Wikipedia:Sobre Galicia/xuño 2012
Galicia ou Galiza é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente desde 1978 como Comunidade Autónoma segundo a Constitución española e con estatuto de nacionalidade histórica no seu Estatuto de Autonomía, dentro do Reino de España. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co Océano Atlántico, ao norte co Mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal.
Ten como lingua propia o galego, similar e de orixe común co portugués, e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en todo o Estado Español.
Galicia posúe 2.778.913 habitantes (2012), cunha distribución poboacional que aglomera a meirande parte na franxa entre Ferrol e Vigo. Santiago de Compostela é a capital cun estatuto especial, dentro da provincia da Coruña. En Galicia, os núcleos urbanos con rango de cidade son sete, que segundo criterios poboacionais son os seguintes: Vigo, A Coruña, Ourense, Lugo, Santiago de Compostela, Pontevedra e Ferrol.