Ada Martí Vall
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 29 de xuño de 1914 Barcelona, España |
Morte | 1 de decembro de 1960 (46 anos) París, Francia |
Causa da morte | suicidio, sobredose de barbitúricos |
Ideoloxía política | Anarquismo |
Actividade | |
Ocupación | xornalista, escritora |
Ada Martí Vall, nada en Barcelona o 29 de xuño de 1914 e finada en París o 1 de decembro de 1960, foi unha xornalista e escritora española de ideoloxía anarquista. Aínda que as bases de datos e artigos sobre a súa actividade indican que o seu nome oficial era Maria de la Concepció Martí Fuster, parece que pode ser unha confusión e en realidade chamábase Concepció Martí Vall.[1][2] Ao comezo da Guerra Civil era da Federación Estudiantil de Conciencias Libres (FECL). Exiliada en París, morreu por unha sobredose de somníferos aos 46 anos.[3]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Nacida en Barcelona no seo dunha familia obreira, estudou psicoloxía. Mantivo correspondencia con Pío Baroja[4] e citou con profundo coñecemento a Kierkegaard, Unamuno, Freud, Wilhelm Reich, Romain Rolland, Rebelais, Gide, etc.[5]
Desde moi nova identificouse co nihilismo e o pesimismo existencial de Schopenhauer e Nietzsche. Formou parte do grupo racionalista Los idealistas Prácticos, fundado polo doutor Félix Martí Ibáñez, estivo activa na FECL e foi asistente asidua das tertulias da CNT-FAI organizadas por Rodolfo González Pacheco, dramaturgo arxentino que fundou o Teatro del Pueblo, no que tamén participaron Simón Radowitzk e Vicente Tomé, António Casanova (fundador de FORA Arxentina), a súa amiga Dolores (Eva) Cascante e outros. Nestes encontros, namorouse do pedagogo arxentino José Mª Lunazzi, miliciano da Columna Durruti, co que rompeu rotundamente o día que o viu vestido de soldado. Muller inconformista e iconoclasta, rexeitou o culto á personalidade e escribiu artigos contra a deificación de Durruti e Ascaso.[6]
Tivo un papel destacado no traballo dos Institutos obreiros e publicou varios relatos e artigos sobre a liberación e o papel da muller na revolución, colaborando nas publicacións: La Revista Blanca (sección de novela ideal) Estudios, Evolución, Esfuerzo, Ruta, El amigo del pueblo, Tierra y Libertad, Mujeres Libres, Acracia etc. A finais de 1937 participou nun congreso en Valencia, onde se fundou a Federación Ibérica de Estudantes Revolucionarios (FIER) e dirixiu a revista Fuego. Tivo varios enfrontamentos con Serafín Aliaga, membro do Comité Peninsular da Federación Ibérica de Xuventudes Libertarias (FIJL), xa que ela consideraba que a FIER non tiña que ser unha "especie de cenáculo de inútiles discusión filosóficas, senón unha activa organización específica e sindical".[5]
Exiliada en Francia ao final da Guerra Civil, levou unha vida nómade e semi-clandestina. Durante a Segunda Guerra Mundial axudou as persoas refuxiadas españolas, pero nunca participou na Resistencia francesa, nin quixo colaborar con estalinistas. Tampouco volveu entrar na CNT por graves discrepancias e desencontros. Mantivo unha intensa relación coa arxentina Dolores (Eva) Cascante, á que axudou en difíciles circunstancias, cando foi acusada de colaboracionismo.[7]
Ada Martí foi unha muller libre, cunha intensa vida amorosa e un matrimonio aburrido, pero inexplicablemente casou cun profesor danés e en 1948 tiveron un neno. En setembro dese mesmo ano, divorciouse, obtivo a custodia do seu fillo Frederic e estableceu a súa residencia en París.[5]
Interesouse polo existencialismo e frecuentou o Cafè de Flore, Édith Piaf e a bohemia parisiense. Recomendaba a lectura de Sartre, Albert Camus, Simone de Beauvoir, etc. Namorouse dun libreiro ruso chamado Boris, quen comprou unha boite (posto de libros de segunda man) a carón do Sena. Vivían xuntos no Boulevard Raspail e en 1952 naceu a súa filla Clàudia, o mesmo ano que as deixou Boris.[6] Máis tarde coñeceu a Roland con quen viviu no Boulevard Saint-Germain. Os problemas económicos e o seu estado de ánimo empeoraron e Roland desapareceu da súa vida. Frederic e Clàudia vivían nunha pensión e no ano 1956, ao sentirse ela incapaz de coidalos, pediulle á súa amiga Anna Sánchez que os adoptase. Ante a súa negativa, ao día seguinte simulou un intento de suicidio.[5]
O desarraigo, o afastamento da familia, as carencias económicas e a imposibilidade de dedicarse plenamente á literatura, afectaron gravemente a súa saúde física e mental. En 1957 o seu amigo Abel Paz (Diego Camacho Escámez) atopouna por casualidade, vivía en Notre-Dame des Champs, preto de Montparnasse. Tivo unha relación co exiliado húngaro Georges Villa e subsistiu como bouquinista, vendendo libros de ocasión no Quai des Grandes Agustins, a carón do Pont Neuf, onde nunca faltaba unha caixa (boite) chea de literatura española.[8]
O 29 de agosto de 1959, nunha intervención cirúrxica de baixo risco, o seu fillo Frederic morreu tras non recuperarse da anestesia. Ada Martí non puido superalo e foi vítima dunha profunda depresión, e 1 de decembro de 1960 morreu tras inxerir un tubo de somníferos.[9]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Aisa Pàmpols, Manel (2019). Ada Martí Vall (en català). El Lokal. ISBN 978-84-120257-1-2.
- ↑ JMCG (10 de marzo de 2023). "Concepció Martí Vall (Ada Martí)". dichpc.iec.cat (en catalán). Consultado o 10 de xuño de 2024.
- ↑ Guillamón, Agustí (11 de novembro de 2013). "Diccionari militant: Martí, Ada (1915-1960)". cgtcatalunya.cat (en catalán). Consultado o 10 de xuño de 2024.
- ↑ https://www.anabad.org/la-memoria-historica-del-anarquismo-espanol-reposa-en-amsterdam/
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 Guillamón, Agustín (2024-04-29). "Nota biográfica de Ada Martí (1914-1960)". portaloaca.com (en castelán). Consultado o 2024-06-02.
- ↑ 6,0 6,1 Paz (2020), p. 256
- ↑ Paz, Abel. Entre la niebla (1939-1942) pàg. 167-168 (Dolores Eva Cascante) (en castelá). EA. p. 239. ISBN 9789200015304.
- ↑ "Ada Martí, una barcelonesa entre los bouquinistas parisinos (I)". negritasycursivas.wordpress.com (en castelán). 12 de xullo de 2009. Consultado o 10 de xuño de 2024.
- ↑ Archives Paris, ed. (1 desembre 1960). "Actes de naissance (1860-1924), mariage (1860-1947) et décès (1860-1986)" (en francés).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Paz, Abel (2020). Ada Martí. Una mujer anarquista. Colección: Biblioteca de la memoria (en castelán). Renacimiento. ISBN 9788417950934.