Abadín, Abadín
Abadín | |
---|---|
Lugar de Gontán. | |
Concello | Abadín[1] |
Provincia | Lugo |
Coordenadas | 43°21′00″N 7°29′00″O / 43.35, -7.48333333 |
Área | 2,55 km² |
Poboación | 258 hab. (2019) |
Densidade | 101,18 hab./km² |
Entidades de poboación | 7[1] |
[ editar datos en Wikidata ] |
Santa María de Abadín é unha parroquia do concello de Abadín na comarca da Terra Chá. Tiña 268 habitantes en 2015 (136 homes e 132 mulleres) segundo datos do IGE[2]. Iso supón unha diminución da poboación respecto a 2014 cando vivían nas súas sete entidades de poboación 269 veciños (138 homes e 131 mulleres).
Xeografía física e humana
[editar | editar a fonte]Limita coas parroquias de Candia, Cabaneiro, Fanoi, Fraiás e Quende. Ten unha altitude media de 500 msnm.
Dos once lugares recollidos na toponimia oficial, sete son entidades de poboación; a súa densidade media de poboación no 2015 era 105,1 hab/km². As devanditas entidades co seu respectivo número de habitantes no 2014 son Os Carballás (36), Fernandaño (9), Gontán (13), Pedralba (12), Pedreiras (68), Provecende ou Abadín (108), e A Torre (22). Outros lugares (que xeralmente forman parte dalgunhas das entidades) son: O Convento, O Correo e A Poceira.
Relixiosamente, pertence ao arciprestado da Terra Chá da diocese de Mondoñedo-Ferrol. A partida bautismal máis antiga que recolle o arquivo parroquial corresponde ao 1738.
Patrimonio
[editar | editar a fonte]Na aldea da Torre atópase a igrexa parroquial de Santa María de Abadín, situada nun alto que domina unha extensa zona de labradío, coa paisaxe montañosa ao fondo. É de estilo románico da primeira metade do século XII, coa capela maior do século XVI de estilo gótico isabelino, e cunha sancristía acaroada detrás de época posterior. A nave ten unha planta rectangular, cos muros de cadeirado de granito e cuberta de lousa a dúas e catro augas. A fachada ten un arco de medio punto con grandes doelas, un pequeno rosetón céntrico con trazarías, e espadana dun só corpo e dous vans. Aparece coroada por dous escudos nos laterais da fachada, nos que se distinguen as estrelas e a media lúa da casa dos Luaces, que estivo vinculada a esta parroquia dende o ano 1574. No interior destaca a capela maior con arco triunfal de medio punto sobre columnas cuxos capiteis teñen os escudos dos Luaces, igual que a clave da bóveda nervada; dúas laudas sepulcrais no pavimento pétreo; retablo maior de estilo renacentista popular e retablos laterais de traza popular e máis moderna.
Ao seu carón sitúase, ademais, un fermoso cruceiro realizado en granito no adro: consiste nunha cruz florenzada coas figuras de Cristo no anverso e a Piedade no reverso; capitel con anxos nos lados e volutas nas esquinas, fuste poligonal coa custodia e os atributos da Paixón; con base tronco-piramidal sobre dous chanzos cuadrangulares e sen inscrición.
Na contorna desta igrexa atópase a ermida da Nosa Señora de Fátima, lugar de celebración dunha concorrida feira tradicional.
Lugares e parroquias
[editar | editar a fonte]Lugares de Abadín
[editar | editar a fonte]Lugares da parroquia de Abadín no concello de Abadín (provincia de Lugo) | |
---|---|
Abadín | Os Carballás | O Convento | O Correo | Fernandaño | Gontán | Pedralba | Pedreiras | A Poceira | Provecende | A Torre |
Parroquias da Abadín
[editar | editar a fonte]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Decreto 6/2000, do 7 de xaneiro, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia de Lugo.
- ↑ IGE (ed.). "IGE - Nomenclátor de Galicia" (en galego). Arquivado dende o orixinal o 30 de decembro de 2020. Consultado o 11 de decembro de 2016.