Xardín botánico de Padrón
Tipo | xardín botánico | |||
---|---|---|---|---|
Localización | ||||
División administrativa | Padrón, España | |||
| ||||
O xardín botánico de Padrón é un xardín de pequeno tamaño situado na vila de Padrón, á beira da estrada nacional N-550. Conta cun elevado número de especies vexetais, algunhas delas moi senlleiras ou de gran rareza en Galicia. Varios exemplares arbóreos deste xardín aparecen, pois, no Catálogo de Árbores Senlleiras da Xunta de Galiza.
Historia
[editar | editar a fonte]A súa orixe remóntase ás primeiras décadas do século XIX, construído nunha leira da Calzada Romana pertencente ós condes de San Xoán. Foi construído seguindo os modelos característicos da época, mesturando estilos italiano, inglés e francés.
O 11 de xaneiro de 1946 foi declarado monumento artístico nacional, grazas sobre todo ó labor de Manuel Chamoso Lamas, naqueles tempos Comisario do Servizo da defensa do patrimonio nacional. Debido a isto, pouco despois as distintas especies botánicas presentes no xardín foron clasificadas e inventariadas cientificamente por primeira vez na súa historia polo Inspector Xeral de Montes Rafael Areses Vidal. Ademais levouse a cabo a primeira rotulación das árbores e especies máis salientables.
Posteriormente na segunda metade do século XX, o xardín foise degradando e perdendo protagonismo dentro da vida cotiá cultural da vila. A partir de 1987 volveuse potenciar o labor científico dentro do xardín e comezaron as ampliacións ou remodelacións dos equipos e infraestruturas que lle dan a aparencia actual. Deste xeito dotouse o xardín de novos espazos públicos, dun herbario, dun invernadoiro e novas zonas axardinadas.
Acolle diversos monumentos, como un busto de Castelao e unha estatua de Macías o Namorado.
Actualmente o xardín está irmandándose coa cidade francesa de Noirmoutier e coa comunidade Canaria.
Botánica
[editar | editar a fonte]O xardín botánico presenta un gran número de especies vexetais achegándose ás trescentas. Traídas de diversas partes do mundo pódense nomear coma as máis salientables a árbore do Coral (Erythrina crista-galli, especie autóctona da Arxentina e o Uruguai), a palmeira do Senegal, a sequoia vermella (Sequoia sempervirens, salientable pola súa altura), o carballo cupresiforme (quercus robur fastigiata), unha árbore drago (Dracaena draco, árbore doada pola Comunidade Canaria) ou os pradairos (Acer pseudoplatanus. L. que conforma o paseo central do xardín).
Amais, conta cunha figueira filla doutra orixinaria da casa da Matanza, na que viviu Rosalía de Castro.
Actividades
[editar | editar a fonte]O xardín botánico de Padrón acolle numerosos actos sociais e culturais da vila. En 1992, 1993, 1994 e 2002 celebráronse os Trimestres Educativo-Culturais sobre o Xardín botánico de Padrón, tendo coma principais beneficiarios os centros escolares de Galicia e doutras zonas de España. Estes Trimestres acadaron un grande éxito e chegouse a contabilizar un número de asistentes próximos os 50.000[1]
Así mesmo celebráronse diversos cursos recoñecidos, patrocinados e impulsados dende a Consellería de Educación da Xunta de Galicia e mailo concello de Padrón que xustifican a importancia deste xardín dentro do contexto científico galego:
- Curso sobre o Xardín Botánico de Padrón, 1987
- Curso de ampliación sobre o Xardín Botánico de Padrón, 1988
- Curso sobre flora, xardinería e paisaxismo en pazos do país ullán. O Xardín botánico de Padrón, representante por antonomasia, 1991
- Curso sobre Xardinería básica, 1993
- Curso sobre o pazo coma recurso botánico no ensino das Ciencias Naturais, 1994
- Curso sobre xardinería e flora ornamental dos pazos galegos, 1994
- Curso sobre o mundo botánico dos pazos galegos. Xardíns e plantas, 1995-2000
- Xornadas de apoio PEC/PCC: Ciencias Naturais-Botánica, 1995
- Curso sobre pazos e xardíns coma recurso para o estudo do contorno natural e social, 1996
- Curso sobre xardíns e plantas de Galicia. Instrumentos de ensinanza e aprendizaxe (1997 e 1998)
- Curso sobre os itinerarios naturais coma recursos na área de Ciencias da Natureza, 1999
- Curso sobre xardíns históricos, 2001
- Curso sobre alamedas, xardíns e plantas da provincia de Pontevedra (2002)
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Coroa de Espiñas: Membrilleiro xaponés
-
Estatua de Macías o namorado
-
Palmeira do Senegal. Unha das especies máis salientables do xardín
-
Imaxe do Xardín Botánico de Padrón
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Apartado: Trimestres de charlas Educativo-Culturais de "O Xardín Botánico-Artístico de Padrón, instrumento educativo-cultural" Carlos Rodríguez Dacal, Revista Galega do Ensino-ISSN:1133-911X, Número 37, Novembro 2002.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- "O Xardín Botánico-Artístico de Padrón, instrumento educativo-cultural", Carlos Rodríguez Dacal, Revista Galega do Ensino-ISSN:1133-911X, Número 37, novembro de 2002.
- "Pasado, Presente y Futuro del Jardín Botánico De Padrón", Carlos Rodríguez Dacal, Libro de Festas de Padrón do ano 1.987 (en castelán).
- "El jardín botánico de Padrón: un proyecto en marcha", Carlos Rodríguez Dacal, Libro de Festas de Padrón do ano 1.988 (en castelán).
- "Restauración del Jardín Botánico", Carlos Rodríguez Dacal, Libro de Festas de Padrón do ano 1.989 (en castelán).
- "La labor del jardín botánico-artístico de Padrón 1990-1994", Carlos Rodríguez Dacal, Libro de Festas de Padrón do ano 1.995 (en castelán).
- "Jardín Botánico Artístico de Padrón, más de trescientas especies de plantas", El Ideal Gallego, Martes, 4 de febreiro de 1992, páx 9.(en castelán)