Xabaril de Erimanto
Na mitoloxía grega, o Xabaril de Erimanto era un enorme xabaril que se alimentaba da xente e devastaba a rexión do Erimanto, na Arcadia.
A caza do xabaril
[editar | editar a fonte]Heracles, para ser purificado tralo asasinato dos seus fillos, acto cometido ó volverse louco por culpa de Hera, inimiga de Heracles por celos [1], tivo que acometer doce traballos que lle encomendara o seu primo Euristeo.
O terceiro destes traballos [2] foi cazar o Xabaril de Erimanto e levar o seu corpo ante Euristeo.
Heracles, dando grandes berros, fixo saír do covo ó xabaril e foi empurrándoo ata chegar a unha zona cuberta dunha grosa capa de neve. Alí seguiu tras o animal ata agotalo e así puido tirarlle un lazo e capturalo. Hixino di que o matou, pero Francisco Miguel del Rincón, en nota ás Fábulas de Hixino, sinala que "no resto das fontes, o traballo era levalo vivo" [3].
Unha vez inmobilizado, cargouno sobre os ombros e levouno a Micenas, ante Euristeo. Este, aterrorizado, agochouse na cántara de bonce que mandara construír para protexerse de Heracles.
Cóntase que a pel do xabaril e mailos cairos gardáronse como exvoto no santuario de Apolo en Cumas [4], unha antiga cidade da Magna Grecia (actual Campania, ó sur de Italia).
O centauro Folo
[editar | editar a fonte]No camiño cara a Erimanto, Heracles parou na casa do centauro Folo (fillo de Sileno, un sátiro compañeiro de Dioniso). Este Folo era amigo de Heracles e, xunto a Quirón, os dous únicos centauros sabios e rectos [5], mentres que o resto deles eran personaxes salvaxes, luxuriosos, violentos cando estaban borrachos, como resultaba habitual.
Folo deu de comer a Heracles (carne asada para este e carne crúa para el) pero Heracles pediulle viño. Folo tiña unha cántara de viño pero era propiedade común de tódolos centauros e non quería abrila por medo a que aparecesen. Heracles tranquilizouno e insistiu, e Folo cedeu e abriu a cántara. Efectivamente, ó recendo do viño chegaron axiña numerosos centauros, e Heracles axotounos primeiro botando tizóns acesos contra eles, e logo xa perseguiunos lanzándolles frechas. Os centauros refuxiáronse xunto a Quirón con tan mala sorte que unha das frechas de Heracles feriu a un deles, Élato, e foi dar no xeonllo de Quirón.
Aínda que Heracles lle sacou a frecha inmediatamente e botoulle unha untura que lle dera o propio Quirón [6], el sabía que as feridas provocadas polas frechas de Heracles eran incurables, pois estaban impregnadas co sangue da Hidra de Lerna. Retirouse para morir ó interior da cova, pero Quirón era inmortal, pois era fillo de Cronos e de Filira (unha filla de Océano, así que Prometeo ofreceuse a Zeus para ser el inmortal no lugar de Quirón, e así este puido morrer.
E non só foi que morrera Quirón senón que mentres Heracles perseguía ós outros centauros, Folo sacoulle unha frecha a un dos cadáveres, asombrado de que puidera matar a centauros tan grandes sendo unha cousa tan pequena. Ó manipulala caeulle das mans e foi caerlle nun pé, morrendo de socate.
Iconografía
[editar | editar a fonte]A representación iconográfica deste traballo reduciuse, practicamente, ó momento no que Heracles carga co xabaril sobre os ombros. O motivo case desaparece na Idade Media e Moderna, e só se reflicte nos ciclos que recollan os diferentes traballos do heroe, como os realizados por Zurbarán en 1634 para o Palacio del Buen Retiro (Madrid), hoxe no Museo do Prado [7] ou por Delacroix en 1854.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Heracles era fillo de Zeus, e Hera, a esposa do mesmo deus, perseguía ás súas amantes e ós fillos bastardos que tivera.
- ↑ A ordenación dos doce traballos non é sempre a mesma segundo o mitógrafo consultado. Para Grimal ou Hixino, este foi o terceiro traballo; para Pseudo-Apolodoro, foi o cuarto.
- ↑ Así en Pseudo-Apolodoro: "Como cuarto traballo ordenoulle traer vivo ó xabaril erimantio" (II, 5, 4).
- ↑ Pausanias VIII, 24, 5.
- ↑ Quirón foi o preceptor de Aquiles.
- ↑ Quirón tiña grandes coñecementos de medicina, farmacia e botánica, segundo recoñece Plinio o Vello.
- ↑ Hércules e o xabaril de Erimanto (ficha no Museo do Prado).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Xabaril de Erimanto |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- ELVIRA BARBA: Miguel Ángel: Arte y mito. Manual de iconografía clásica. Sílex, 3ª ed. 2017.
- GRAVES, Robert: Los mitos griegos, Ed. Gredos, 1ª ed. 2019, 516-519.
- GRIMAL, Pierre: Diccionario de mitología griega y romana. Ed. Paidós, 1981.
- HIXINO: Fábulas mitológicas. Tradución, introdución e notas de Francisco Miguel del Rincón Sánchez. Alianza Editorial 2009, 30.
- PSEUDO-APOLODORO: Biblioteca mitológica. Tradución e notas de Julia García Moreno. Alianza Editorial 3ª ed. 2016, II, 5, 4 [a numeración segue a utilizada neste texto].