Wikipedia:Sobre Galicia/outubro 2016
A Fundación Rosalía de Castro é unha institución cultural galega, constituída o 15 de novembro de 1947 por Xosé Mosquera Pérez (O Vello dos Contos) no Hotel Compostela de Santiago de Compostela baixo o nome Patronato Rosalía de Castro que se converteu en Fundación Rosalía de Castro nun acto celebrado no Colexio de Fonseca da mesma cidade o 29 de decembro de 1995. Os seus estatutos foron legalizados pola Xunta de Galicia en decembro de 1997 e renovados en 2008 (en vigor desde 2009). Este organismo naceu coa vontade de restaurar a casa na que vivira Rosalía de Castro nos seus derradeiros anos e de a converter nunha casa museo (e sostela posteriormente), coidar do Panteón de Galegos Ilustres e difundir e promover a cultura galega. No ano 2015 estaba representada no Pleno do Consello da Cultura Galega e na Asociación de Casas-Museo e Fundacións de Escritores (ACAMFE), e ten a súa sede na Casa da Matanza (antigamente coñecida como Horta da Paz), en Padrón (A Coruña).