Xosé María Alonso Trelles
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (es) José María Alonso y Trelles Jarén 7 de maio de 1857 Ribadeo, España |
Morte | 28 de xullo de 1924 (67 anos) Montevideo, Uruguai |
Causa da morte | peritonite |
Actividade | |
Ocupación | poeta, procurador, escritor, escribán |
Partido político | Partido Nacional (pt) |
Xénero artístico | Poesía e literatura gauchesca (pt) |
Pseudónimo literario | Viejo Pancho |
José María Alonso de Trelles y Jarén, coñecido co alcume de El Viejo Pancho, nado en Ribadeo o 7 de maio de 1857 e finado en Montevideo o 28 de xullo de 1929, foi un poeta gauchesco uruguaio.
De novo, emigrou asentándose definitivamente en Tala (Uruguai), onde chegou a ter ó seu cargo as publicacións satíricas El Tala Cómico e Momentáneas. As súas achegas literarias máis importantes foron na lírica, que cultivou en xeito de poesía gauchesca, e á que proporcionou a súa obra a través dos semanarios tradicionalistas El Terruño, El Fogón e El Ombú. En 1915 publicou a que é considerada a súa obra insignia, Paja brava, na que fixo recompilación da meirande parte dos seus textos do xénero. Xa maior, foi deputado polo departamento de Canelones.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos
[editar | editar a fonte]Naceu nunha casa da rúa que hoxe leva como nome o seu alcume, 'Viejo Pancho', na parroquia de Santa María do Campo, no núcleo urbano de Ribadeo. Foi fillo de Vicenta Jarén, de orixe galega, e de Francisco Alonso y Trelles, de orixe asturiana, quen foi docente nunha escola preto de Navia.[1][2] Na súa infancia viviu uns anos en Asturias, facendo estudos de peritaxe mercantil na mesma Navia.[3] En 1875, con 18 anos de idade emigrou a América, radicándose durante dous anos en Chivilcoy (vila da provincia de Buenos Aires, Arxentina), ata que en 1877 se trasladou primeiro a Montevideo e logo a Tala, localidade situada a 110 km da capital, onde cobrou fama como poeta da vida rural uruguaia.
Mocidade
[editar | editar a fonte]O seu primeiro traballo foi de contable nun almacén propiedade de Juan Riccetto. Anos despois casaría coa filla de Ricetto, Dolores.
Nos anos de mocidade tivo moita ascendencia sobre del o mestre rural Joaquín Tejera, a quen chegou por recomendación de Emilio Rodríguez, compañeiro de viaxe á emigración. Tejera prestoulle apoio e facilitoulle traballo como funcionario de correos, e dándolle participación no diario "El Tala", fundado por el e no que tamén actuaban de redactores Servando Paisal, Schickendantz e Klappenbach.
No 1882 casou con Dolores Riccetto, e pouco despois mudáronse a Sarandí Garupá, preto de Santana do Livramento. Alí actuou de administrativo nunha casa de comercio que logo pecharía. É nesta época cando coñeceu ó periodista e político Rafael Cabeda, con quen mantivo unha relación que continuou por carta ó regresar ao Uruguai. Neste mesmo período naceron dous fillos do matrimonio. Regresaron a Tala en 1887.[4]
En Tala, durante un tempo foi socio do seu sogro e despois —aconsellado polo seu amigo Pedro Soto, Xuíz de Paz de Tala— decidiu estudar para Procurador e Escribano. Participou de varias entidades de fomento creadas polos veciños, como a primeira "Comisión auxiliar de Tala" (para a que foi designado secretario), ou a "Sociedad Cosmopolita de Socorros Mutuos" da que foi vicepresidente.
Literatura
[editar | editar a fonte]Teatro
[editar | editar a fonte]Organizou un grupo de teatro. Nel cumpriu diversos traballos, como director, escenógrafo, apuntador, e autor de varias obras. Polo seu traballo, a cidade de Tala considérao o seu primeiro director teatral.
Entre as obras teatrais escritas por el están: Un drama en palacio, Caída y redención, Colón, Los veteranos, Spion Kook, El falso Otelo, Pepiyo, Idilio fulminante e Juan el Loco, publicado por mediación do poeta Orosmán Moratorio en 1887. A meirande parte destas obras non foi publicada, conservándose só algunhas.
Periodismo satírico
[editar | editar a fonte]El Tala Cómico
[editar | editar a fonte]O 18 de novembro de 1894 fundou a publicación periódica El Tala Cómico, onde foi director e principal colaborador. A revista satírica xurdiu como resposta á necesidade de Trelles de facer unha crítica ás autoridades eclesiásticas e administrativas locais.[6]
Na presentación desta revista, Trelles resumiu así os motivos da súa aparición:
A apatía, unha apatía musulmá, consómenos e ten esnaquizado todos os vínculos sociais e tende a producir o illamento egoísta e estéril. Vivimos envoltos nunha atmosfera de glacial indiferenza que ten conxelado toda iniciativa de progreso... Embrazando o escudo e alta a visera, para que se saiba quen somos, entramos na loita. Ninguén ten por que temernos; o que queira evitar un mandoble non ten outra cousa que facer que cumprir os seus deberes; para os bos non han faltar palabras alentadoras, como non han faltar censuras para o que a mereza.[7]
Como o autor explica, o combate contra esa apatía social á que alude é outra das razóns da aparición desta publicación de frecuencia semanal. As primeiras repercusións da inauguración desta publicación poden atoparse xa o mes seguinte, en La Razón dirixida nese momento por Carlos María Ramírez, que destacaba:
É curioso, case cómico. El Tala, ese pequeno pobo que queda en Canelones, aló pola viciñanza de San Ramón, ten un periódico satírico como non existe outro en toda a República. O seu director é Juan Monga. O periódico está ben, pero moi ben escrito. O tal Monga, non é un Juan Monga calquera, porque ten sal e aínda pementa. É tamén hábil dibuxante e home dunha paciencia digna de pasar á historia de Tala. Figúrense vostedes que el só escríbeo de cabo a rabo, el só o ilustra e el só o imprime, grazas a unha desas máquinas que reproducen os manuscritos. Ademais "o sistema" empregado na compaxinación non ten nada de común co que distingue á xeneralidade dos nosos colegas de fóra. El Tala Cómico non admite recorte, non ten artigos longos, non publica artigos de Taboada, nin insulta ás autoridades departamentais. Señores: Por todas estas razóns suscríbanse vostedes a El Tala Cómico.[8]
O "Juan Monga" ó que fai referencia Ramírez é un dos moitos alcumes que usou Trelles para escribir nesta publicación e que alternaba segundo as circunstancias, pasando por outros como "Cáustico", "Candil", "Tácito", "Ventosa" ou "El", entre outros.[10]
Trelles encargábase tamén da diagramación e da inclusión de caricaturas satíricas nas distintas entregas deste semanario. O proceso de impresión era tedioso e rudimentario, e facíase por medio de papel carbón, un Cyclostil e unha prensa manual. a súa tirada foi de 70 a 100 exemplares, e contou coa colaboración ocasional do seu sobriño, Ángel Asuaga e o mestre Luis Scarzolo Travieso.
Esta publicación tivo unha forte influencia do semanario español Madrid cómico, no que Trelles se inspirou para darlle formato, o ton crítico e satírico e mesmo nome. Nesta revista que se publicou entre 1880 e 1923, escribiron figuras importantes do periodismo e a literatura española desa época, como Leopoldo Alas "Clarín", Sinesio Delgado, Luis Taboada, Luis de Ansorena, Antonio de Valbuena, Pérez Zúñiga, José Fiacro Iraizoz e Eduardo de Palacio, entre outros. Como caricaturistas e debuxantes estiveron Eduardo Ramón "Cilla" e Francisco Sancha.
A través de El Tala Cómico, Trelles defendeu os seus principios, como o ensino obrigatorio, e fixo críticas a figuras políticas, autoridades eclesiásticas e sacerdotes, así como tamén dirixiunas contra curanderos e hipnotizadores. Unha das sátiras que tivo máis repercusións foi a que desatou unha polémica forte cun poeta de Sauce, que a raíz dunha crítica realizada por Trelles, expuxo que el, de igual xeito, criticaría os versos de Trelles, ó que respondeu:
¡Tú mis versos criticar! / ¡Tú pescarme a mí los hiatos! / Hombre; no me hagas sudar. / Mira que hacer alegatos / No es lo mismo que rimar.
En cuestión de consonantes / Juzgo tu fallo importuno / Y es mejor no lo adelantes... / Porque hay muchos ignorantes / "¡Pero como tú, ninguno!"[11]
Estes episodios motivaron o debuxo da súa mellor autocaricatura, aparecida no número do 9 de febreiro de 1896.
En marzo de 1897 editouse o último número de El Tala Cómico, cun total de 83 números publicados dende 1894.
Momentáneas
[editar | editar a fonte]En xuño de 1899, fundou unha nova publicación, Momentáneas. No seu primeiro número, fixo unha exposición de motivos definíndoa en parte como unha continuación de El Tala Cómico:
Momentáneas: val dicir que dan pouco traballo, que teñen a curta duración dos lirios, aínda que eu seime que a picazón que produzan durará moito máis do que eu querería... El Tala Cómico non morreu. Estas Momentáneas son manifestacións da súa vida latente.[13]
Nas liñas de Momentáneas foi onde onde Trelles demostrou, cunha evolución que se podería dicir 'melancólica', o seu paso da sátira propia dos seus primeiros pasos literarios, a unha sensibilidade e amargura que amosou co seu alcume "El Viejo Pancho". Con el, escribiu nesta publicación catorce textos, entre os que atopamos "Resolución" e "La güeya", consideradas como obras moi importantes no conxunto da súa produción literaria.[14]
Trelles, en relación a El Tala Cómico e a Momentáneas, escribiu na súa autobiografía:
De novembro de 1894 a marzo de 1897 publicou, valéndose dun Ciclostil no que rebordou paciencia e habilidade caligráfica, oitenta e tres números de El Tala Cómico, xornal semisatírico e semiilustrado que non deixou títere con cabeza no departamento e serviu de ensaio para as súas posteriores críticas literarias, "abondo" menos lustrosas que as do insigne Clarín, pero non menos demoledoras que as do bo de Valbuena. E de xuño de 1899 a xaneiro de 1900, vintetrés números de Momentáneas, con "tricomías" que daban as doce.[15]
Poesía gauchesca
[editar | editar a fonte]As súas aptitudes como escritor de poesía gauchesca foron evolucionando co paso do tempo e as sucesivas publicacións de El Tala Cómico e Momentáneas, nas que absorbía e manifestaba a idiosincrasia da xente de Tala e outros lugares do interior do Uruguai, como Florida, Durazno ou Minas, localidades que Trelles visitou acotío.
Algunhas das obras atopadas nesas revistas comezaron a ser recollidas por publicacións como a famosa revista criolla "El Fogón" de Montevideo, á que contribuíu, xunto a Elías Regules, Orosmán Moratorio, Alcides de María, Martiniano Leguizamón e outros poetas. Como as revistas El Fogón ou El Terruño eran de tirada moito maior que as que manexaba Trelles, lograron popularizar algúns dos seus textos. A modo de exemplo, "La Güeya", publicada no "Momentáneas" do 10 de setembro de 1899, e recollida case de inmediato por El Fogón.[16]
Paja Brava
[editar | editar a fonte]As publicacións anteriores, xunto con outras, foron recollidas na súa obra principal, editada en 1915 co título de Paja brava. Esta recompilación dos seus poemas gauchescos tivo unha importante repercusión e un grande éxito de vendas, reeditándose unhas vinte veces. Algunhas destas edicións estiveron ilustradas por renomeados artistas uruguaios.[18][19]
Outro indicio do impacto deste libro foi a incorporación por parte de Carlos Gardel dos poemas "Insomnio, "¡Hopa! ¡Hopa! ¡Hopa!", "¡Como todas!" e "Misterio" ó seu repertorio, con música composta por Américo Chiriff.
Asemade, Alfredo Zitarrosa baseou no poema "De la lucha" unha das súas cancións, e o compositor Eduardo Fabini escribiu a música de "La Güeya" e "Pa ejemplo".
En 1998 publicouse a edición en galego, co nome de Paja Brava de El Viejo Pancho e outras obras de José A. y Trelles pola editorial Oriberthor, S.L., cunha breve biografía do autor.[20]
Actuación política
[editar | editar a fonte]O 25 de setembro de 1902, Alonso y Trelles obtivo a cidadanía uruguaia. Entre os anos 1908 e 1911, foi deputado polo Partido Nacional, sendo primeiro suplente polo Departamento de Canelones. A súa afinidade con este partido político asoma nalgunhas das súas poesías no libro Paja Brava[21]. a súa chegada á Cámara de Representantes acompañouse de certo debate nos xornais, que discutiron a súa idoneidade en base á súa condición de estranxeiro. Isto deu lugar a que a comisión de poderes da Cámara de Representantes redactara o seguinte texto informativo:
[...]Que estando o Sr. Trelles en condicións legais para ser electo deputado, en virtude da súa carta de cidadanía, que data do día 25 de setembro de 1902, e que esta Comisión tivo á vista, deben aceptarse os seus poderes".
Tras aclararse este punto, Trelles tomou posesión do seu cargo o 20 de febreiro de 1908. No seu período como representante destacouse na súa defensa das autonomías municipais.
Anos finais
[editar | editar a fonte]Despois de dar por rematada a súa actividade política, mudouse a Montevideo polos estudos dun dos seus fillos. Nesta época fixo unha viaxe a Asturias e Galicia, visitando a súa familia. De volta ao Uruguai, recibiu unha grande homenaxe en San José o 8 de xaneiro de 1922.[22]
Morreu en Montevideo en 1924, vítima dunha longa enfermidade asociada cunha peritonite.
Obra literaria
[editar | editar a fonte]Foi o representante máis coñecido da poesía tradicionalista, vixente na rexión entre fins do século XIX e principios do XX.
- Juan el loco (poema de dos cantos. Prólogo de Orosmán Moratorio. Montevideo, 1867)
- ¡Guacha! (drama nacional en un acto. Imprenta y casa editorial "Renacimiento", de Luis e Manuel Pérez. Carta-prólogo de Casiano Monegal. Montevideo, 1913)
- Paja brava (1º ed. versos criollos. Imprenta y casa editorial "Renacimiento" de Luis e Manuel Pérez. Montevideo, 1915)
[Edicións sucesivas:
- Paja brava (2º ed. versos criollos. Edición aumentada. Imprenta y casa editorial "Renacimiento" de Luis e Manuel Pérez. Montevideo, 1920)
- Paja brava (3º ed. versos criollos. Edición aumentada. Librería Nacional Antonio Barreiro y Ramos. Barreiro y Cía. Sucesores. Montevideo, 1923)
- Paja brava (4º ed. versos criollos. Edición aumentada. Prólogo de Justino Zavala Muniz. Agencia general de Librería y Publicaciones. Montevideo - Buenos Aires, 1926)
- Paja Brava de El Viejo Pancho e outras obras de José A. y Trelles (en galego), Ed. Oriberthor, S.L. 1998]
Algunhas das súa obras foron musicadas. Carlos Gardel incluíu no seu repertorio varios poemas seus, musicados por Américo Chiriff: "Insomnio", "¡Hopa! ¡Hopa! ¡Hopa!", "¡Cómo Todas!" e "Misterio".
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]En Ribadeo leva o seu nome a rúa onde se atopa a casa onde naceu (antes chamada 'das Angustias'), e a Biblioteca local.
Organizáronse diversos actos arredor da súa figura, como o congreso Os vínculos culturais Galicia-Uruguay,[23] a cabalo entre Vilanova de Lourenzá e Ribadeo no ano 2007, adicado a el e mais a Juana de Ibarbourou.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Río Navia.". 30 de setembro de 1923.
- ↑ Pérez Leira, Lois (2000). Enciclopedia da Emigración.
- ↑ Sabat Pebet, Juan Carlos (10 de setembro de 1929). El Cantor de Tala. Atelier de Artes Gráficas "Futura". p. 38.
- ↑ El Cantor de Tala. Op. cit.
- ↑ Alonso y Trelles, José (9 de decembro de 1894). El Tala Cómico.
- ↑ El Cantor de Tala. Op. cit. p. 58.
- ↑ Presentación ó público de El Tala Cómico, 18 de novembro de 1894. José Alonso y Trelles.
- ↑ Alonso y Trelles, José (26 de decembro de 1894). La Razón.
- ↑ Alonso y Trelles, José (9 de febreiro de 1896). El Tala Cómico.
- ↑ El Cantor de Tala. Op. cit. p. 73.
- ↑ El Cantor de Tala. Op. cit. p. 81.
- ↑ Alonso y Trelles, José (10 de setembro de 1899). Momentáneas.
- ↑ "Momentáneas". Número 1, xuño de 1899. José Alonso y Trelles.
- ↑ El Cantor de Tala. Op. cit. p. 79.
- ↑ Alonso y Trelles, José. Autobiografía.
- ↑ El Cantor de Tala. Op. cit. p. 97.
- ↑ Alonso y Trelles, José (setembro de 1918). El Terruño.
- ↑ Henciclopedia, Gustavo San Román (2007). "José Alonso y Trelles: entre la gauchesca y el nativismo". Consultado o 2008.
- ↑ Un bestseller nacional
- ↑ Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (1998). "Reseña de "Paja Brava de El Viejo Pancho e outras obras de José A. y Trelles"". Arquivado dende o orixinal o 23 de setembro de 2015. Consultado o 2008.
- ↑ Martínez, Miguel Víctor (1939). Ministerio de Instrucción Pública, ed. "Ensayo sobre José Alonso y Trelles". Revista Nacional" Nº 22. Consultado o 2008.
- ↑ El Cantor de Tala. (Op. cit.). p. 44.
- ↑ AAVV. Actas Congreso Os vínculos culturais Galicia-Uruguay (PDF).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Xosé María Alonso Trelles |
A Galifontes posúe textos orixinais acerca de: Xosé María Alonso Trelles |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Entrada "Alonso-Trelles y Jarén, Xosé María" do Dicionario biográfico de Galicia, Ir Indo Edicións, 2010-2011, Vigo.
- Pérez Leira, Lois (2009). Protagonistas de una epopeya colectiva (en castelán) (2ª ed.). Vigo: Grupo de Comunicación Galicia en el Mundo. ISBN 978-84-936759-8-1.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Comentarios biográficos e algunha obra de el Viejo Pancho
- Alonso Trelles, Xosé María. En Galiciana (Biblioteca Dixital de Galicia).