Saltar ao contido

Xoán de Betanzos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaXoán de Betanzos
Biografía
Nacementodécada de 1510 Editar o valor en Wikidata
Betanzos, España Editar o valor en Wikidata
Morte1 de marzo de 1576 Editar o valor en Wikidata (56/66 anos)
Cuzco, Perú Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónescritor, historiador Editar o valor en Wikidata
Carreira militar
ConflitoConquista española do Imperio Inca Editar o valor en Wikidata
Familia
CónxuxeCuxirimay Ocllo Editar o valor en Wikidata
Sinatura Editar o valor en Wikidata

BNE: XX930572 BUSC: betanzos-juan-de-m-1576


Xoán Díez de Betanzos e Araos, nado Betanzos en 1510 e finado en Cuzco o 3 de xaneiro de 1576, foi un explorador e cronista galego. Acompañou a Francisco Pizarro e a Diego de Almagro na conquista do Imperio Inca polo reino de España.

Xoán de Betanzos foi un dos poucos conquistadores españois que logrou aprender o quechua, lingua oficial do Imperio Inca, o que lle serviu para ser o intérprete e man dereita de Pizarro. Grazas a isto e ao seu matrimonio coa irmá de Atahualpa, logrou a amizade de gran parte da nobreza inca.

Cando por mor das Leis de Indias os conquistadores se sublevaron encabezados por Gonzalo Pizarro (irmán de Francisco), Xoán de Betanzos apoiou a Pedro de la Gasca, que sufocou a rebelión. Isto valeulle a concesión dunha encomenda do rei Carlos I.

Do seu labor como cronista destaca a obra Summa y Narración de los Incas, que supón unha das primeiras narracións da historia do Imperio Inca. Foi, ademais, o primeiro europeo en escribir en quechua, elaborando incluso un vocabulario básico castelán-quechua.

Antecedentes

[editar | editar a fonte]

Aínda que non existen probas, é posible que Xoán de Betanzos nacese na vila de Betanzos. Como en Galiza a tolerancia cara aos xudeus era manifesta, e a fiscalización menos rigorosa, cando na primeira metade do século XVI a Coroa autorizou aos portos de Baiona e A Coruña para manteren tráfico mariño co litoral indiano, pasaron daquela a Indias un crecido número de persoas, moitas delas que tiñan prohibida a entrada no Novo Mundo por seren cristiáns novos, descenderen de conversos, ou de mouriscos.

A actuación de Xoán de Betanzos na cronística peruana foi case descoñecida até a época recente. Cara a 1880 apareceu unha parte da súa obra en arquivos de El Escorial, que foi publicada polo peruanista Marcos Jiménez de la Espada.

Até a segunda metade do século XX moi poucos historiadores, agás o peruano Raúl Porras Barrenechea, se preocuparan de Xoán de Betanzos. Nin sequera o mencionou o investigador e franciscano galego Lino Gómez Canedo. Salvador de Madariaga fixo alusión ao marido de Angelina (a irmá de Atahualpa) coma un dos negociadores co inca Sayri Tupac, pero non cita o seu nome, e quizais o descoñecese.

En 1987 a doutora Carmen Martín Rubio encontrou en arquivos de Palma un exemplar completo de Summa y Narración de los Incas. Con este achado e co complemento das expedicións levadas a cabo na selva peruana para encontrar a cidade perdida de Vilcabamba, a doutora e o periodista del Valle espertaron a difusión da obra literaria de Betanzos e contribuíron ao coñecemento deste personaxe.

Malia as novas achegas e as investigacións levadas a cabo, segue sen coñecerse o seu lugar de nacemento.

Chegada ao Perú

[editar | editar a fonte]

A data da súa chegada ao Perú non está clara. En 1538 a Real Audiencia de Santo Domingo nomeaba xuíz de residencia na illa de Cubagua (Venezuela), a Francisco de Castañeda, e o escribán que o acompaña nese cometido chamábase Xoán de Betanzos, que podería ser o mesmo, pois posiblemente xa se atopaba nas Indias desde uns dez anos atrás.

Xoán de Betanzos acompañou ao xuíz Castañeda, que logo da súa actuación nas illas de Cubagua e Margarita coma xuíz itinerante, ía a Lima en 1539, trasladándose posteriormente polo Perú e Nicaragua.

Conselleiro de Francisco Pizarro

[editar | editar a fonte]

Betanzos deixou a Castañeda e converteuse en home de confianza de Francisco Pizarro nos dous últimos anos da súa vida. Pizarro faleceu en xullo de 1541, e en 1542 Betanzos casou coa ñusta Angelina Yupanqui, viúva-concubina de Pizarro e irmá de Atahualpa, coa que o marqués tivera dous fillos. Betanzos, alén de ser valioso como escribán, na política movíase como peixe na auga, porque habilmente buscaba acomodo a carón do "Sol que máis quecía".

Conselleiro de Gonzalo Pizarro

[editar | editar a fonte]

Promulgadas as Leis Novas de 1542, Betanzos é dos que as desaproban. Logo da morte do seu protector, busca novo amo e pasa a servir a Gonzalo Pizarro. Tralo alzamento deste, comezan os enfrontamentos coas forzas reais, e Betanzos sopesa a situación. Prevé o desastre, deixa a Gonzalo e troca de bandeira, arrimándose á sombra de Pedro de La Gasca, o clérigo adusto que coas súas dotes persuasivas e a súa audacia logrou terminar coa hexemonía dos Pizarro e devolveu a calma ao Perú.

Conselleiro de La Gasca

[editar | editar a fonte]

Por esta serie de cualidades, a La Gasca debeulle ser de suma utilidade e prestarlle proveitosos servizos, pois rematada a rebelión pizarrista e normalizada a situación, Betanzos, entre outras prebendas, foi recompensado cunha rica encomenda na vila de Azángaro, que segundo relata Ricardo Palma en Tradiciones Peruanas, polos predios de Azángaro, coñecíase unha herdade chamada Betanzos.

Xoán de Betanzos, tras verse cumprido asesor ao servizo de La Gasca e do bispo Jerónimo de Loayza, debía andar entre leis e ordenanzas colaborando en buscar fórmulas equitativas para deixar contentos aos seus antagonistas e satisfeitos aos actuais compañeiros cos novos repartimentos que propiciaba a Coroa.

Historia prehispánica

[editar | editar a fonte]

O segundo vicerrei, Antonio de Mendoza, chegou a Lima en setembro de 1551, e por recomendación de La Gasca, que coñecía as cualidades e a preparación de Betanzos, o vicerrei encargoulle unha delicada misión: a investigación e a redacción da historia prehispánica do Perú.

Pero o cronista non tivo sorte, pois Mendoza faleceu aos nove meses de ocupar o cargo, e Xoán de Betanzos non puido mostrarlle os resultados da súa obra historiográfica. Non obstante, non deixou o seu traballo e seguiu recompilando datos entre os parientes rexios da súa muller para dar remate á obra, pois tiña a esperanza de que o novo vicerrei a aceptase.

Betanzos negociador

[editar | editar a fonte]

En xuño de 1556 chegou ao Perú o terceiro vicerrei, Andrés Hurtado de Mendoza, marqués de Cañete, que traía unha carta persoal de Filipe II para o novo Inca rebelde Sayri Túpac, onde lle pedía que abandonase a rebeldía, deixase o reduto de Vilcabamba e se integrase cos españois. Estas peticións ían acompañadas de garantías e seguridade para o Inca e toda a súa familia, ademais de prometerlle unha serie de dádivas para que seguise vivindo en Cuzco, sen agobios e segundo a categoría correspondente ao seu rango.

Pero o novo Sayri-Tupac pediu ao vicerrei unha embaixada negociadora para concretar os acordos, e a principios de 1557 saíu unha misión cara a Vilcabamba; ademais doutras persoas, nela ía Xoán de Betanzos como experto na lingua quechua e en asuntos nativos.

Faltando poucos meses para a maioría de idade de Sayri-Tupac, nada se concretou, posto que a decisión dependía dos seus asesores. Entón a misión e un par de conselleiros do Inca volveron a Lima para informar ao vicerrei do acordo tomado e discutir os bens e prebendas que deberían outorgárselle ao Inca.

Á fin, o 5 de xaneiro de 1558, Sayri-Tupac entraba en Lima e era recibido con todo boato e agasallado polas autoridades limeñas. Acollíase ao perdón real e abandonaba a rebeldía independentista para vivir tranquilamente entre os españois coas xugosas rendas que lle proporcionaban as encomendas asignadas.

Remate da súa obra

[editar | editar a fonte]

Por aquel tempo Betanzos xa concluíra o seu dicionario inca e a Historia do Perú, á que titulou Summa y Narración de los Incas. Dado que falecera o marqués de Mondéjar, dedicoullo ao vicerrei marqués de Cañete; pero este non fixo caso, ou non tivo tempo de preocuparse destes traballos, porque faleceu en setembro de 1560 e os manuscritos quedaron arquivados e esquecidos até que foron publicados por Jiménez de la Espada a finais do século XIX.

Máis negociacións

[editar | editar a fonte]

Xoán de Betanzos, como experto en asuntos indíxenas e home de confianza do vicerrei, interveu no proceso negociador das dádivas concedidas a Sayri-Tupac. Pero a paz que se buscaba co acercamento do Inca rebelde non durou moito, ao morrer repentinamente Sayri-Tupac a mediados de 1560.

Coa morte de Sayri-Tupac a alarma e a incerteza volvían inquietar os españois, pois o seu irmán bastardo Titu Cusi Yupanqui coroábase como novo Inca e novamente se reanudaban os asaltos e mortes aos españois que se aventuraban a trasladarse dunha cidade a outra.

Betanzos interveu de novo no difícil cometido das negociacións, pero Titu Cusi era demasiado audaz e con intelixentes evasivas deixou correr o asunto intentando negociar unha boa compensación para abandonar a rebeldía. Xoán de Betanzos esta vez non tivo sorte nas negociacións, xa que non logrou ningún resultado satisfactorio na súa nova visita a Vilcabamba.

En abril de 1561 chegou a Lima o cuarto vicerrei, Diego López de Zúñiga, conde de Nieva, reanudándose as negociacións con Titu Cusi. Porén, como as esixencias do Inca seguían sendo ambiciosas, non se conseguiu nada destacable durante o curto mandato do vicerrei, falecido repentinamente en febreiro de 1564.

O 30 de novembro de 1569 chegou a Lima o quinto vicerrei, Francisco de Toledo, home de ideas firmes e actuación contundente; abocábase a terminar co foco rebelde que persistía en Vilcabamba, e a tomar contactos cos nobres descendentes dos Incas que vivían en Cuzco para coñecer as súas reaccións en canto a que algún deles tivese intencións de rebelarse contra o dominio hispano, xa que a maioría dos aristócratas incas adoitaban conspirar na sombra.

Guerra ao Inca

[editar | editar a fonte]

Titu Cusi finou en maio de 1571, sucedéndoo o seu irmán, o mozo Túpac Amaru. Coa elevación ao trono de Tupac Amaru acentuábanse as diferenzas e recrudecíanse os desaforos.

Como o vicerrei tiña pouca paciencia, os desatinos de Tupac Amaru bastáronlle para invadir o territorio rebelde. Antes de tomar medidas represivas, o vicerrei mandou un emisario para descubrir as razóns do silencio, pero este foi asasinado antes de ser recibido polo Inca. Un criado contou o sucedido. Declarábase así a guerra aos rebeldes, e o 14 de abril de 1572 saían cara a Vilcabamba 250 españois e 2.500 indios frecheiros, mentres outro centenar de españois deron un rodeo para cortar a retirada a Tupac Amaru en caso de que intentase escapar cara á Amazonía.

Logo de cinco meses, Tupac Amaru e os seus capitáns eran vencidos e feitos prisioneiros. Aquel reduto rebelde, o último territorio inexpugnable que permaneceu libre durante trinta e cinco anos, trouxera de cabeza aos conquistadores e agora quedaba pacificado e incorporado á Coroa. O 24 de setembro de 1572 o último Inca e os seus xenerais eran condenados e executados na praza de Cuzco.

O ocaso do cronista

[editar | editar a fonte]

Ao facerse maior, Xoán de Betanzos estableceuse en Cuzco, sendo testemuña da transformación da capital do Imperio Inca, iniciada en 1533, tomando esta unha aparencia colonial debido ás influencias que achegaba ser a residencia dos Pizarro e a soldadesca hispana. A antiga capital imperial sufría significativas transformacións logo de ser arrasada polo tumulto das guerras, das que foron testemuña os vellos muros.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]