Ángel Buceta Loroño
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 17 de xaneiro de 1917 ![]() Vilagarcía de Arousa, España ![]() |
Morte | 11 de outubro de 1937 ![]() Pontevedra, España ![]() |
Causa da morte | pena de morte, ferida por arma de fogo ![]() |
Actividade | |
Ocupación | sindicalista, maquis ![]() |
![]() |
Ángel Buceta Loroño, nado en Vilagarcía de Arousa o 17 de xaneiro de 1917 e finado en Pontevedra o 11 de outubro de 1937, foi un sindicalista e guerrilleiro galego.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Empregado. Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 fuxiu ao monte por medo a ser detido. Refuxiouse no mato chamado Picote, en Rubiáns, onde dúas mulleres lle levaban a comida. A principio de 1937 integrouse no grupo guerrilleiro organizado por Rodrigo Beruete Alejandre no monte Xiabre con outros fuxidos: Ramón Rodríguez Carregal, Francisco Baamonde García, Manuel Martínez Freire, José Torres Eiras, e Serafín Brea Otero, ao que se foron incorporando Urbano Tarrío Montero, Manuel Limeres Ordóñez, Juan Gil Quintela, Antonio Basilio Sayanes González, Pilar Fernández Seijo e Manuel Díaz Hermo.
Perseguidos pola Garda Civil, o exército, os carabineiros e as milicias de Falanxe e a Garda Cívica de Vilagarcía, o 13 de febreiro de 1937 cercaron a casa de Pilar Fernández en Trabanca Badiña onde estaban refuxiados Buceta, Beruete, Juan Gil e Manuel Díaz, pero lograron fuxir. Na persecución morreu Manuel Díaz Hermo e Ángel Buceta, ferido, entregouse dous días despois no cuartel. A súa declaración levou á detención de Francisco Baamonde. Estivo internado no Hospital de Pontevedra ata o 31 de marzo. O 22 de xullo de 1937 foi xulgado en consello de guerra en Pontevedra por rebelión xunto con Francisco Baamonde. Condenados á pena de morte, foron executados o 11 de outubro de 1937 ás seis da mañá, na avenida de Buenos Aires de Pontevedra, por unha sección da Garda de Asalto.[1] Abríronlle expediente de responsabilidades políticas en 1940.[2]
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Abuín Duro, Marcelino (2018). La primavera rota. Vilagarcía de Arousa, 1936-1941. Abegondo: Sociedad Bibliográfica de Galicia. pp. 294–302. ISBN 978-84-09-02453-7.