Wikipedia:Sobre Galicia/febreiro 2018
A Biblia Kennicott, ás veces denominada Primeira Biblia de Kennicott, é unha copia manuscrita da Biblia hebrea escrita na cidade da Coruña en 1476, sendo un dos manuscritos iluminados máis exquisitos que se coñecen en lingua hebrea; está considerado como unha das obras cume da ilustración medieval, e mesmo o manuscrito sefardí máis luxosamente ilustrado do século XV. O manuscrito foi redactado na cidade da Coruña polo calígrafo Moisés Ibn Zabarah e iluminado por Joseph Ibn Hayyim e foi descuberto no século XVIII. É considerado por algúns, como o historiador Carlos Barros, o manuscrito relixioso máis importante da Idade Media galega.
O manuscrito recibe o seu nome de Benjamin Kennicott, un cóengo da catedral da Igrexa de Cristo de Oxford (Inglaterra), que mercou o manuscrito á Biblioteca Radcliffe, de onde foi transferido á Biblioteca Bodleian en 1872. Un dos aspectos máis destacados do exemplar é a estreita colaboración que amosa entre o autor do texto e o iluminador, algo poucas veces conseguido neste tipo de traballo, segundo o historiador da cultura xudía Cecil Roth.