Portal:Música clásica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A música clásica é a corrente musical que comprende principalmente a música producida ou baseada nas tradiciones de la música occidental, tanto litúrxica como secular. Abrangue un periodo de tempo que vai aproximadamente dende o século XI á actualidade, e inclúe o período clásico e outros. As normas centrais desta tradición foron codificadas entre 1550 e 1900, período que é coñecido como o período da práctica común. As principais divisións temporais da música occidental son as seguintes: música antiga, que inclúe a música medieval (500-1400) e a música renacentista (1400-1600); o período da práctica común, que inclúe a música barroca (1600-1750), a música clásica (1750-1820), e a música romántica (1804-1910); e a música do século XX e música contemporánea.

A música clásica distínguese da música popular e de outras formas musicais non europeas pola súa característica notación musical simbólica, en uso dende aproximadamente o século XVI. Dita notación permite aos compositores prescribir de xeito detallado o tempo, a métrica, o ritmo, a altura e a execución precisa de cada peza musical. Isto limita o espazo para a improvisación ou a ornamentación ad libitum, que son frecuentes na música artística non europea e na música popular. Outra característica é que mentres a maioría dos estilos «populares» tenden a desenvolverse arredor do xénero da canción, a música clásica tense caracterizado polo desenvolvemento de formas e xéneros musicais altamente sofisticados, e polo uso dunha moi variada e complexa instrumentación.

O termo "música clásica" non apareceu ata principios do século XIX, nun intento de canonizar o período dende Johann Sebastian Bach ata Beethoven como a idade dourada. A primeira referencia que temos do termo "música clásica" aparece no Oxford English Dictionary, en torno a 1836.

Artigo destacado

editar

Os Poemas sinfónicos son unha serie de trece obras orquestrais do compositor húngaro Franz Liszt, numerados como S.95-107 no catálogo de Humphrey Searle. Os primeiros doce foron compostos nunha forma perfectamente orixinal, entre 1848 e 1858, e o último, Von der Wiege bis zum Grabe ("Do berce ao túmulo"), data de 1882. Estes traballos axudaron a estabelecer o xénero da música programática orquestral (composicións escritas para ilustrar proxectos extramusicais derivados dunha obra teatral, un poema, unha pintura ou obras da natureza). Serviron de inspiración para os poemas sinfónicos de Bedřich Smetana, Antonín Dvořák e Richard Strauss, entre outros.

A intención de Liszt para estas obras cun único movemento, segundo o musicólogo Hugh MacDonald, foi «amosar a lóxica tradicional do pensamento sinfónico». Ao mesmo tempo, quería incorporar a capacidade da música programática para inspirar os oíntes a imaxinar escenas, imaxes ou estados de ánimo. Para capturar estas calidades dramáticas e evocadoras e ao mesmo tempo acadar as proporcións do movemento de abertura, combinou elementos propios da abertura e da sinfonía nun deseño modificado da sonata. A composición dos poemas sinfónicos resultou desalentadora. Foron sometidos a un proceso de experimentación continua que incluíu moitas etapas de composición, ensaio e revisión para chegar a un equilibrio na forma musical.

Consciente de que o público apreciaba a música instrumental con contexto, Liszt escribiu prefacios para nove dos seus poemas. Con todo, a visión que tiña do poema sinfónico tendía a ser evocadora, empregando a música para crear un estado de ánimo xeral ou unha atmosfera en lugar de ilustrar unha narración ou describir algo literalmente. Neste sentido, o especialista na obra de Liszt Humphrey Searle suxire que podía ter estado moito máis próximo ao seu contemporáneo Hector Berlioz que a moitos dos que o seguiron na composición de poemas sinfónicos.

Imaxe destacada

editar

John Cage en 1988.
Vexa o artigo música aleatoria.


Este mes
Categorías
Biografía destacada

editar

Prudencia Eugenia Juana Osterberger Luard, coñecida simplemente como Eugenia Osterberger, nada en Santiago de Compostela o 20 de decembro de 1852 e finada en Niza o 8 de febreiro de 1932, foi unha compositora galega do romanticismo. Filla dunha coruñesa e un gravador e litógrafo alsaciano, Eugenia Osterberger pronto amosou interese pola música, aprendendo dende nena a tocar o piano. Anos despois do seu regreso de formarse en Francia casou co enxeñeiro francés Francisco Saunier e instalouse na cidade da Coruña. Na cidade herculina Osterberger mantivo relación non só con destacadas personalidades da música galega do seu tempo, senón tamén da literatura, como Emilia Pardo Bazán, integrándose na sociedade El Folk-Lore Gallego, que presidía a propia Emilia. Polas súas achegas no campo da música foi nomeada membro correspondente da Real Academia Galega cando esta se fundou en 1906. En 1908 trasladouse coa súa familia á cidade de Niza, onde residiu ata a súa morte.

A súa obra, en boa parte descoñecida, foi publicada pola editorial de Canuto Berea na Coruña (editando obras puramente instrumentais), F. Laurens en París e as editoriais de Benito Zozaya e Casa Dotesio en Madrid. As poucas obras coñecidas da compositora compostelá inclúen obras para piano só e cancións de salón para voz e piano. Ademais de destacar a súa produción musical, Eugenia Osterberger participou en diversas iniciativas de dignificación da cultura galega.

Canto menos durante os anos que residiu na Coruña cómpre salientar tamén a súa actividade pedagóxica, contándose entre as súas alumnas Pilar Castillo, quen logo sería unha pianista recoñecida internacionalmente e que posiblemente ocupou a cátedra de piano en Madrid.

Cita destacada

editar

Boulez en 1968.
O propósito da música non é expresar sentimentos senón expresar música.
Son destacado

editar

Cuarto movemento ("Entrückung", sehr langsam) do Cuarteto nº 2 con soprano de Arnold Schönberg, interpretado polo Carmel String Quartet.
Vexa o artigo atonalismo.


Sabías que...

editar


Proxectos relacionados


Artigos de calidade e bos

editar

Artigos de calidade (52)

Artigos bos (10)

Portais relacionados

editar

Ballet
Ballet

Ballet

Música
Música

Música

Ópera
Ópera

Ópera

Proxectos irmáns

editar

Wikimedia Commons
Wikimedia Commons

en Commons