Wikipedia:Sobre Galicia/novembro 2021
Galiza estremeira é a denominación que reciben todos aqueles territorios galegofalantes, que se atopan fóra das fronteiras de Galiza, baixo a administración de Castela e León e Asturias. Ligados lingüística, cultural e tradicionalmente a Galiza, existe neles e arredor deles, a reivindicación histórica de pertenza á cultura galega e nalgúns casos de incorporación ou reincorporación á propia Galiza, utilizándose neste último caso a denominación de Galiza irredenta moi a miúdo ou mesmo outras denominacións como Faixa Leste.
Trátase dun territorio en forma de franxa, de aproximadamente 175 quilómetros de longo e de 15 a 30 de anchura, situada polas terras máis occidentais das actuais provincias de León e Zamora, na Comunidade autónoma de Castela e León, así como os concellos máis occidentais do Principado de Asturias, situados entre a ría de Ribadeo e o río Frexulfe (próximo ao río Navia). A pesar das diferenzas administrativas entre as diversas zonas desta longa franxa, todas teñen en común unha lingua e por tanto en boa parte unha cultura que comparten aínda hoxe coa Galiza autonómica.