algúns verbos que se deberían evitar:
- [Este usuario] cre, considera, atopa, sabe, prefire, pensa, desexa [...]
- Deberíanse evitar as frases con verbos negativos, que poden ser potencialmente causa de división:
- [Este usuario] despreza, odia, aborrece [...]
- Tamén se deberían evitar as oracións pechadas que expresan ideas positivas e negativas:
- A este usuario gústalle [isto], pero aborrece [estoutra cousa].
- Isto é: exprese o que lle gusta, no canto do que non lle gusta. Exprese quen é, en lugar do que non é. Exprese o que fai, no canto do que non fai.
Categorías
[editar a fonte]- Artigo principal: Wikipedia:Categorías.
- Véxase tamén: Wikipedia:Babel.
Por norma xeral as caixas de usuario non poderán clasificar en categorías aos usuarios que as colocan nas súas páxinas, dado que a inclusión destes en categorías segundo as súas afeccións, gustos, etc. non serve de moita axuda para a navegación na Wikipedia.
Non obstante, si que está permitida a categorización de usuarios en canto ao nivel que teñan das linguas que falan; de feito, as caixas Babel, que achegan información sobre as linguas dominadas por alguén, deberán levar unha categoría coa seguinte sintaxe:
Categoría:Usuario [código da lingua]-[nivel de dominio]
- Exemplos: Categoría:Usuario gl, Categoría:Usuario en-3, Categoría:Usuario fr-1,...
Deste xeito, calquera persoa que acceda á Galipedia, e que non saiba nada de galego ou os seus coñecementos sexan mínimos, poderá buscar na Categoría:Usuarios por lingua usuarios que falen unha lingua que coñeza.
- É dicir: non está permitida a categorización de usuarios, agás que esta sirva para facilitar a navegación, como é o caso das caixas de coñecementos lingüísticos.
Lista de caixas de usuario
[editar a fonte]- Para unha lista coas caixas de usuario que existen actualmente na Galipedia, véxase: Wikipedia:Lista de caixas de usuario.
Volver á páxina de axuda. |