Wikipedia:Xogar co sistema
Esta non é unha política ou norma oficial da Galipedia. Trátase dunha proposta que se está a desenvolver ou debater e que terá que ser votada antes de poder converterse en oficial. Por favor, use a páxina de conversa para propoñer cambios nesta proposta. |
Esta páxina en resumo: Non se debe xogar coas normas e regras da Wikipedia para romper a dinámica de consenso colectivo ou para violar o espírito da propia norma |
Xogar co sistema significa usar de forma deliberada as políticas e normas da Wikipedia de mala fe, para frustrar os obxectivos da Wikipedia e o proceso de dirección editorial colectivo. Xogar co sistema implica un abuso do procedemento, a edición prexudicial para a wiki ou a evasión do espírito de consenso da comunidade. Os editores que xogan co sistema adoitan facelo para apoiar un punto de vista propio, para estender unha guerra de edicións ou para tentar forzar un punto de vista non neutral.
Un colaborador que xoga co sistema trata de usar as políticas de mala fe, e busca na súa redacción unha aparente xustificación para accións prexudiciais e para afirmar posturas contrarias ao propósito das políticas e defender o que estas non apoian. Facendo isto, o xogador arreda as políticas e normas do seu lexítimo sentido como produto do consenso da comunidade, e tenta usalas conforme o seu propósito persoal.
Cando un editor aproveita un baleiro normativo ou tenta algún tipo de truco que lle permita evadir os estándares da comunidade ou utilizar as ferramentas administrativas dunha forma non axeitada, isto non debería tratarse da mesma forma que se fose un erro de boa fe. Non obstante, as sancións da Wikipedia deben ser preventivas, non punitivas. Xeralmente unha advertencia por parte dun administrador é a mellor forma de previr o xogo co sistema. Se un editor ignora o aviso e reitera o seu comportamento disruptivo, ou se atopa novos métodos de acadar esta mesma alteración, estará máis que de seguro xogando co sistema a mala fe.
Significado de "xogar co sistema"
[editar a fonte]Un editor que "xoga co sistema" procura usar as políticas e normas da Wikipedia de mala fe, procurando fallos na súa redacción e interpretación como xustificación para accións e actitudes disruptivas que están claramente en contra das propias políticas. Neste tipo de situacións o xogador tenta utilizar as políticas de forma selectiva en favor dunha axenda persoal, desbotando a súa función definida como método de documentación do consenso da comunidade. As políticas e normas da Wikipedia existen para recoller a visión da comunidade sobre como debe funcionar a Wikipedia e sobre os seus principios fundamentais. Considérase que un editor está a perturbar o funcionamento normal da wiki cando utiliza partes seleccionadas dunha política na procura de apoio a un punto de vista que quebranta claramente esas políticas, cando procura atacar as posturas baseadas nas políticas utilizándoas de forma incorrecta ou cando directamente intenta facer descamiñar os procedementos establecidos na Wikipedia.
Xogar co sistema pode incluír comportamentos como:
- "Wikipreitear", buscar preitos ou tentar usar o texto dunha política na procura de subverter os principios da mesma.
- Usar tácticas obstrucionistas durante o proceso de procura dun consenso ou manterse firme nun punto de vista rexeitado pola comunidade.
- Procurar darlle á volta ós procesos ou sancións da propia Wikipedia para fustrigar a outros editores.
Nestes casos a intencionalidade e o coñecemento son importantes. O mal uso das políticas, normas e prácticas da Wikipedia non é "xogar co sistema" cando se produce por un erro xenuíno.
Xogar co sistema coincide ás veces con comportamentos recollidos noutras normas e políticas:
- O mal uso dos procesos da Wikipedia na procura de colocar a outros editores en posicións incómodas, para demostrar unha opinión individual ou para enturbar un debate pode considerarse unha forma de xogo co sistema. Porén, normalmente estas accións considéranse un abuso de procedemento, no que se usan os procedementos acordados pola comunidade para conseguir un propósito para o que non foron creados e aprobados. O abuso do procedemento é entorpecedor, e dependendo das distintas circunstancias pode considerarse como un xogo co sistema, un ataque persoal ou un mal uso para impoñer un punto de vista.
- Usar políticas e normas para demostrar falsamente que un usuario está actuando de mala fe, cando isto mesmo é en si unha interpretación realizada de mala fe sobre a acción dos outros editores. Habitualmente categorízase como un incumprimento da política da boa fe e, en particular, facelo de forma reiterada pode supoñer un caso de incivismo.
- Cando se xoga co sistema de forma consciente para tentar impugnar as accións doutro editor ou para caracterizalo como alguén que actúa por mala fe de forma deliberada, pode chegar a considerarse un ataque persoal.
A perturbación de calquera tipo dos procesos normais da Wikipedia non pode tolerarse, polo que os administradores deben tomar as accións necesarias en cada caso, advertindo sobre o comportamento inapropiado e, nos casos máis graves, bloqueando a aqueles que incorren neste tipo de comportamento.
Exemplos
[editar a fonte]Existen varios tipos de xogo co sistema. A esencia deste tipo de comportamentos é o mal uso de forma consciente das políticas ou procedementos. A continuación inclúese unha serie non completa de exemplos.
Xogar coas políticas e normas
[editar a fonte]- Wikipreitear de mala fe, discutindo sobre a letra da política en contra do espírito da política.
- Exemplo: Incluír unha mensaxe neutral na taberna que non viola a política sobre proselitismo, cando por se usa unha serie de notificacións distintas para tratar de atraer a unha audiencia partisana cara ese debate.
- Contrapoñer unha política a outra.
- Exemplo: Afirmar que está en contra de eliminar determinado contido que viola a política de verificabilidade xa que ese contido está protexido pola política de que a "Wikipedia non está censurada".
- Extraer texto de forma selectiva dunha política, ou aplicar de forma selectiva unha política ignorando ás restantes, para tentar apoiar un punto de vista que, de feito, non coincide coa intención da propia política.
- Exemplo: Engadir contido que está restrinxido segundo a política do que a Wikipedia non é, ó mesmo tempo que se utiliza de forma selectiva o texto de que a Wikipedia non é unha enciclopedia impresa para evadir esas mesmas restricións.
- Reclamar falsa e conscientemente protección, xustificación ou apoio dunha política para un punto de vista ou actitude que realmente contradí o espírito da mesma.
- Exemplo: Afirmar que un contido cumpre a política de verificabilidade xa que se inclúe unha citado a unha fonte, cando de feito esa fonte non é fiable ou cando a redacción do contido retorce o punto de vista da propia fonte.
- Procurar forzar unha interpretación desaxeitada dunha política, ou tentar impoñer uns estándares propios de aplicación en lugar dos establecidos pola comunidade.
- Exemplo: Presentar un ensaio escrito por un único editor como se fose unha política acordada por consenso.
Xogar co proceso de consenso
[editar a fonte]- Usar tácticas obstrucionistas de forma reiterada, procurando favorecer un punto de vista que está claramente en contra do consenso da comunidade, previndo de forma efectiva unha resolución baseada nas políticas.
- Exemplo: Un editor rexeita aceptar un cambio se non se cumpre unha determinada condición, cando esta condición non ten ningunha base nas políticas e normas establecidas.
- Exemplo: Os editores acadan un consenso, agás por parte dun editor ou grupo de editores que insisten en que o cambio que se procura viola algunha política ou principio, sen poder demostrar esta violación.
- Exemplo: Xogar co consenso a través de monicreques, na procura dun falso consenso.
- Tentar impoñer unha interpretación interesada dunha política, ou impoñer un punto de vista persoal sobre os estándares e non aqueles que fixou a comunidade.
- Un exemplo é descualificar unha fonte porque non cumpre determinados estándares científicos, cando en realidade non é que non cumpra os estándares científicos da comunidade, senón os estándares científicos dese editor. A fiabilidade das fontes debe ser determinada con neutralidade. O obxectivo da política de fontes é clarificar a fiabilidade das distintas fontes, non apoiar as peticións de exclusión das fontes só porque algún editor as considera non fiábeis.
- Negociación de mala fe. Atraer a outros editores cara un compromiso facendo unha concesión, para posteriormente reter esa mesma concesión cando a outra parte xa realizou o seu compromiso.
- Exemplo: Un editor negocia un consenso para eliminar determinado material ben verificado dun artigo, aducindo que a cuestión xa está tratada noutro artigo. A continuación, o mesmo editor elimina o material do segundo artigo.
- Exemplo: Os editores chegan a un consenso. O autor do texto final acordado debe publicalo, pero nunca chega a facelo. Semanas despois un segundo editor cansa de agardar e publica unha versión modificada, que o primeiro editor reverte de forma inmediata.
- Exemplo: Un editor retén un acordo para realizar un cambio coa condición de que se fornezan fontes adicionais máis satisfactorias, mais declara que tódalas novas fontes fornecidas non son satisfactorias malia que cumpren tódalas condicións de fiabilidade e verificabilidade.
- Eliminar unha grande cantidade de contido para arranxar un erro menor. Se un erro é menor, débese arranxar ou marcar para a súa corrección, sen eliminar o texto restante que estea correcto. A Wikipedia constrúese por medio das melloras incrementais.
- Exemplo: Un editor engade un parágrafo de información verificable, pero elimínase por completo aducindo un erro tipográfico que podería arranxarse de forma doada.
- Exemplo: Un editor realiza unha limpeza de código e unha revisión de ortografía nunha páxina de forma non controvertida, pero outro editor considera que algúns cambios menores alteraron o significado de varias afirmacións, polo que desfai varias horas de traballo completo en lugar dos cambios particulares disputados.
- Empregar tácticas de guerra psicolóxica, como por exemplo reescribir historiais, negar a realidade, desviar a atención, contradicirse sen ningunha base, proxectar os propios puntos débiles noutros, procurar a proba por aseveración ou a dispersión por temas non relacionados. Isto é, procurar desestabilizar un debate sementando dúbidas e discordancias.
- Exemplos: Negar que se publicou algo, suxerir que alguén acordou algo que realmente non acordou, pretender que unha cuestión non obtivo xa unha resposta, malinterpretar o texto ou intencionalidade dunha política, prevaricar sobre o significado obvio dunha afirmación ou negarse a darse por vencido cando unha postura queda rexeitada ou probada como errónea por medio do consenso.
Xogar coas sancións ou co comportamento
[editar a fonte]- Malinterpretar as accións doutros editores co obxectivo de que estas parezan irrazoables, impropias ou que merecen unha sanción.
- Volver sobre os propios pasos dun ataque persoal para tentar que pareza menos hostil, en lugar de pedir desculpas.
- Exemplo: Un editor responde nun desacordo atacando o nivel educativo obtido por outro editor. Posteriormente tenta defender esta afirmación como se fose unha cuestión de boa fe sobre o nivel educativo do outro editor.
- Xogar ó límite, camiñando polo límite das políticas ou violándoas de forma moi leve para que sexa máis difícil de probar unha conduta malintencionada.
- Exemplo: Un editor nunca chega a violar a regra sobre as tres reversións, pero procura realizar as mesmas edicións controvertidas de forma reiterada durante varios meses obviando as obxeccións de múltiples editores.
- Vinganzas: Reverter de forma deliberada as edicións dun editor nun artigo como vinganza por unha disputa noutro artigo.
- Exemplo: O editor A reverte unha edición realizada polo editor B xa que incumpre o punto de vista neutral e non se fornece unha fonte fiable. O editor B comeza un debate na páxina de conversa no que participa o editor A, pero non se acada un consenso. Posteriormente o editor B reverte unha edición neutral e verificable realizada polo editor A, afirmando que esta non cumpre o manual de estilo.
- Facerse a vítima: Violar unha norma e ó mesmo tempo afirmar de forma hipócrita que outros están a violar a mesma norma ou outras relacionadas.
- Exemplo: O editor A publica comentarios incívicos cando ó mesmo tempo acusa ó editor B de comportamento incívico, solicitando sancións e citando políticas que o propio editor A está a violar.
Wikipreitear
[editar a fonte]Como a Wikipedia non é un xulgado, moitos termos e procedementos legais non teñen nada que ver coa Wikipedia. Deste xeito, quen wikipreitea ponse a manexar argumentos, recursos ou probas da mesma maneira que se estivese nun tribunal, a miúdo con fundamentos legais erróneos. Ás veces, wikipreitear pode presentar cuestións lexítimas, e mesmo xustas, pero a miúdo serve para evitar un debate ou para obstruír a creación dunha solución posible. Por exemplo, en moitos casos é imposible determinar que usuario real que se agocha detrás dun grupo de monicreques, e non vale como defensa o argumento de que os monicreques que se descubriron finalmente non se incluíron inicialmente na denuncia realizada no taboleiro dos administradores para a a revisión do caso.
Abuso de procedemento
[editar a fonte]O abuso do procedemento consiste en usar os procedementos acordados pola comunidade e descritos nas políticas e normas procurando un propósito para o que non foron creados e aprobados. O abuso do procedemento é entorpecedor, e dependendo das circunstancias pode considerarse un xogo co sistema, un ataque persoal ou un uso incorrecto da Wikipedia para impoñer un punto de vista particular.