Wikipedia:Sobre Galicia/setembro 2016
Florentino López Cuevillas, nado en Ourense o 14 de novembro de 1886 e finado na mesma cidade o 30 de xullo de 1958, foi un historiador e escritor galego. En 1968 dedicóuselle o Día das Letras Galegas. Está considerado o Pai da arqueoloxía científica galega. Pertenceu ás Irmandades da Fala, a Xeración Nós e ao Seminario de Estudos Galegos, compaxinando a actividade desempeñada nestas institucións cunha discreta participación política en pro do galeguismo, na época en que se volveu nacionalista trala fase rexionalista.
A súa labor socio-política viuse profundamente trastornada trala guerra civil española e a chegada do franquismo, se ben continuou a divulgación da cultura galega a través da Real Academia Galega, da que foi membro numerario, e do Instituto de Estudios Galegos Padre Sarmiento. Contribuíu á maduración da prosa galega, pero realmente polo que destacou foi polo seu intenso labor dentro do ámbito científico. Cuevillas acometeu a complexa tarefa de desenvolver o campo da arqueoloxía en Galicia co obxectivo de reconstruír e estudar unha parte do tempo que até aquel momento fora esquecida.