Wikipedia:Sobre Galicia/setembro 2024
O antigo Cuartel de San Fernando de Pontevedra, é un grande edificio neoclásico de principios do século XX situado no centro da cidade, diante dos xardíns do doutor Marescot e moi preto da Alameda de Pontevedra. O actual cuartel de San Fernando ten a súa orixe na Real Casa da Maestranza, edificada entre 1665 e 1668 por Íñigo Melchor Fernández de Velasco. Este edificio foi inicialmente un cuartel destinado a acoller a soldados en tránsito durante a guerra con Portugal. En 1719, durante a invasión inglesa, sufriu graves danos e, tras reparacións menores, o Concello de Pontevedra solicitou a súa reconstrución en 1738 baixo a dirección do enxeñeiro Antonio Flobert. Durante os séculos XVIII e XIX, o cuartel albergou diversos rexementos e serviu como hospital militar. Denominado Cuartel de San Fernando no século XIX, a súa deterioración levou á decisión de demolelo e construír un novo edificio a finais dese século. A obra, deseñada por Bonifacio Menéndez Conde, comezou en 1906 e concluíu en 1909. Este novo cuartel albergou unidades militares ata 1992, cando foi adquirido polo Concello de Pontevedra. O edificio foi remodelado e a finais de 1994 pasou a ser a sede da Facultade de Belas Artes de Pontevedra.