Ángel García Seoane
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 12 de marzo de 1952 (72 anos) Perillo, España |
Alcalde de Oleiros | |
2003 – ← Esther Pita | |
Alcalde de Oleiros | |
1985 – xullo de 1996 (inhabilitación para cargos públicos) – Esther Pita → | |
Actividade | |
Lugar de traballo | Oleiros |
Ocupación | político, músico, sindicalista |
Partido político | Alternativa dos Veciños |
Ángel García Seoane[1] (tamén coñecido como "Gelo"), nado en Perillo (Oleiros) o 12 de marzo de 1952, é un músico, promotor inmobiliario e político galego de Alternativa dos Veciños.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Estudou música na Coruña, pagando os estudos traballando en SEAT, onde organizou unha folga con 17 anos, en 1968.[2] De mozo pasou unhas horas no calabozo despois de mandar varias cartas ao gobernador civil para protestar polas infraccións urbanísticas en Oleiros.[3] A última carta que lle enviou ao gobernador civil estaba escrita sobre papel de lixa e nela retábao a darlle o mesmo uso que as anteriores.[3][4]
Foi un dos promotores do Sindicato Galego da Música e durante vinte anos traballou nunha orquestra tocando o acordeón e a batería. En 1975 afiliouse ao PCE do que se deu de baixa para presentarse ás eleccións de 1979 en Oleiros pola Candidatura dos Veciños encabezada por José Luís Martínez Suárez. Dita candidatura logrou unha ampla maioría absoluta e pasou a asumir responsabilidades de goberno, sendo ademais elixido deputado provincial. Nas municipais de 1983 presentouse como candidato de Alternativa dos Veciños á alcaldía de Oleiros, quedando como segunda forza tras AP, polo que pactou un goberno co PSdeG e Esquerda Galega, se ben encabezado polo candidato socialista José María del Monte González (que fora a terceira forza), sendo el primeiro tenente de alcalde e concelleiro de urbanismo. Trala dimisión do alcalde, foi elixido novo rexedor en maio de 1985. En 1987 foi reelixido alcalde ó encabezala candidatura máis votada. En 1991 revalidaría a alcaldía con maioría absoluta, presidindo ademais dende ese ano AV tralo seu rexistro como partido. En 1995 perdeu a maioría absoluta e revalidou a alcaldía con maioría simple. Tivo que deixar a alcaldía en xullo de 1996 por unha inhabilitación de seis anos,[5] sendo substituído por Esther Pita Pita. Foi nomeado asesor da nova alcaldesa, sendo acusado polos seus rivais de seguir sendo o alcalde na sombra. Desta maneira Esther Pita encabezou a candidatura de AV en 1999 e revalidou a alcaldía con maioría simple.
Tras cumprir a súa inhabilitación, volveu presentarse como candidato por AV nas eleccións municipais de 2003 logrando aumentalos apoios da súa formación ata quedar ó bordo da maioría absoluta, polo que recuperou a alcaldía e pasou a gobernar en coalición co único concelleiro do BNG. En setembro de 2006 Alternativa dos Veciños optou por rompelo acordo co edil nacionalista e afrontou en minoría o resto do mandato. En 2007 logrou novamente a vitoria e, aínda que perdeu apoios, revalidou novamente a alcaldía e continuou gobernando o concello en minoría. En 2011 revalidou a alcaldía con maioría absoluta.
De cara ás municipais de 2015 promoveu a expansión de Alternativa dos Veciños cara a outros concellos da área da Coruña, con vistas a obter representación na Deputación da Coruña. Nestes comicios revalidou a alcaldía de Oleiros ampliando a maioría absoluta que ostentaba, dende os 11 ata os 14 concelleiros. Estes resultados, sumados ó logro de varios concelleiros en distintos municipios da súa contorna supuxeron que AV lograse unha acta de deputado provincial que pasou a ocupalo propio García Seoane, o cal foi un dos apoios puntuais do goberno provincial formado por PSdeG e BNG. En 2019 e 2023 revalidaría novamente a alcaldía cunha ampla maioría absoluta de 13 concelleiros, o cal sumado á continuación da expansión do seu partido a outros concellos, supuxo que revalidase a súa acta na Deputación na cal seguiu sendo un dos socios puntuais do goberno provincial de socialistas e nacionalistas.
Polémicas
[editar | editar a fonte]En 1996 foi inhabilitado para o exercicio de cargos públicos durante 6 anos e 1 día polo derribo do muro dunha caseta a pé de praia en Santa Cristina.
Foi denunciado en 2009 polo PP de Oleiros pola estatua de Che Guevara que custou 180.000 euros, en 2013 a denuncia foi arquivada.[6]
En 2010 foi condenado polo TSXG ao derribo de parte da súa casa (4 metros) por invadir parte da zona de dominio público.[7] O concello que el mesmo presidía indemnizouno con 60.000 euros.[8]
En decembro de 2012 dous mozos dominicanos foron detidos por ameazar e intentar linchar co apoio dun grupo formado por entre 30 e 40 persoas a dous axentes que se encontraban de patrulla pola zona de copas de Santa Cristina. Sobre isto declarou:
“Despois do xuízo, nin cárcere nin nada, expulsión de España e que volten ao seu país de orixe”.[9]
En decembro de 2020, Ángel García Seoane ordenou o derribo da casa Carnicero de Perillo (que ficou parcialmente destruída por mor dun incendio en xullo dese mesmo ano). En 2023, Seoane revelou que a Fiscalía solicitaba para el 15 meses de cárcere e 13 anos de inhabilitación pola demolición das ruínas da casa Carnicero, ademais do pagamento dunha multa de 27.000 euros.[10]
En 2023 eloxiou a política de vivenda do ditador Francisco Franco:
«Lamentablemente Franco (...) fixo máis vivendas en este país ca ningún goberno democrático. É triste dicir isto e por unha persoa de esquerda máis, pero é certo que se fixeron máis vivendas protexidas polas huestes del que en toda a democracia xunta e hai que deixarse de demagoxia, que se poñan as pilas os que lles toca gobernar para que isto cambie e a xente con menos recursos poda lograr unha compra». [11]
Predecesor: José María del Monte González |
Alcalde de Oleiros 1985 - 1996 |
Sucesor: Esther Pita Pita |
Predecesor: Esther Pita Pita |
Alcalde de Oleiros 2003 - actualidade |
Sucesor: no cargo |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "O alcalde". Concello de Oleiros.
- ↑ "Las polémicas de ‘Gelo’: las mayores salidas de tono del alcalde de Oleiros". El Español. 4 de abril de 2020.
- ↑ 3,0 3,1 "El vuelo de una casa con goma 2". La Opinión A Coruña. 25-08-2013.
- ↑ "Ángel García Seoane, alcalde de Oleiros: «¿Rueda? No lo conozco»". La Voz de Galicia. 22 de novembro de 2022.
- ↑ "Gelo contra todos y contra sí mismo". ABC (en castelán). 15 de maio de 2007.
- ↑ Eduardo Eiroa (13 de agosto de 2013). "El juez archiva la denuncia contra el alcalde de Oleiros por la estatua del Che". La Voz de Galicia (en castelán).
- ↑ "El alcalde iniciará el derribo de parte de su casa de As Galeras en dos semanas". La Opinión (A Coruña) (en castelán).
- ↑ "Oleiros pagará a su alcalde 60.000 euros por el derribo parcial de su vivienda". La Voz de Galicia (en castelán). 22 de maio de 2013.
- ↑ Seoane exige que se expulse de España a los agresores de dos policías locales. El Ideal Gallego.
- ↑ "La Fiscalía pide 15 meses de cárcel para García Seoane por el derribo de casa Carnicero". La Voz de Galicia. 3 de febreiro de 2023.
- ↑ "El alcalde de Oleiros elogia la política de vivienda de Franco". La Voz de Galicia. 1 de abril de 2023.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- "Os candidatos do PSOE e do PP usan Oleiros para ascender a Santiago". La Opinión (A Coruña). 1 de maio de 2011.