Saltar ao contido

WordPress

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Wordpress»)

WordPress é un sistema de xestión de contidos orientado inicialmente á creación de bitácoras, ou blogues/blogs, (sitios web actualizados periodicamente e con orde cronolóxica descendente). Está estruturado en PHP, usa como xestor de base de datos MySQL, baixo licenza GPL, e foi fundado por Matt Mullenweg.

Características

[editar | editar a fonte]

WordPress foi creado a partir do desaparecido b2/cafelog e converteuse xunto a Movable Type no CMS máis popular da blogosfera. As causas do seu enorme crecemento son, entre outras, a súa licenza, a súa facilidade de uso e as súas características como xestor de contidos.

Outra razón para o seu éxito, é a enorme comunidade de programadores e deseñadores, que se encargan do seu desenvolvemento en xeral ou crear engadidos, ou plugins, (complementos modulares que ofrecen novas funcións) e temas (módulos de deseño que permiten cambiar a presentación do sitio web).

A última versión de WordPress é a 3.6, publicada en 2013.

A última versión en galego é a 3.6.[1]

b2/cafelog, máis coñecido como b2 ou cafelog, foi o precursor de WordPress. Estímase que b2/cafelog foi empregado en aproximadamente 2.000 blogs dende maio de 2003. Foi escrito en PHP para ser usado con MySQL por Michel Valdrighi, quen agora é un importante programador de WordPress. Aínda que WordPress é o sucesor oficial, outro proxecto, b2evolution, tamén está en desenvolvemento activo.

WordPress apareceu por primeira vez no 2003 como o esforzo conxunto de Matt Mullenweg e Mike Little para crear unha bifurcación ou fork de b2.[2] O nome WordPress foi unha suxestión de Christine Selleck, unha amiga de Mullenweg.[3]

No 2004, cando Six Apart cambiou os termos da licenza do competidor Movable Type, moitos dos seus usuarios cambiaron o sistema de publicación do seu bitácora por WordPress, provocando un crecemento destacado e continuo na popularidade de WordPress.

No 2007, WordPress gañou un Premio Packt ao CMS Open Source.[4]

Versións

[editar | editar a fonte]
Páxina "Add new post-Engadir unha nova anotación" da interface de administración de WordPress. Versión 2.8

A maioría das versións de WordPress teñen como nome en clave dun coñecido músico de jazz a partir da versión 1.0

Versión Nome en código Data de publicación Notas
0.70 27 de maio, 2003 Contén a mesma estrutura de arquivos que o seu predecesor, b2/cafelog. Só a versión 0.71-gold pode ser descargada na páxina oficial de arquivo de versión de WordPress.
1.2 Mingus (despois Charles Mingus) 22 de maio, 2004 Incorpora os engadidos. Aínda se empregan os mesmos encabezamentos de identificación de engadido na última versión.
1.5 Strayhorn 17 de febreiro, 2005 Strayhorn engadiu unha serie de funcionalidades importantes, como a incorporación de páxinas estáticas e o sistema de modelos/tema (template/theme) para modificar o deseño. Estaba tamén equipado cun novo modelo por defecto (con nome en clave Kubrick[5]) deseñado por Michael Heilemann.
2.0 Duke 31 de decembro, 2005 Esta versión ofreceu edición con formato (Rich text), mellores ferramentas de administración, carga de imaxes, creación de artigos (post) máis rápida, un sistema de importación mellorado, e un 'back end' completamente revisado. Wordpress 2.0 tamén presentaba varias melloras para os programadores de plugins.[6]
2.1 Ella 22 de xaneiro, 2007 Ademais da corrección de cuestións de seguridade, a versión 2.1 presentou unha interface redeseñada, instrumentos de edición potenciados (incluíndo a verificación ortográfica e o gardado automático), e mellorou as opcións de xestión de contidos.
2.2 Getz 16 de maio 2007 A versión 2.2 ofrecía complementos (widget) para modelos de deseño (templates), apoio á actualización por feeds Atom, e optimizacións de velocidade.[7]
2.3 Dexter 24 de setembro, 2007 A versión 2.3 presentaba a posibilidade de etiquetado nativo, un novo sistema de taxonomía por categorías e unha doada notificación de actualizacións. A 2.3 tamén ofrecía unha plena funcionalidade para Atom 1.0 ao longo do protocolo de publicación e incluía algúns arranxos de seguridade moi necesarios.[8]
2.5 Brecker 29 de marzo, 2008 Saltouse a publicación da versión 2.4 polo que a 2.5 contén o valor de dúas edicións de novo código. WordPress 2.5 ofreceu unha completa revisión do interface de administración. A web de Wordpress foi redeseñada co mesmo estilo .[9]
2.6 Tyner 15 de xullo, 2008 "Tyner" contiña novas características que fixeron de WordPress un CMS máis potente: a posibilidade de rastrexar cambios en cada entrada (post) e páxina, e tamén publicar doadamente dende calquera localización da web.[10]
2.7 Coltrane 11 de decembro, 2008 De novo o interface de administración foi completamente renovado. Tamén presentaba a actualización automatizada e a instalación automática de complementos ou plugins desde dentro da interface de administración.[11]
2.8 Baker 10 de xuño, 2009 Baker ofreceu melloras na velocidade e fixo máis sinxelo a instalación de temas cun só clic. Presentou ademais CodePress, un editor visual que destaca o código segunda a linguaxe na que esteamos a traballar, e un redeseño da interface de widgets.[12]
2.9 Carmen 19 de decembro, 2009 Carmen ofrece, entre outras, a opción global desfacer, un editor de imaxes incorporado, actualización de complementos (widgets) por lotes con control de compatibilidade.[13]
5.0 Gutemberg 25 de xaneiro de 1019
  • Incorporación de Gutenberg 4.6 como editor nativo.
  • Novo tema Twenty Nineteen compatible con Gutenberg e os seus bloques.
  • Engadidas 5 etiquetas novas para Custom Post Types.
  • Melloras na WordPress Rest API.
  • PHP 7.3 soportado "e versión recomendada".

WordPress.com

[editar | editar a fonte]

Ademais do WordPress normal que corre nun servidor propio, existe tamén o servizo WordPress.com, onde se pode crear un blog gratuitamente, sen ter que contratar un servizo de hospedaxe e instalar o WordPress no mesmo. É un dos competidores do Blogger (de Google. A pesar de actualizarse automaticamente, ao contrario do WordPress en servidor propio, onde o dono do site ten que actualizar manualmente ( nas versións actuais, existe unha aplicación que actualiza sen precisar borrar todo no FTP, mais mesmo así precisa de alguén para actualizar o mesmo), posúe algunhas restricións, como non poder colocar outros "templates" a non ser os permitidos, non acepta aplicacións Adobe Flash externos sen ser de certos lugares, non permite instalación de plugins entre outras cousas. Aínda así, recoméndaselle aos usuarios iniciais que non desexan intentar instalar o WordPress nun servidor.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]