Wikipedia:Sobre Galicia/xuño 2016
A Revista Gallega, subtitulado Semanario de literatura é intereses regionales, foi un semanario galego, dominical e bilingüe, publicado na Coruña. Foi fundado en 1895 por Galo Salinas Rodríguez e rematou de publicarse en 1907, cun total de 640 números. Autoproclamado Órgano oficial de la Liga Gallega en la Coruña, durante os seus doce anos de historia constituíuse na publicación emblemática do rexionalismo liberal desa cidade.
Ademais de narrativa e poesía, publicou artigos sobre economía, política e sociedade, lingua e literatura, teatro galego, emigración, historia do xornalismo en Galiza, como tamén interesantes fotografías. A partir do 7 de marzo de 1897 comezou a publicar unha Sección Bibliográfica que viña suplir ao desaparecido Boletín Bibliográfico de la Librería Gallega. O fondo documental que contén a Revista Gallega é así estenso e múltiple, debido ás moitas materias en que se ocupou, e do mesmo xeito tense destacado a súa modernidade editorial, sentido crítico e inusitada estabilidade